O déficit galego en atención psicolóxica agrávase ao non convocar a Xunta ningunha nova praza de especialista

Acto do Colexio Oficial de Psicoloxía © COP

A vindeira convocatoria de Oferta Pública de Emprego do Sergas non incluirá ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica, o que para o Colexio Oficial de Psicoloxía (COP) significa "un verdadeiro abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde". O COP lembra que dende o ano 2010 tan só se convocaron tres prazas e que na actualidade o número total de especialistas exercendo no Sergas non chega a cen, un ratio de 3,34 por cada 100.000 habitantes moi inferior á media estatal de 4,3. O Colexio de Psicoloxía sinala que "é imprescindible e urxente" convocar 26 prazas "como mínimo" para que Galicia se sitúe ao mesmo nivel que o resto de España.

O Colexio de Psicoloxía sinala que "é imprescindible e urxente" convocar 26 prazas "como mínimo" para que Galicia se sitúe ao mesmo nivel que o resto de España

"Con esta infradotación de psicólogos e psicólogas clínicas é imposible prestar os tratamentos psicolóxicos que se recollen na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde", destaca a entidade, "o que implica desatender a saúde mental da poboación galega e vulnerar os seus dereitos recollidos por lei". O Colexio explica que unha de cada tres consultas en atención primaria está vinculada coa saúde mental, "un nivel asistencial no que xa se está a incorporar a psicoloxía clínica noutras autonomías, a diferenza de Galicia". Salientan ademais que en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas "supera con moito a media estatal". Sobre o total de persoas con enfermidades crónicas, a prevalencia en Galicia é do 12,06% fronte ao 7,83% estatal no caso da depresión crónica, e dun 12,57% fronte a un 7,6% no da ansiedade crónica, o que esixiría para o COP "unha dotación de profesionais superior a media española".

Salientan ademais que en Galicia a prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico, como a depresión ou a ansiedade crónicas "supera con moito a media estatal"

O Colexio de Psicoloxía denuncia que "ante a falta de tratamentos psicolóxicos a resposta asistencial son psicofármacos" e lembra que desde o 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos, segundo a Axencia Española do Medicamento. Subliña que as taxas de suicidio continúan en niveis altísimos, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa do Estado (11,74 suicidios por cada 100.000 habitantes fronte a 7,76 na media estatal). Critica que "hai dispositivos asistenciais básicos en saúde mental sen psicólogas nin psicólogos clínicos e que son atendidos a tempo parcial", como hospitais de día psiquiátricos, unidades de psicoxeriatría ou unidades de saúde mental, E engade que "seguimos sen contar cun Plan Estratéxico de Saúde Mental en Galicia, unha necesidade urxente".

O Colexio de Psicoloxía denuncia que "ante a falta de tratamentos psicolóxicos a resposta asistencial son psicofármacos" e lembra que desde o 2000 cuadriplicouse o consumo de antidepresivos

A esta realidade, conclúe, hai que sumar que actualmente "uns 150 psicólogos e psicólogas clínicas que se formaron en Galicia e con cargo ás arcas públicas se atopan nas listaxes de contratación do Sergas", o que supón "unha perda de investimento económico e de recursos humanos para unha necesidade real, a da atención psicolóxica no Sergas". Esta ineficiencia económica increméntase "a través dun modelo asistencial baseado nos psicofármacos, que é máis caro e facilita a cronificación dos problema", engade o COP.

 

Acto do Colexio Oficial de Psicoloxía © COP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.