Dende hai meses entidades como o Movemento Galego de Saúde Mental veñen alertando da necesidade de reforzar os sistemas de saúde mental en Galicia no contexto de crise económica e social derivado da pandemia de Covid-19. "Estamos nun período de conxelamento e cando se normalice a situación esa demanda vai volver e vai volver incrementada. Toda a demanda que non houbo nestas semanas vai ir aos centros sanitarios cando se levante o confinamento. E algunhas van estar empeoradas por non ter sido tratadas antes e por non intervir a tempo", dicía a súa voceira, Rosa Cerqueiro, que advertía dos efectos sobre a saúde mental das situacións de crise económica.
O MGSM e a Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS levan tempo denunciando "a pésima calidade na atención en saúde mental en Galicia"
De igual xeito, a Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS (APCS) leva tempo denunciando "a pésima calidade na atención en saúde mental en Galicia", motivada por ratios deficitarias de profesionais, longas listas de espera, unidades de saúde mental con gran sobrecarga e falta de programas específicos de prevención ou promoción da saúde.
A escaseza de psicólogos clínicos "faise patente nas dificultades de accesibilidade de pacientes á atención psicolóxica, esperas de máis de 6 meses e unha presión asistencial que dificulta a atención e o seguimento adecuado dos casos"
A entidade fai especial fincapé na atención psicolóxica e lembra que Galicia ten unha das ratios máis baixas de todo o Estado, uns 3 psicólogos clínicos por 100.000 habitantes, "cunha practicamente nula contratación e creación de novas prazas durante os últimos 20 anos" denuncia APCS, que tamén reivindica a creación de servizos propios de psicoloxía clínica dentro dos Complexos Hospitalarios de cada área sanitaria
"Esta escaseza de psicólogos clínicos faise patente nas dificultades de accesibilidade de pacientes á atención psicolóxica, esperas de máis de 6 meses e unha presión asistencial que dificulta a atención e o seguimento adecuado dos casos", engade, advertindo de que "todo isto está a dar lugar a un abuso dos tratamentos farmacolóxicos e a unha patoloxización de problemas psicosociais".
A asociación alerta de que esta situación agravouse nos últimos meses marcados pola pandemia de Covid-19 e denuncia "a ausencia dun reforzo psicolóxico nas unidades de saúde mental que poidan dar unha resposta rápida a demandas urxentes de pacientes cuxa sintomatoloxía se pode exacerbar ante esta situación". Ademais, advirte dunha "falta de coordinación cos dispositivos de Atención Primaria para establecer unha forma de derivación para pacientes que necesiten da devandita axuda". "Sabemos que a tardanza na atención pode empeorar o curso e evolución do problema e da súa sintomatoloxía evolucionando en moitos casos cara á cronificación sintomatolóxica", engaden.
"Durante estes meses xa se está notando un aumento de malestar anímico, da sintomatoloxía ansioso-depresiva", destaca a asociación
"Dise que as consecuencias psicolóxicas da COVID-19 aínda están por vir en función dos cambios socioeconómicos que se poidan dar, pero o que si que sabemos é que durante estes meses xa se está notando un aumento de malestar anímico, da sintomatoloxía ansioso-depresiva", destaca a asociación. Na área hospitalaria, critican que a atención psicolóxica nas UCI, plantas COVID e outros dispositivos hospitalarios "é tamén deficiente, quedando a cargo dos psicólogos clínicos de interconsulta, da súa voluntariedade e repercutindo no seu traballo habitual". Alertan igualmente sobre "as deficiencias no apoio e axuda psicolóxica aos profesionais sanitarios".
"A crise económica que se espera fainos pensar que nos próximos meses van aumentar os problemas psicolóxicos, a demanda para a súa atención e as listas de espera que, se xa son longas, aínda o serán máis"
"Se estamos a vivir unha situación excepcional as medidas teñen que ser tamén excepcionais. E estas medidas deben incluír programas específicos a poboacións de risco, persoas maiores, persoas que viven soas e outras persoas vulnerables", conclúe a entidade. Así mesmo, tamén alertan sobre os efectos económicos e sociais que no futuro inmediato pode ter a pandemia: "a crise económica que se espera, a perda de postos de traballo, poder adquisitivo e todo o que iso implica, como xa vimos na crise do 2008, fainos pensar que nos próximos meses van aumentar os problemas psicolóxicos, a demanda para a súa atención e as listas de espera que, se xa son longas, aínda o serán máis".
A asociación solicita que dende cada área sanitaria se organice todo este traballo, se valoren as necesidades e se planifiquen estratexias que inclúan a importancia dunha boa asistencia psicolóxica accesible aos cidadáns, e a creación das prazas necesarias para iso.
Programa de prevención do suicidio na Comarca de Ordes
A asociación Andaina PSM vén de finalizar un programa de prevención do suicidio na Comarca de Ordes
No pasado mes de agosto, a asociación Andaina PSM iniciou un programa de prevención do suicidio na Comarca de Ordes, que vén de finalizar. O suicidio é unha problemática cunha elevada incidencia en toda Galicia e, nomeadamente, en Ordes. En Galicia no ano 2018 houbo un total de 274 suicidios, sendo a Comarca de Ordes unha das máis afectadas, pois o partido xudicial de Ordes sumou un total de 24 falecementos por cada cen mil habitantes por esta vía, unha taxa de suicidios que duplica a media galega.
O programa, financiado pola Consellería de Sanidade e en colaboración coa Mancomunidade de Ordes, implicou a máis dun cento de persoas entre poboación xeral, persoas afectadas e familiares, así como a profesionais de diferentes ámbitos institucionais e comunitarios. Esta experiencia piloto pretende abrir o debate sobre o suicidio e facilitar tanto a profesionais como á poboación xeral, ferramentas para a súa detección e atención.
O programa desenvolveuse a través de sesións formativas dirixidas tanto a profesionais de servizos sociais, sanitarios, do eido educativo, dos corpos de emerxencias e coa implicación dos medios de comunicación presentes na Comarca. Tamén participaron en accións de sensibilización e obradoiros as persoas afectadas e familiares, así como diversos grupos considerados vulnerables. Acompañando estas actuacións, editáronse materiais informativos como guías de autocoidado para persoas afectadas, guías para familiares e unha guía para profesionais.
Esta experiencia piloto pretende abrir o debate sobre o suicidio e facilitar tanto a profesionais como á poboación xeral, ferramentas para a súa detección e atención
Andaina destaca que "o suicidio, hoxe en día, non se pode considerar un fenómeno cunha única causa, senón que diversos factores de carácter sociolóxico, psiquiátrico e psicolóxico entran en xogo en relación coa morte voluntaria". Por iso, "tendo en consideración os datos oficiais e a información da que dispoñemos en torno a grupos vulnerables, factores de risco e sinais de alarma" a entidade considera "prioritario que a conduta suicida sexa previda e atendida eficazmente".