Galicia rexistrou en 2014 a maior cifra de suicidios en vinte anos. Foron, segundo datos do INE, 371 falecementos por autolesións, case 40 máis que no ano anterior e practicamente os mesmos que o maior rexistro da serie histórica, que comeza en 1980. Dende a década pasada morren xa no país máis persoas por suicidio que por accidentes de tráfico e as taxas por cada 100.000 habitantes son das maiores do Estado. É neste escenario no que o Movemento Galego da Saúde Mental vén de lanzar a campaña Badaladas pola prevención do suicidio coa que, a través dun vídeo, este colectivo de profesionais quere chamar a atención sobre a necesidade dun plan galego de prevención do suicidio.
O MGSM, formado por máis de catrocentos profesionais da sanidade pública e diversos colectivos sociais, estima que a elevada cifra de suicidios non baixou apenas en 2015. O seu cálculo é que se produciron 321 destas mortes durante o pasado ano, feito dabondo para considerar o problema como "especialmente grave" en Galicia. "Somos tristes líderes neste tipo de mortes e, malia iso", lamentan, o fenómeno continúa nun "descoñecemento" que se "agrava pola actitude da Administración, que elude responsabilidades".
Galicia rexistrou en 2014 a maior cifra de suicidios en vinte anos
"Malia estar diante dun asunto de tal magnitude", lamentan, Sanidade "nin menciona" os suicidios en documentos como a Estratexia Sergas 2014 ou as memorias da Dirección Xeral de Saúde Pública. "Non existe plan para o suicidio en Galicia, pero é que tampouco existe plan de saúde mental", máis necesario "nun contexto de crise económica". As propostas da plataforma, resaltan, só pasan por aplicar as "recomendacións da Organización Mundial da Saúde", a comezar "por asumir a gravidade da situación, a existencia da eficacia preventiva e a urxencia da resposta ao problema do suicidio en Galicia".
O MGSM lanza a campaña para reclamar a elaboración inmediata dun Plan Galego de Prevención do Suicidio
A Consellería de Sanidade, di, debe abordar de inmediato o devandito Plan Galego de Prevención do Suicidio e "soster información institucional para sensibilizar e desestigmatizar". Mellorar o coñecemento sobre o problema na atención primaria do Sergas e "aproveitar a súa capacidade para explorar os riscos" son tarefas especialmente urxentes. "A persoa que se suicida non quere sufrir, non quere seguir vivindo", evidencian. Por iso "debemos lograr que a persoa fale con outros, para gañar tempo, para explorar outras solucións, pedir axuda e recibir apoio". "É responsabilidade de todos", conclúen.