Apenas unhas horas antes de que comezase oficialmente a campaña electoral, o presidente da Xunta anunciou a aprobación do 'Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19'
O pasado xoves 25, apenas unhas horas antes de que comezase oficialmente a campaña electoral, o presidente da Xunta anunciou a aprobación do 'Plan de Saúde Mental de Galicia Poscovid-19', unha iniciativa que busca incrementar o número de profesionais e dispositivos asistenciais e que Núñez Feijóo definiu como " o maior plan de saúde mental que se fixo desde a transferencia do Servizo Galego de Saúde, cun potente impacto no que se refire a recursos humanos”.
O plan, do que só se coñecen algúns aspectos xerais divulgados polo Goberno galego nunha nota de prensa, contará cun orzamento de 83 millóns de euros suporá a creación de 241 novas prazas sanitarias nun ámbito, o da saúde mental, que leva unha década denunciando graves carencias orzamentarias e de persoal para das resposta ás necesidades da poboación.
"Decepciónanos moito que se anuncie así, porque é un tema moi serio. Sen nada que o avale, non deixa de ser unha promesa electoral", di Rosa Cerqueiro
O momento do anuncio, ás portas das eleccións, foi de inmediato criticado por algún dos colectivos que nos últimos anos puxeron enriba da mesa estas necesidades. CIG-Saúde salientou que o plan "nin foi comunicado nin negociado coas organizacións con representación na Mesa Sectorial", sinalando que se trata doutro anuncio "que non pasará de ser unha promesa electoral máis".
De igual xeito, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) rexeita nun comunicado "a utilización electoralista dunha necesidade que levamos denunciando como urxente desde hai anos". "Esperar ata o último momento para anunciar, con fins partidistas, o que é unha reclamación de xustiza histórica e que vén a compensar, tan só parcialmente, profundas eivas estruturais, vén a confirmar que a saúde mental sempre queda para o último lugar", engadía o colectivo.
Cerqueiro lembra que durante anos o Executivo de Alberto Núñez Feijóo "negou que houbera tanta precariedade na atención á saúde mental". "O goberno galego foi sempre por detrás", di
"Decepciónanos moito que se anuncie así, porque é un tema moi serio", engade Rosa Cerqueiro, voceira do MGSM. "Non coñecemos realmente o contido do plan, os seus proxectos, a súa memoria económica, o seu cronograma de execución... Este anuncio, sen nada que o avale, non deixa de ser unha promesa electoral", di.
Cerqueiro lembra que durante anos o Executivo de Alberto Núñez Feijóo "negou que houbera tanta precariedade na atención á saúde mental, negou totalmente que houbese recorte de recursos e chegou a descualificar aos que o denunciabamos". Posteriormente, o Goberno galego modificou o seu discurso, recoñecendo que existía un problema "e nos últimos catro anos houbo bastantes anuncios de aprobación inminente dun plan que nunca se deu".
O MGSM rexeita que se poida cualificar como "o plan galego de maior envergadura en Galicia desde a transferencia do Sergas", como afirmou Feijóo
"O goberno galego foi sempre por detrás. Houbo que saír ás rúas na campaña Badaladas polo Suicidio en 2016, para que o goberno iniciara o Plan Galego de Prevención do Suicidio, publicado en 2017. E insistimos, insistimos e insistimos na elaboración e posta en marcha dun plan galego de saúde mental, con orzamento e cronograma, e cunhas liñas prioritarias claras", lembra.
Máis aló do escepticismo e a desconfianza xeradas polo momento do anuncio, o MGSM lembra que o plan quedaría moi lonxe de cubrir as necesidades actuais en saúde mental que presenta Galicia e rexeita que se poida cualificar como "o plan galego de maior envergadura en Galicia desde a transferencia do Sergas", como afirmou Núñez Feijóo.
"Nin con este aumento chegamos á metade das necesidades que cómpre cubrir", di Rosa Cerqueiro
"Contén cifras que parecen moi grandes, pero en realidade o que isto confirma é que nos atopamos nunha situación de precariedade absoluta, porque nin con este aumento chegamos á metade das necesidades que cómpre cubrir", denuncia Rosa Cerqueiro, que engade que o novo Plan 2020-2024 non acada o número de dispositivos e prazas recomendadas en 1997. Na actualidade o Sergas só conta co 62% dos e das profesionais dedicados á atención á saúde mental que serían recomendables segundo os propios criterios da Xunta.
O MGSM salienta que, ante o horizonte dunha nova crise económica, "veñen tempos difíciles" en saúde mental
O Movemento Galego de Saúde Mental salienta que, ante o horizonte dunha nova crise económica, "veñen tempos difíciles", subliñando o efecto que este tipo de crises sempre ten na saúde mental da poboación. A OMS está a insistir en que é "imprescindible reforzar o sistema de atención á saúde mental neste contexto da pandemia da COVID, polos efectos directos en saúde, e as repercusións socioeconómicas que trae consigo". Xa o pasado mes de abril a propia Rosa Cerqueiro destacaba en conversa con Praza.gal que era necesario "reforzar os servizos de atención primaria e de atención á saúde mental para cando se supere a fase aguda do coronavirus".
Así, sinala a entidade, mesmo se se aumentan os recursos, pode que o incremento da demanda faga que se manteñan ou se incrementen as dificultades no acceso á atención, nas listas de espera, nas demoras para as primeiras consultas e para as consultas sucesivas. Rosa Cerqueiro chama a reforzar a detección precoz destas problemáticas, un obxectivo no que o reforzo da atención primaria será fundamental.