Un fermoso e valente artigo esperta o meu interese narrativo. Anxo Lugilde sae do armario depresivo, sae con agradecemento, con dúbidas e sobre todo con xenerosidade. Partilla a súa dor e así, coa forza do auténtico, e poida que sen pretendelo, administra unha poción enerxética tan doada como complexa, como aquela que creaba o vello Panoramix para que os aldeáns galos afrontasen as batallas contra os romanos.
O primeiro atranco que impide saír do armario da depresión é a falta dunha causa evidente que a xustifique. Se un non entende o que lle pasa...como raio entenderán os outros?
O primeiro atranco que impide saír do armario da depresión é a falta dunha causa evidente que a xustifique; moitas veces non hai un relato do tamaño da tristura que un sinte: non ocorre nada que non lle pase á maioría e porén un semella estar fora de xogo, mentres a vida segue, o melancólico fica na cama superado pola realidade. Se un non entende o que lle pasa...como raio entenderán os outros?.... O conflito está dentro, calado, inhibido, fica agachado, entre as nosas vivencias interactuando co noso ADN, loitando nas terminacións nerviosas, revolto entre mensaxeiros serotoninérxicos e dopaminérxicos para confrontarnos coa idea de que detrás da alma e da memoria hai un feixe de elementos químicos que poden trabarse, e roubar no seu desarranxo o nome dun neto ou a ansia de erguerse cada mañá.
O segundo atranco para saír do armario da depresión é a idea de que o ánimo, o desfrute e a enerxía son sistemas que cando fallan implican sempre unha debilidade da persoa afectada, que por unha combinación velenosa de vagancia e falta de fe ou forza de vontade (segundo a confesión de cada quen), está a recibir o castigo que merece a súa fraxilidade.
Debemos aceptar que o cerebro enferma coma o fígado o corazón ou calquera outro órgano do corpo
Debemos aceptar que o cerebro enferma coma o fígado o corazón ou calquera outro órgano do corpo. O fígado sufre pero se adapta a unha dieta excesivamente graxa e o cerebro sufre pero se adapta as adversidades da vida. Moita graxa enferma o fígado igual que moita adversidade pode enfermar o cerebro.
Ningún enfermo é cuestionado coma o é un depresivo. Ninguén dubida que se deba tomar un antihipertensivo, un tratamento para o colesterol ou un antiagregante plaquetario...porén, hai unha inercia absurda que impele o ser humano a dicirlle ao doente afectivo que lle están a prescribir moitos psicofármacos, que a ver cando os deixa, que se vai facer dependente deles...para acabar de compoñer que ten que ter máis forza de vontade, que hai historias aínda máis terribles e que debería tentar animarse.
Cómpre dicir que non toda tristeza é un trastorno e que non sempre a depresión precisa psicofármacos; máis todas as depresións precisan dun relato novo, que cambie a perspectiva e axude a mudar.
Cómpre dicir que non toda tristeza é un trastorno e que non sempre a depresión precisa psicofármacos; máis todas as depresións precisan dun relato novo, que cambie a perspectiva e axude a mudar
A depresión non é todopoderosa. Existen sistemas de neutralización, de prevención e de tratamento. Como sociedade e como individuos podemos combatela. Galicia é unha das comunidades autónomas españolas con máis suicidios, e, tristemente, encabeza os suicidios en menores de 30 anos (segunda causa de morte entre os rapaces entre os 15 e 29 anos). Dáse a coincidencia que tamén é Galicia unha das rexións que menos inviste en saúde mental, permítese ignorar a psiquiatría do adolescente e minimiza o abuso enólico.
A hipótese dunha Galicia morriñenta, con falta de luz, e polo tanto, suicida pola asfixia dunha noite sen fin... prendeu con tal forza no ADN do noso cerebro periférico que nos deixou desarmados. E calquera mentira repetida, como ben sabemos, pode coller a forza da verdade. Predestinados a escuridade e impotentes, só nos queda aforcarnos no tellado da desesperanza.
A hipótese dunha Galicia morriñenta, con falta de luz, e polo tanto, suicida pola asfixia dunha noite sen fin... prendeu con tal forza no ADN do noso cerebro periférico que nos deixou desarmados
Como individuos temos que aceptar e aprender que non é posible controlar todo, que o cerebro enferma como o fígado, que estar triste ou bloqueado non é unha falta de fortaleza; máis, é preciso refacer unha identidade acorde coa nosa natureza e cos tempos mantendo a autoestima, formarnos, estudar, querernos, coidar o corpo, evitar adversidades e tóxicos, procurar xustiza e pedir axuda cando a nosa historia se asoma aos furados negros do noso universo persoal.
Como sociedade e galegos temos que fornecernos como un grupo que sexa moito máis ca un obxecto de veraneo, unha campaña publicitaria ou unha festa gastronómica (como escribe Roi Bolaño), e agarrarnos o instinto de sobrevivir...sobrevivir a través de non deixar que nos arrinquen por partes a nosa anatomía: ter aprecio polo que nos rodea, polo que somos, presumir da nosa lingua, do relevo curvo dos nosos montes, da fría pero viva auga oceánica, estar orgullosas das paredes graníticas das nosas casas así como dos carballos e castiñeiros que conforman o noso fermoso pelo crecho.
Que somos?, que queremos ser?, a periferia do Mediterráneo ou o centro do Atlántico?. Debemos reivindicar máis psiquiatras, psicólogos, enfermeiras, traballadoras sociais, investigadores...?, ou asumir, que ao vivir no cu do mundo, non queda outra que conformarnos con xogar na liga dos túzaros e dos toxos; aceptar que neste apartado lugar as aldeas fican desarticuladas, non por falta de trens, se non por un exceso de desconfiados... e asumir o narcotráfico, coas súas mortes, como outra característica exótica da tribu sumisa e nada rancorosa que habita no “far west”.
A pandemia é unha adversidade terrible, está a poñer contra as cordas a nosa saúde e, vai obrigar a refacernos como sociedade e como individuos
Se nos conformamos, a derradeira corredoira, é a do suicidio colectivo.
A pandemia é unha adversidade terrible, está a poñer contra as cordas a nosa saúde e, vai obrigar a refacernos como sociedade e como individuos. A miña recomendación para saír adiante?...Depende...Poida que na vangarda das solucións atopemos que a tecnoloxía emparella ben coa hortiña que queremos tanto, cos camiños entre o millo e as amoriñas das silveiras...e que artellando unha rede solidaria, auténtica e non conformista, podemos desbloquear o paralizado fluxo serotoninérxico na “encorada” terra que nos acolle. Galicia está no medio do Atlántico e produce luz para boa parte da península. Con autoestima e coa historia dos que abren a porta para saír das tebras, todo é posible.