Xa está. Parece, ou cando menos iso nos din, que pasou a primeira vaga de brotes da pandemia da COVID 19.
Quedaron atrás eses primeiros tempos de perplexidade, nos que parecía imposible que isto nos acontecese aquí, no noso primeiro mundo. Como nos ía pasar, a nós, o que xa estaba a pasar noutros lugares do planeta? Pero pasou; pasa.
Xa semella lonxana aquela normalidade por todos ben coñecida, e que se fragmentou dun día para outro naquel mes de marzo no que parece que todo mudou, posiblemente a peor. E tomáronse medidas. Medidas moi duras, que nos afectaron a todos. Pero, coma sempre, en maior medida aos máis vulnerables.
A crise sanitaria puxo de manifesto, novamente, pero dun xeito máis grave e notable, o que xa sabiamos: que a atención pública á saúde mental en Galicia está nunha situación de absoluta precariedade
Aínda así, e precisamente neste momento no que o mal parece vir do outro, na que o risco a ser contaxiados está no noso próximo, no que temos máis preto, cómpre lembrar a exemplar resposta que a sociedade civil amosou dende os primeiros momentos do estado de alarma, asumindo as directrices xerais como propias en base á protección individual e familiar, pero tamén ao ben común, ao coidado entre uns e outros a través das redes informais e comunitarias que veñen artellándose dende o principio dos tempos e que se poñen en marcha cando aparece unha ameaza para a propia existencia.
Amosamos o noso agradecemento durante uns meses, tamén ás oito da tarde, a aqueles traballadores dos sectores considerados esenciais (supermercados, transporte, limpeza, servizos sociais, sanidade,...) que durante ese tempo de escuridade viñeron desenvolvendo o seu labor, tratando de darnos a normalidade que semellaba non aparecer por ningures. Facéndoo sen gabarse, e co mesmo medo (ou máis) que os quedaban na aparente seguridade do fogar, ao abeiro, tan necesario neses intres nos que parece que nos xogamos todo, dos nosos, dos propios. E aí seguen, facendo o de sempre, aínda que xa non nos decatemos na mesma medida.
E, paseniño, fomos recuperando algo do perdido: as prazas, os encontros, as apertas (limitadas e case sempre menos das que deberían ser)... a posibilidade da esperanza; aínda sen saber o que nos vén por diante, pero que parece que xa comezou a chegar por alá, pola Mariña.
Pois ben, agora que todo está máis tranquilo, que moitos estamos máis tranquilos (a pesares dos rebrotes, que nos lembran nestes días a nosa inmensa vulnerabilidade), catro meses e máis de 28000 falecidos despois, quizais sexa hora de facer balance. E dende o ámbito da saúde mental non podemos manternos alleos; toca reflexionar sobre o feito, considerar os nosos acertos e os nosos erros, e sobre todo mirar como podemos facelo mellor, non vaia a ser o demo...
Podo entender a imprevisibilidade dunha situación de pandemia como a que vén asolando ao planeta enteiro nos últimos meses, e por tanto a dificultade de desenvolver unha resposta rápida e coordinada nun primeiro momento. Foi por isto que os distintos profesionais sanitarios, tamén os de saúde mental, adicamos unha chea de esforzos e traballo para poder respostar o mellor posible a unha situación de alarma que parecía podía exceder os límites do propio sistema sanitario.
Asumimos que non era momento de facer críticas sobre a xestión, entendendo que o primordial e o urxente era facer o que sabemos facer, unindo o noso saber sobre o coidado da saúde mental ao que estaban a poñer en práctica o resto de compañeiros sanitario en Urxencias, Atención Primaria, UCIs e distintas plantas hospitalarias. Era o seu arrimar o ombreiro na causa común de afrontar a pandemia o mellor posible.
Deste xeito dende cada unidade, dende cada servizo e área sanitaria, tratamos de implementar programas, xeitos de funcionar e solucións creativas que respondesen ás necesidades da poboación xeral, dos pacientes de COVID 19 e das súas familias, así como dos propios profesionais sanitarios implicados intensamente na resposta á crise de saúde.
Pero a pesares de todo a capacidade de resposta foi insuficiente. A crise sanitaria puxo de manifesto, novamente, pero dun xeito máis grave e notable, o que xa sabiamos: que a atención pública á saúde mental en Galicia está nunha situación de absoluta precariedade. Os xa escasos recursos existentes previamente, e que impiden unha accesibilidade dos cidadáns aos tratamentos psiquiátrico e especialmente aos psicolóxicos, convértense en ridículos á hora de afrontar unha situación desta magnitude. Queda claro, outra vez, que non se pode seguir demorando máis a dotación dos medios necesarios na rede pública de saúde mental, e que dende hai décadas nos sitúa na cola do estado neste eido.
O anuncio de provisión de prazas de Psicoloxía Clínica recollida para os próximos anos no recentemente presentado Plan Galego de Saúde Mental, aínda que substancial dada a escaseza previa, non deixa de ser insuficiente ao non cubrir nin sequera as necesidades plantexadas polo propio Sergas no ano 1997
Neste sentido, o anuncio de provisión de prazas de Psicoloxía Clínica recollida para os próximos anos no recentemente presentado Plan Galego de Saúde Mental, aínda que substancial dada a escaseza previa, non deixa de ser insuficiente ao non cubrir nin sequera as necesidades plantexadas polo propio Sergas no ano 1997, e que implicaría xa naquel entón a duplicación dos recursos existentes. E xa choveu. Non podemos contentarnos con migallas. Porque ao final sempre son os mesmos os desatendidos, os maltratados: as persoas, os doentes, máis vulnerables.
Á escaseza de recursos uniuse a incapacidade do Sergas nos seus distintos niveis de mando de estruturar unha resposta organizada dende a rede de saúde mental. Os esforzos realizados por multitude de profesionais non foron coordinados de ningún xeito que permitise maximizar a resposta e a súa eficacia, dependendo en todo caso da boa vontade e dos coñecementos dos mesmos, así como das redes informais e/ou externas das que dispomos e dende as que vimos tratando de establecer un diálogo co sistema sanitario público dende hai décadas.
Desconcértanos que a propia administración, en lugar de recorrer aos expertos que nela traballan e aos que forma a través dun sistema recoñecido internacionalmente pola súa excelencia (MIR, PIR, EIR), busque establecer sobre a marcha e dun xeito improvisado e efémero o desenvolvemento de redes paralelas que atendan o que a ela lle corresponde: a saúde mental da poboación, tamén en épocas de crise como a que nos toca vivir.
Novamente pan para hoxe e fame para mañá. Porque a día de hoxe seguimos sen ter un plan para un posible rebrote, máis alá de repetir o que xa fixemos. Porque, non nos levemos a engano, as solucións precarias implementadas nestes últimos meses non poden substituir de ningún modo ao desenvolvemento dos tratamentos nas condicións mínimas nas que sabemos que son eficaces. E por moito que se empeñen en vendernos a excelencia e modernidade da telemediciña ou da telepsicoloxía, un contacto telefónico, por moi ben realizado e acollido que sexa en situación de crise, non é tal. Poder atender a distancia, cando non queda outra, tamén require medios, tecnolóxicos e humanos.
En ningún caso poderemos entender ou xustificar que no caso dun rebrote xeneralizado (os locais xa os estamos a vivir) non esteamos preparados, que non dispoñamos de recursos, que non haxa unha coordinación a nivel autonómico, que non se escoite a opinión dos profesionais
De acordo, poderemos asumir que a pandemia colleunos desprevidos aló polo mes de marzo, que non estabamos preparados. E incluso poderíamos chegar a convencernos de que ao mellor era imposible (?) estalo porque non sabiamos a que nos viña enriba. Pero en ningún caso poderemos entender ou xustificar que no caso dun rebrote xeneralizado (os locais xa os estamos a vivir) non esteamos preparados, que non dispoñamos de recursos, que non haxa unha coordinación a nivel autonómico, que non se escoite a opinión dos profesionais, ou que nos sorprendamos de que ocorra, cando as distintas organizacións internacionais veñen avisando da posibilidade de repetición. E pódese repetir a situación, pero nunca a incapacidade de resposta ou a ausencia de planificación. Esta grave neglixencia sería exclusivamente responsabilidade dos nosos políticos e xestores. Porque os profesionais voltaremos a asumir o traballo que nos toque, seguramente máis cansos no caso de non adoptarse as accións e medidas necesarias, pero non o que corresponde a outros.
E non podemos esquecer que esta crise, ademais de ser sanitaria, terá desgraciadamente como calquera outra importantes consecuencias sobre o tecido social e laboral. E como calquera outra crise (véxase a do 2008 que aínda coleaba antes do coronavirus) traerá consigo un empeoramento das condicións de vida de boa parte da poboación, non só en canto a alimentación, traballo, enfermidade física, pobreza,... senón tamén na saúde mental. Novamente nos espera nos vindeiros anos, se non potenciamos unha axeitada atención á saúde mental, un aumento dos trastornos de ansiedade e depresións, do consumo de fármacos, dos suicidios...
E que logo non nos digan que non se esperaba. Porque estabamos avisados.