O número de suicidios volveu aumentar en 2016 en Galicia: case 1 por día

Evolución do número de suicidios, por área sanitaria Dominio Público Praza Pública

En 2016 345 persoas suicidáronse en Galicia, segundo as cifras recollidas na memoria do Instituto de Medicina Legal (Imelga). A cifra, un 7% máis elevada que a de 2015, leva sendo superior a 300 dende o ano 2006, o que converte os suicidios nun dos máis importantes problemas de saúde pública do país e experimentou un grande aumento nas últimas dúas décadas. De feito, dende o ano 2008 o número de suicidios superan as mortes en accidente de tráfico e nos últimos catro anos practicamente suplica a súa cifra. A taxa galega (12,69 mortes por cada 100.000 habitantes) supera en moito a media española (7,76) e tan só é igualada no Estado pola asturiana. 

O Movemento Galego de Saúde Mental leva anos reclamando que a Xunta deseñe e aplique un Plan de Prevención do Suicidio que analice a situación e que achegue solucións

O Movemento Galego de Saúde Mental leva anos reclamando que a Xunta deseñe e aplique un Plan de Prevención do Suicidio que analice a situación e que achegue solucións. Nuns días o Goberno galego presentará finalmente este documento, que introducirá unha serie de medidas para combater este problema, dende programas de prevención, tratamento do estigma social, atención ás persoas que sobreviviron a un intento de suicidio, ata a formación de profesionais ou a mellora do funcionamento da administración e o incremento da súa coordinación.

O pasado ano 345 persoas quitaron a vida, rexistrándose un grande incremento no número de suicidios nas áreas sanitarias de Ferrol, Compostela, Pontevedra e Vigo, mentres que a cifra reduciuse na de Lugo. 

A taxa de suicidios por habitante é moito máis elevada na provincia da Coruña

A taxa de suicidios por habitante é moito máis elevada na provincia da Coruña. Tradicionalmente tamén o viña sendo na outra provincia do norte de Galicia, Lugo, aínda que a mellora dos datos en 2016 fixo mudar esta situación. 

En Galicia dánse moitos máis casos entre os varóns de 40 a 49 anos que no resto do Estado

Os suicidios son moito máis frecuentes entre os homes (17,39 casos por cada 100.000 galegos) ca nas mulleres (6,29 por cada 100.000 mulleres). Aínda que os indicadores galegos son semellantes aos que se rexistran no resto de España en canto ao xénero dos suicidas, non sucede o mesmo no que se refire á súa idade. Tanto en Galicia coma no conxunto do Estado a taxa máis elevada de suicidas dáse nas persoas de máis 79 anos (40 por cada 100.000 nos homes, 6 por cada 100.000 nas mulleres en España; 40 e 9 no caso de Galicia) e por debaixo de 30 anos a incidencia é baixa (ao redor de 5 casos por cada 100.000 individuos tanto en Galicia coma en España). Porén, xorde unha importante diferenza nas franxas centrais de idade; por exemplo, entre os 40 e os 49 anos a taxa de suicidios en Galicia supera os 15 (case 25 no caso dos varóns), fronte a unha taxa de 10 (15 nos varóns) no conxunto de España.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.