"Un plan de cartón-pedra". Así definiu Julio Torrado, portavoz de Sanidade do PSdeG-PSOE, o Plan de Prevención do Suicidio, que este martes presentou no Parlamento o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Unha definición compartida por En Marea e por BNG, que tamén lle criticaron ao documento a súa ausencia de concreción e de novos recursos e orzamentos que permitan a súa aplicación, as mesmas eivas detectadas polo Movemento Galego da Saúde Mental.
Na súa intervención, Almuíña subliñou a necesidade de reducir a actual taxa de suicidios en Galicia, moi por riba da media española, e que na última década supuxo que máis de 300 persoas quitasen a vida cada ano, case unha por día. E salientou que este é un "documento de consenso", elaborado "por un grupo de traballo que permitiu ter a máxima representación de todos os actores principais da abordaxe do suicidio". O plan inclúe mecanismos que buscan unha mellor coordinación entre distintas administracións e institucións, pero non destina máis financiamento ou persoal para reforzar as áreas afectadas e foi nisto no que se centraron as críticas dos tres grupos da oposición.
Así, Eva Solla (En Marea) destacou que "o problema fundamental é a ausencia de recursos económicos vinculados ao plan. Con que imos aplicar este plan se non hai incremento de persoal para poder atender esas necesidades?". "O propio plan propón que se detecten na Atención Primaria os riscos das persoas en problemas, esa mesma Atención Primaria na que os profesionais xa non poden máis, na que vostedes non están cubrindo as baixas", dixo.
"Un plan estratéxico sen prazos nin partida orzamentaria é pura propaganda", denunciou Torrado (PSdeG)
De igual xeito, Julio Torrado (PSdeG-PSOE) sinalou que "un plan sen achega de recursos está ben como declaración de intencións, pero é pouco máis ca iso. Un plan estratéxico sen prazos nin partida orzamentaria é pura propaganda". E, ante as críticas do conselleiro de Sanidade por "facer sensacionalismo co suicidio", o deputado socialista respondeu que "para non facer sensacionalismo o que non hai que facer é dar discursos fáciles sen solucións reais". "Os recortes en sanidade afectan á capacidade do sistema de atender ás persoas que sofren este problema", concluíu.
Pola súa banda, Montse Prado (BNG) preguntouse "onde está o cronograma, cales son os recursos e os compromisos, a que se comprometen con este documento, cando se vai empezar e con que recursos, vaise ver nos orzamentos de 2018 para que este plan non sexa papel mollado, tendo en conta que o PP leva anos vetando no Parlamento as iniciativas presentadas para abordar este problema?”.
"Onde está o cronograma, cales son os recursos e os compromisos, a que se comprometen con este documento", preguntou Prado (BNG)
Na súa intervención, Almuíña negou igualmente que a situación económica e a crise sexan un factor determinante nos casos de suicidio, un tema que tamén foi contestado polos tres grupos da oposición. “Desemprego, redución da protección social, inseguridade ante o futuro son elementos que agravaron a situación, o que se reflexa nas cifras dramáticas de persoas afectadas que, entre 2012-2016, nunca baixou das 300 persoas", dixo Montse Prado. A ausencia de referencias no plan á situación social estrutural tamén foi criticada por Julio Torrado, que demandou que o resto do Goberno "debería implicarse" na procura de solucións a este problema.
Eva Solla fixo fincapé na ausencia dun plan de saúde mental "que levamos 8 anos demandando"
Os tres grupos lembraron nas súas intervencións o traballo do Movemento Galego de Saúde Mental, “que leva anos reivindicando un plan de loita contra o suicidio” e en defensa de máis medios e planificación da saúde mental, un servizo deteriorado "polas políticas de recortes e desmantelamento da atención especializada”, sinalou Prado. Tamén Eva Solla fixo fincapé na ausencia dun plan de saúde mental "que levamos 8 anos demandando".