O Plan de Prevención do Suicidio da Xunta non incorporará máis persoal nin orzamento

Membros do MGSM, nun acto público © MGSM

Hai seis anos, en 2011, a OMS alertou dos riscos que a crise económica en curso creaba para a saúde mental das poboacións e de incremento de suicidios e propuxo unha serie de medidas que as administracións sanitarias debían adoptar, pero que en Galicia foron maioritariamente ignoradas. Na pasada lexislatura, a totalidade da oposición no Parlamento galego instou en catro ocasións á Xunta a elaborar un plan galego de prevención, unha demanda que tamén realizou o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) en 2016 a través da campaña Badaladas pola Prevención do Suicidio.

O documento "propón recomendacións que deberan estar en aplicación na actividade ordinaria da Xunta dende hai máis de catro anos", destaca o MGSM

A pesar das múltiples demandas recibidas dende todos os ámbitos, sobre todo dende os propios profesionais e as familias afectadas por este problema, o Goberno galego non anunciou o inicio da redacción dun Plan de Prevención do Suicidio ata xuño do pasado ano, pouco despois do inicio da campaña das Badaladas. O plan está a piques de ser presentado e vén de ser valorado polo MGSM, que celebra que "por fin" o Goberno galego poña atención "nun dos máis graves problemas de saúde pública", que na última década acabou coa vida de casa unha persoa por día en Galicia. Porén, critica nel numerosas eivas, comezando pola ausencia de novos recursos ou dotación económica para levalo adiante e pola "redución do suicidio á sua dimensión asistencial sanitaria", psiquiatrizando a súa atención.

A entidade denuncia que o texto "non cumpre cun requisito básico definido pola OMS na elaboración dun plan así: asignar recursos (fondos, tempo, persoal)"

"O Plan que coñecemos ten un valor principal: coa súa propia existencia recoñece a gravidade do problema. E, ademais, danos unha idea do que xa se debería estar a facer", destaca a plataforma, que subliña que o documento "propón recomendacións que deberan estar en aplicación na actividade ordinaria da Xunta dende hai máis de catro anos". "Está ben que a Consellería comence a facerse cargo desta responsabilidade e poña nos seus papeis as recomendacións xerais nas que vimos insistindo", engade.

 

Un Plan sen máis fondos nin recursos

Porén, sinala o MGSM, o texto "non cumpre cun requisito básico definido pola OMS na elaboración dun plan así: asignar recursos (fondos, tempo, persoal) e, polo contrario, anuncia baixo o que chama 'principio de eficiencia' que se utilizarán os recursos existentes". Ademais, non incorpora un cronograma para a súa aplicación. O documento que manexa a Xunta deixa claro que non se achegarán máis esforzos a combater o problema: "o plan busca dar resposta ás necesidades das persoas con conduta suicida e as súas familias utilizando os recursos profesionais, técnicos e materiais existentes (...) fundamentalmente a través dunha mellor organización e coordinación" (páxina 5).

O MGSM subliña que o Plan "propón unha resposta asistencial da rede de saúde mental (en tempos e priorizacións) que parece descoñecer que os dispositivos asistenciais están saturados e que nin sequera se están a garantir no día a día as prestacións sanitarias obrigatorias". "Ese estado de cousas constitúe, en si mesmo, un dos factores de risco de suicidio en persoas que están a ser atendidas nese nivel", engade.

"Psiquiatriza condutas suicidas e estados anímicos depresivos das persoas, provocados en non poucas ocasións por unhas condicións de existencia atravesadas por desigualdades inxustas"

 

Un problema exclusivamente psiquiátrico, non social

Ademais, o plan "vencella a conduta suicida á enfermidade mental, trasladando así a principal acción preventiva ó sistema asistencial da saúde mental". "Psiquiatriza dese xeito condutas suicidas e estados anímicos depresivos das persoas, provocados en non poucas ocasións por unhas condicións de existencia atravesadas por desigualdades inxustas, e pasa a atribuír a súa principal causa a trastornos psíquicos e a súa prevención á actuacións dos profesionais de saúde mental, eludindo así os nosos gobernantes calquera responsabilidade sobre esta cuestión", destaca a entidade.

O Plan "minimiza a relación entre crise económica e suicidio ignorando que esta é unha cuestión amplamente estudada e coñecida a nivel mundial", denuncia

Neste senso, o Plan na súa paxina 31 "minimiza a relación entre crise económica e suicidio ignorando que esta é unha cuestión amplamente estudada e coñecida a nivel mundial". "O esforzo por ignorar esta relación chega a excluír das referencias bibliográficas documentos fundamentais de OMS-Europa, expresamente elaborados para orientar ós gobernos no afrontamento dos riscos da crise nesta materia e sobre a saúde mental en xeral", sinala o MGSM, en referencia a este documento.

"Desconsidérase entón a transcendencia preventiva de accións realizables dende os diferentes niveis da Administración e Goberno, que causan efectos relevantes sobre a vida e o benestar das persoas e as comunidades", explica, como por exemplo a existencia de "adecuadas dotacións sanitarias e de accesibilidade ás mesmas, da dispoñibilidade de emprego, de condicións laborais menos precarias e ameazantes, de acceso de todos/as á dispoñibilidade de vivenda ou da protección da poboación frente ó endebedamento enganoso e de cargas económicas insoportables".

 

Badaladas pola prevención do suicidio CC-BY-SA Praza Pública
Acto do MGSM polo Día Mundial de Prevención do Suicidio © MGSM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.