Volven as 'badaladas' para reclamar á Xunta máis recursos para previr os 300 suicidios anuais en Galicia

Acto do MGSM en demanda de medidas para previr os suicidios © MGSM

Este 10 de setembro celébrase, coma todos os anos, o Día Mundial da Prevención do suicidio, unha xornada na que entidades médicas e outras organizacións sociais buscan poñer o foco sobre esta problemática, adoito invisible ou silenciosa, pero que continúa a ser unha das principais causas de morte externa entre a poboación galega. 

As badaladas son tamén unha forma de visibilización pública "para confrontar o estigma do suicidio que frea en moitas ocasións a petición de axuda"

No ano 2018 foron 288 as persoas que morreron no noso país por esta causa. A cifra descendeu en relación a anos anteriores (chegara a ser de 371 no 2014), pero segue a duplicar, por exemplo, o número de falecidos e falecidas en accidente de tráfico. Entre os anos 2008 e 2014 o suicidio foi a principal causa externa de morte en Galicia. Dende entón, só foi superada polas caídas accidentais, cun peso cada vez maior debido ao envellecemento da poboación.

A taxa de suicidios sitúase en Galicia entre os 10 e 12 falecementos anuais por cada 100.000 habitantes, un dato só superado lixeiramente por Asturias e que se sitúa moi por riba da media española (7 casos/100.000, segundo o INE). O suicidio é moito máis habitual nos homes (unha taxa de 16 casos por cada 100.000 individuos) ca nas mulleres e a súa incidencia é directamente proporcional á idade. Con todo, a franxa de idade na que se producen máis casos nos varóns é entre os 40 e os 49 anos

No 2018 foron 288 as persoas que morreron no noso país por esta causa e chegaron a ser 371 no 2014

Este martes o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) convoca unha nova 'Badalada' en Santiago de Compostela, recuperando a campaña que levara a cabo con anterioridade para lembrar ás persoas falecidas e ás súas familias, para reivindicar a posta en marcha de medidas concretas que axuden na prevención do suicidio e tamén como unha forma de visibilización pública "para confrontar o estigma do suicidio que frea en moitas ocasións a petición de axuda".  O encontro terá lugar ás 8 da tarde, na Praza da Quintana.

O MGSM reclama tamén máis estudos e investigación sobre os factores individuais e sobre todo sociais que levan as persoas a quitar a vida. E, igualmente, esixe a posta en marcha de medidas integrais, no ámbito sociocomunitario, que acompañen as medidas clínicas.

O Movemento Galego da Saúde Mental recupera esta protesta para esixir do Goberno galego un maior compromiso orzamentario e de dotación de persoal.

A campaña "Badaladas pola prevención do suicidio" desenvolveuse ao longo do ano 2016 reclamando o compromiso do goberno galego para a elaboración do Plan Galego de Prevención do Suicidio (publicado finalmente en 2017). "A pasividade, cando non explícita oposición, do goberno galego para levalo a cabo, nuns anos nos que o número de mortes por suicidio alcanzaban unhas cifras intolerables, volvíase algo inaudito", lembran dende o MGSM.

"A evidente infradotación de persoal tradúcese nunha presión asistencial que impide realizar unha atención sanitaria integral, multidisciplinar"

Porén, a aprobación do plan ficou limitada pola ausencia de compromisos orzamentarios e de asignación de recursos humanos e pola ausencia de moitas das medidas e actuacións previstas. "É moi positivo que corrixisen a deriva negacionista ou simplificadora dunha realidade tan complexa como é o suicidio, pero desde o Movemento Galego da Saúde Mental seguimos a esperar a publicación do cronograma de execución do mesmo, o orzamento plurianual asignado e a previsión de incremento de dotación profesional necesario", sinalan.

Ademais, o MGSM denuncia que "o plan segue a basearse case exclusivamente no ámbito sanitario". "A evidente infradotación de persoal tradúcese nunha presión asistencial que impide realizar unha atención sanitaria integral, multidisciplinar, en condicións axeitadas de tempo, duración ou intensidade. Os protocolos só funcionan se se poden levar a cabo", engade a entidade.

O Movemento Galego de Saúde Mental considera que a prevención do suicidio debe ser unha "absoluta prioridade" dentro das políticas sanitarias, económicas, educativas e de protección social. "A prevención require coñecer de forma precisa a realidade complexa do suicidio, pero aínda non temos respostas. Agora anuncian, dous anos despois da elaboración do plan, o inicio dunha colaboración coa universidade para a realización de estudios epidemiolóxicos, ao tempo que valoran a diminución do número de mortes por suicidio como produto do mesmo sen realizar un estudio do efecto real destas medidas", sinalan. 

A prevención do suicidio debe ser unha "absoluta prioridade" dentro das políticas sanitarias, económicas, educativas e de protección social

"É un despropósito nunha Administración que ten a obriga de adoptar políticas sistemáticas de protección social e da saúde, que persistan no tempo, mesmo en condicións socioeconómicas adversas que se sabe están relacionadas co aumento de problemas de saúde mental e sufrimento psíquico", indican.

O plan do ano 2017 incluía mecanismos que buscan unha mellor coordinación entre distintas administracións e institucións, pero non destinou máis financiamento ou persoal para reforzar as áreas afectadas, algo que non só foi criticado polo MGSM, senón tamén pola oposición política no seu conxunto. Ademais, a Xunta -malia recoñecer a elevada incidencia do suicidio en Galicia- optou por desligalo de factores sociais e económicos, (fronte ás recomendacións da OMS), centrándose unicamente en elementos individuais e, sobre todo, trastornos mentais.

"Vía rápida de actuación ante a conduta suicida"

Esta semana o SERGAS anunciou a posta en marcha dunha "vía rápida de actuación ante a conduta suicida". Este protocolo faciltará o acceso á atención especializada de saúde mental aos pacientes con conduta suicida, mellorando a súa accesibilidade ao sistema sanitario para un axeitado diagnóstico e tratamento.

Este foi un dos acordos aos que se chegou na segunda reunión do Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas en Galicia. Ademais desta medida, o Consello tamén aprobou outras propostas, como a utilización do 061 como teléfono único do suicidio, tanto para as persoas en risco como para o seu entorno; e avanzar na colaboración co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para mellorar a información sobre o suicidio e levar a cabo programas asistenciais en grupos de risco, como familia e achegados de falecidos por suicidio.

Entre as accións levadas a cabo no marco do Plan de Prevención do Suicidio destaca a actualización dos protocolos de prevención do suicidio no ámbito hospitalario. Tamén se puxo en marcha o protocolo de prevención do suicidio no ámbito escolar e a formación de bombeiros e persoal de intervención de primeira liña, mediante a Academia galega de emerxencias, e de profesionais sanitarios, a través da Axencia de coñecemento en saúde. Así mesmo está previsto o establecemento de comités multidisciplinares de prevención do suicidio en todas as xerencias de xestión integrada, ademais doutras medidas.

 

Un xornalismo "responsable"

Na celebración do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, o Colexio de Xornalistas lembrou a necesidade de colaborar desde o xornalismo "con información responsable" na prevención deste problema. O Colexio chama a seguir as recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios incluída nas Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano Informador. "Cómpre falar, desde o xornalismo, da prevención do suicidio ou dos medios e saídas dispoñibles para evitar esa morte, así como da atención aos afectados", sinala a entidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.