0 Gardados para despois

A Xunta recoñece a elevada incidencia do suicidio pero deslígao de factores sociais

Redacción | @prazapublica

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presentou este venres o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, reclamado dende hai anos por profesionais e familias de afectados, e por entidades coma o Movemento Galego da Saúde Mental. O documento, de 65 páxinas, busca "reducir a taxa de suicidio", facendo referencia ao descenso do 10% reclamado pola OMS para o ano 2020.  Así mesmo, promete "establecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos" na "prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que levan a cabo un intento de suicidio, así como dos seus familiares".

O texto recoñece a elevada incidencia dos suicidios en Galicia, cunha taxa de 12,69 mortes por cada 100.000 habitantes (datos do Instituto Galego de Medicina Legal) e que o INE rebaixa a 10,48 casos. Este dato, só superado lixeiramente por Asturias, sitúase moi por riba da media española (7,57 segundo o INE). O suicidio é moito máis habitual nos homes (unha taxa de 17,39 por cada 100.000 individuos) ca nas mulleres (6,29) e a súa incidencia é directamente proporcional á idade. Con todo, a franxa de idade na que se producen máis casos nos varóns é entre os 40 e os 49 anos (50 mortes en 2015).

O documento centra a súa análise dos factores de risco en elementos individuais e, sobre todo, nos "trastornos mentais"

O documento, que xa foi moi criticado polo Movemento Galego da Saúde Mental, centra a súa análise dos factores de risco en elementos individuais e, sobre todo, nos "trastornos mentais" que -destaca- están "presentes en aproximadamente o 90% das persoas que se suicidan". O texto subliña que "os trastornos afectivos, seguidos dos trastornos por consumo de sustancias (especialmente o alcohol) e a esquizofrenia, son os trastornos máis relacionados con esta conduta". O plan tamén recolle que "a depresión maior é o trastorno mental máis comunmente asociado coa conduta suicida, supoñendo un risco de suicidio 20 veces maior respecto á poboación xeral" e que "entre un 25-50% dos pacientes con trastorno bipolar realizan un intento de suicidio". O texto fai referencia tamén, pero de forma máis secundaria, a "factores vinculados á comunidade" e a "factores de risco asociados co sistema de saúde" entre os que destacan "as dificultades para obter acceso e asistencia adecuada".

A Consellaría de Sanidade afirma que con este documento quere "priorizar a prevención do suicidio na axenda da atención á saúde mental" e concienciar acerca do suicidio "como un problema global, que vai máis alá da atención no ámbito sanitario, sendo necesario implementar outras medidas complementarias en ámbitos como o educativo e social". Porén, o plan non inclúe entre as súas medidas de actuación ningunha actuación concreta referida a ese referido ámbito social e aos "factores vinculados á comunidade". De feito, nun breve apartado na súa páxina 31 "minimiza a relación entre crise económica e suicidio ignorando que esta é unha cuestión amplamente estudada e coñecida a nivel mundial", denuncia o MGSM. O documento contrapón diversos estudos que apoian ou refutan a existencia desta relación.

A Xunta utilizará "os recursos profesionais, técnicos e materiais existentes (...) fundamentalmente a través dunha mellor organización e coordinación"

Entre as medidas propostas pola Xunta aparece unha prometida mellora da coordinación entre as distintas institucións, plans de sensibilización concienciación e diminución do estigma social, mellora da formación dos profesionais e o que denomina "limitación de acceso a medios letais", un apartado no que se inclúen accións para "identificar os puntos negros arquitectónicos e xeográficos de suicidio e crear barreiras de acceso", "aumentar o control de prescrición, dispensación, tomas e acopio de fármacos". Si se incide na necesidade de mellorar a prevención, falando de "asegurar unha resposta rápida e eficaz para a atención de pacientes con risco de suicidio en saúde mental", "avaliar de forma sistemática o risco de suicidio na poboación de risco" ou "mellorar a detección precoz e a atención dos trastornos afectivos e os trastornos por consumo de alcohol". Porén, o plan recoñece que non se van incorporar máis recursos, persoal ou orzamento para acadar estes obxectivos e afirma na súa páxina 5 que utilizará "os recursos profesionais, técnicos e materiais existentes (...) fundamentalmente a través dunha mellor organización e coordinación".

"Para a execución do Plan é fundamental que a Xunta destine os suficientes recursos económicos para dispoñer dos profesionais necesarios en todo o proceso asistencial", di AGEFEC

Pola súa banda, a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), que participou como revisora externa do documento, valorou este venres "positivamente" o Plan por facer "fincapé na prevención" e "facer partícipe a axentes non sanitarios". Con todo, salienta que "para a execución do Plan é fundamental que a Xunta destine os suficientes recursos económicos para dispoñer dos profesionais necesarios en todo o proceso asistencial, para poder impartir formación, para realizar campañas de sensibilización e sobre todo para investir en investigación". Engade que "no 75% dos suicidios o suxeito recibiu previamente atención en centros de Atención Primaria no último ano" e que, polo tanto, "para mellorar a capacidade deste recurso asistencial en detección precoz é vital incrementar os actuais cadros de persoal tanto de enfermeiros coma e médicos, para desconxestionar as consultas e garantir tempos de atención que permitan detectar e abordar a conduta suicida".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.