- GRÁFICO INTERACTIVO | Falecementos en Galicia 1980-2015 segundo a causa da morte
- Deputados que poden salvar vidas
Os falecementos en accidentes de tráfico están, dende hai un bo número de anos, no centro da axenda política e social. A expansión do vehículo privado e factores como a maior extensión da rede viaria ou o consumo de alcol provocaron un crecemento exponencial das mortes na estrada en todo o Estado. No caso galego, chegaron a roldar as 800 ao ano a comezos dos anos 90. No entanto, a maior concienciación social, o incremento das medidas de seguridade, medidas punitivas e reformas legais como o carné por puntos provocaron un descenso moi notable nestes falecementos mentres outros, os suicidios, permanecían case na categoría de tabú mentres o seu número se mantiña e mesmo aumentaba.
En 2015 morreron nas estradas 151 persoas e suicidáronse 318
Foi así como no ano 2008 a serie histórica amosou, por primeira vez, un maior número de suicidios que de mortes por accidentes de tráfico en vehículos a motor en Galicia. Nos anos seguintes os falecementos nas estradas seguiron baixando e os suicidios repuntaron ata acadar a súa maior cifra en dúas décadas, ata 371 nun só ano. O último dato dispoñible, o de 2015, divulgado este luns polo INE, indica un lixeiro descenso deste tipo de mortes, ata as 318, un volume de falecementos que por cuarto ano consecutivo é, folgadamente, o dobre que a cifra de persoas que perderon a vida en accidentes de tráfico, con 151 rexistros.
Profesionais da saúde mental reclaman dende hai anos un plan de prevención do suicidio no Sergas
Este incremento no número de persoas que dan en remataren coas súas propias vidas é o que levou nos últimos anos a organizacións como o Movemento Galego da Saúde Mental a reclamar medidas específicas como un plan galego de prevención do suicidio canalizado a través do Sergas, que a Consellería de Sanidade dixo estar disposta a atender. Para o seu voceiro, o psicólogo clínico do CHUS de Santiago Miguel Anxo García Álvarez, "o incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado da sociedade" que, ao seu xuízo, cabe ligar ao "cambio significativo nas condicións de vida da cidadanía" vinculado á crise.
A análise do MGSM compárte atamén o grupo de investigación Macrosalud da Universidade da Coruña. Nun estudo publicado en 2016 sobre a relación entre suicidios e a crise estes investigadores da UDC observaron unha relación "moi significativa" entre as dificultades económicas e o incremento deste tipo de mortes. Neste sentido, subliñabna a necesidade de "políticas socaiis focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables" e "programas específicos de prevención" que "adestrasen" o persoal do Sergas na detección temperá de condutas potencialmente suicidas.
Máis caídas mortais de maiores
As caídas xa son a primeira causa de morte non directamente vinculada cunha doenza
Os datos que vén de divulgar o INE traen consigo, non obstante, outra variación significativa e directamente ligada ao envellecemento da poboación galega. Malia ao incremento do seu número nos últimos anos os suicidios deixaron de ser nese 2015 a primeira causa de morte no país por factores externos. Fronte aos 318 suicidios rexistráronse 366 caídas accidentais con resultado de morte, que xa son a principal causa de morte non directamente vinculada cunha doenza. As caídas mortais incrementáronse en máis dun 140% no país dende o ano 2008 e fixérono fundamentalmente entre a poboación maior de 80 anos e, moi especialmente, na franxa de idade dos 85 aos 89 anos.
Principais enfermidades mortais
Aínda que algunhas das causas externas aumentasen nos últimos anos a poboación que falece en Galicia faino moi maioritariamente por problemas de saúde, entre os que preponderan de xeito claro as enfermidades cardiovasculares. Así, das máis de 30.000 defuncións de persoas residentes en territorio galego cuxa morte estivo ligada durante 2015 a algún tipo de doenza, máis de 9.500 faleceron por unha enfermidade circulatoria.
O incremento das mortes por cancro está ligado ao incremento xeral da esperanza de vida: dispáranse entre a poboación maior de 80 anos mentres se manteñen ou descenden entre persoas mozas
A continuación sitúanse as mortes por algún tipo de cancro nun contexto no que, non obstante, as autoridades sanitarias advirten que este incremento non se debe a unha maior expansión dos tumores entre a poboación, senón fundamentalmente ao incremento da esperanza de vida. Así, dende comezos dos anos 80 as mortes por cancro entre a poboación máis moza mantivéronse estables e mesmo descenderon: nos anos 90, por exemplo, falecían cada ano máis de 100 persoas de entre 30 e 39 anos a causa de tumores e agora son unhas 60, e no grupo de 15 a 29 anos reduciuse de arredor de medio cento a apenas 20.
Mentres, o número de falecementos por cancro entre persoas maiores de 80 anos non deixou de incrementarse. Así, en 1980 faleceran en Galicia unhas 700 persoas de entre 80 e 90 anos a causa dos tumores e, no pasado 2015, morreron máis de 2.700 persoas destas idades por mor do cancro. O cambio fundamental nestes anos, nos que os tratamentos contra o cancro avanzaron moi notablemente, foi que en 1980 a esperanza de vida ao nacer en Galicia era de pouco máis de 75 anos e no ano 2015 xa superaba os 82.