Investigadores da UDC acreditan a relación "moi significativa" entre suicidios e crise económica

Pintada nunha rúa © Olmo Calvo

"O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade". O pasado 2014 o Movemento Galego da Saúde Mental advertía da importancia de que, en plena crise, as autoridades sanitarias priorizasen a atención ás enfermidades mentais e aos transtornos que, impulsados polos problemas económicos, podían derivar en suicidio. Estes profesionais incorporábanse así á controversia a respecto do tratamento do suicidio e sobre a conveniencia de abordalo ou non publicamente, máis aínda ligado á economía. Este debate terá de agora en diante un elemento máis de xuízo en clave científica, un estudo no que investigadores da Universidade da Coruña conclúen a existencia de vencellos "moi significativos" entre a crise e o aumento dos suicidios.

A prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics publicará proximamente o artigo Crisis, suicide and productivity losses in Spain, un estudo no que os investigadores Berta Rivera, Bruno Casal e Luis Currais, membros do grupo de investigación Macrosalud da Facultade de Economía e Empresa da UDC, atopan vínculos entre indicadores da economía española e os incrementos nas taxas de suicidios. Os autores estiman, ademais, o impacto na produtividade que estes "falecementos prematuros" tiveron no conxunto da socieade do Estado.

Entre 2012 e 2013 o suicidio superou os accidentes de tráfico como causa de morte entre a poboación de entre 15 e 44 anos

No marco dun proxecto no que participan varias universidades, os profesores da UDC explican que nos anos 2012 e 2013 a primeira causa de morte entre a poboación de entre 15 e 44 foi o suicidio, situándose mesmo "por riba dos incidentes de tráfico". Ata chegar ao dato de 2013, con "8,2 falecidos por cada 100.000 habitantes", sinalan, produciuse unha "evolución nesta causa de morte" que "amosa aumentos sostidos dende o ano 2007 entre a poboación de maior produtividade laboral". Xusto dende ese ano, considerado como o do inicio da crise, "en España rexístrase unha caída significativa na actividade económica, coa implicación que isto ten para o mercado de traballo", isto é, de aumento disparado do paro.

As cifras e as repercusións sociais e económicas

Partindo desta base, os investigadores empregaron na súa análise un panel de datos das 17 comunidades autónomas con variables como o crecemento do PIB per cápita, o paro ou o desemprego de longa duración, todos estes entre os anos 2002 e 2013. Estes datos, xunto a "outras variables que a literatura científica" considera como "precursoras do suicidio ou protectoras fronte a el", como esperanza de vida, idade media, fertilidade, sexo ou o clima, foron valoradas para realizar dúas estimacións: unha para a poboación xeral e outra para a poboación en idade laboral. E os "principais resultados vinculan de forma moi significativa suicidios e variables do ciclo económico".

"Un aumento na taxa de desemprego do 1% relaciónase cun aumento en 0,029 suicidios por cada 100.000 habitantes", conclúe a investigación

Así, entre a poboación xeral, "un aumento na taxa de desemprego do 1% relaciónase cun aumento en 0,029 suicidios por cada 100.000 habitantes", incremento que chegaría ao 0,032 "se consideramos desemprego de moi longa duración". Restrinxindo a análise á poboación en idade laboral os valores chegan a un aumento de 0,042 suicidios "para a taxa de desemprego xeral" e 0,027 para a taxa de desemprego de moi longo prazo. Pola contra, detallan, "un aumento do 1% na taxa de crecemento do PIB xera unha redución de 0,08 suicidios por cada 100.000 habitantes"

Alén das evidentes consecuencias sociais e persoais, din os investigadores, a desatención a este problema tamén trae consigo consecuencias puramente económicas. No ano 2013, calculan, "perdéronse por esta causa de morte un total de 38.038 anos potenciais de vida laboral". Tendo en conta as características do mercado laboral español, especifican, "isto tradúcese nunha perda de 566 millóns de euros".

Os investigadores advirten da necesidade de programas de prevención do suicidio en persoas economicamente vulnerables

Con estes datos na man os autores do estudo ven acreditada a "importancia" da "perda de capital humano por esta causa de morte en épocas de crises económicas", polo que, como os profesionais da sáude, coidan "necesario contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables", isto é, nas persoas en situación de desemprego, "así como programas de prevención do suicidio". Sería necesario tamén "adestrar" os profesionais sanitarios "na identificación do problema nos seus estadios máis temperáns, sobre todo na atención primaria", e o investimento en "servizos sociais para persoas en situacións vulnerables".

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.