"O suicidio pódese previr": entidades sociais reclaman que a Xunta actúe para evitar as 300 mortes anuais autoinflixidas

Acto do MGSM, antes da pandemia, en demanda de medidas para previr os suicidios © MGSM

Este venres, 10 de setembro, conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio. Cada ano prodúcense ao redor de 300 mortes por suicidio en Galicia, nunha estatística que aínda que diminuíu un chisco nos últimos anos, mantén os suicidios como un dos mecanismo máis frecuente de morte por causas externas no noso país. 

Cada ano prodúcense ao redor de 300 mortes por suicidio en Galicia, que rexistra a segunda taxa máis elevada de morte por suicidio no Estado español, só por detrás da asturiana

Galicia rexistra, ademais, unha das taxas máis elevadas de morte por suicidio no Estado español, só comparable á asturiana. De feito, os datos máis recentes (2020) da taxa de suicidios por cada 100.000 habitantes, uns 13,11 en Galicia, volven situar a comunidade moi por riba da media española (7,79) e mesmo da europea (11,93). 

Neste ano 2020, segundo os datos da memoria do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia), 307 persoas suicidáronse en Galicia, lixeiramente por debaixo do dato do ano anterior. A provincia da Coruña rexistrou os peores datos, cunha taxa que superou os 17 suicidios por cada 100.000 habitantes. Máis homes (220) que mulleres (87) morreron por causa do suicidio.

Coincidindo con esta data, o Movemento Galego da Saúde Mental volve poñer sobre a mesa a reivindicación dun verdadeiro Plan Galego de Prevención do Suicidio. A Xunta aprobou no ano 2017 un Plan de Prevención do Suicidio que o MGSM cualifica como "papel mollado", afirmando que "o único que temos son noticias moi esporádicas, case sempre anuncios e promesas futuras sobre o que se vai facer (e apenas se realizou)" e denunciando que "parece non existir máis interese por parte do goberno galego que facer política de escaparate cunha realidade tan devastadora como o suicidio". Por este motivo o MGSM convoca a un acto este venres ás 20 horas, na Praza do Toural de Santiago de Compostela para reivindicar un auténtico Plan Galego de Prevención do Suicidio e para lembrar "que o suicidio pódese previr".

O MGSM convoca a un acto este venres ás 20 horas, na Praza do Toural de Santiago de Compostela para reivindicar un auténtico Plan Galego de Prevención do Suicidio e para lembrar "que o suicidio pódese previr"

O MGSM reclama a publicación da memoria anual de seguimento do Plan, a constitución da Comisión Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas e das comisións multidisciplinares das áreas sanitarias, así como a posta en marcha do prometido Observatorio Galego do Suicidio. Pero, sobre todo, demanda o reforzo das accións encamiñadas á prevención das condutas suicidas, un obxectivo no que Atención Primaria xoga un papel fundamental e para o que son necesarias contratación de máis persoal.

O MGSM cualifica como "moi preocupante" a situación da Atención Primaria, cunha "asfixia e desmantelamento vertixinoso, co efecto negativo que supón na detección precoz e intervención en primeira liña ás persoas en risco". Así mesmo, chama a atención sobre "a realidade paralela que se vive no ámbito educativo, onde os e as docentes teñen cada vez máis tarefas con menos recursos".

O MGSM cualifica como "moi preocupante" a situación da Atención Primaria, cunha "asfixia e desmantelamento vertixinoso, co efecto negativo que supón na detección precoz e intervención en primeira liña ás persoas en risco"

De igual xeito, a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia) demanda "unha abordaxe transversal do suicidio para mitigar os seus efectos", reclamando que se traballe na prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade. FEAFES subliña que os datos publicados polo Imelga "seguen a situar ao suicidio como un problema sanitario e social de considerable relevancia na nosa comunidade", lembrando que o suicidio é "un dos problemas máis graves de saúde pública que debe ser atendido de forma prioritaria, máis agora no contexto de crise sanitaria, económica e social que estamos a vivir a causa da COVID-19".

FEAFES reivindica que "previr os suicidios é posible". "Para iso, é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda", di

FEAFES reivindica que "previr os suicidios é posible". "Para iso, é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda. A prevención do suicidio comprende unha serie de actividades que van dende a educación na infancia e na mocidade ata o tratamento eficaz dos trastornos mentais, pasando por un control ambiental dos factores de risco e unha difusión apropiada da información", sinala a entidade.

Subliña que o papel dos medios de comunicación "é clave para concienciar á poboación sobre este problema de saúde pública e iniciar a súa prevención, pois o trato responsable da información sobre o suicidio axuda a reducir a súa incidencia". Así mesmo, reclama que "é necesario que as institucións e os gobernos prioricen o suicidio como problema de saúde pública e desenvolvan estratexias integrais multisectoriais de prevención". Finalmente, demanda, ao igual que fai o MGSM, que o Plan Galego de Prevención do Suicidio sexa "implementado dun xeito real, efectivo e firme para dar unha resposta axeitada ás necesidades que require esta problemática".

Máis suicidios entre as persoas de máis idade, pero máis incidencia entre a mocidade

No grupo entre os 15 e os 29 anos, os suicidios (17) foron nese ano a segunda causa de morte, só por detrás dos accidentes de tráfico (21)

As estatísticas anuais sobre mortalidade publicadas polo INE ou a memoria anual do Imelga debullan algunhas das características dos suicidios en Galicia, entre elas os grupos de idade nos que esta práctica é máis frecuente. Os suicidios prodúcense en todos os grupos de idade, case por igual, aínda que son as persoas entre 50 e 59 anos as que cuantitativamente morren máis por esta causa (64 dos 292 suicidios rexistrados polo INE en Galicia no ano 2019).

Con todo, se atendemos ao peso que os suicidios teñen en cada xeración sobre o total de defuncións nese grupo de idade ou a proporción que significan sobre todas as mortes por causas externas (non motivadas por enfermidades; é dicir, accidentes, asasinatos...), a realidade é diferente.

No grupo de idade entre os 30 e os 39 anos os suicidios (30) superaron aos accidentes de tráfico (15), converténdose na principal causa de morte externa e só os tumores (38) acabaron con máis vidas nesa xeración

Neste caso as persoas entre 15 e 40 anos son as que morren máis por suicidio en relación co total de mortes nesas idades, de xeito que case o 20% dos falecementos no ano 2019 foron por esa causa. De feito, no grupo entre os 15 e os 29 anos, os suicidios (17) foron nese ano a segunda causa de morte, só por detrás dos accidentes de tráfico (21). No grupo de idade entre os 30 e os 39 anos os suicidios (30) superaron aos accidentes de tráfico (15), converténdose na principal causa de morte externa e só os tumores (38) acabaron con máis vidas nesa xeración. 

Se observamos o peso dos suicidios sobre o total de mortes por causas externas, atopamos porcentaxes moi elevadas entre os 15 e os 74 anos, entre o 27% e o 48% destas defuncións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.