"Cómpre reforzar os servizos de atención primaria e de atención á saúde mental para cando se supere a fase aguda do coronavirus"

Dereito á saúde mental © MGSM

A atención á saúde mental adoita ser unha das grandes esquecidas no sistema sanitario, pero neste ámbito déixanse notar especialmente os efectos de situacións de crise coma a que estamos a vivir e que probablemente se pode prolongar no tempo. 

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental alertou de que "a situación de moitas persoas con problemas de saúde mental agrávase pola prolongación no tempo do confinamento"

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) alertou este martes de que "a situación de moitas persoas con problemas de saúde mental agrávase pola prolongación no tempo do confinamento", lembrando que "o colectivo de saúde mental presenta unha alta vulnerabilidade fronte a situacións de crise, incerteza e alarma social, polo que é preciso extremar e adaptar os métodos de seguimento e atención". De igual xeito, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) subliñaba hai uns días que "o confinamento non axuda á estabilidade da persoa con problemas psiquiátricos previos, e a capacidade de acompañamento e sostén da familia, ou rede de apoio formal, vese moi reducida". 

Por ese motivo o MGSM chamaba a atención sobre o feito de que se está a producir unha diminución na demanda de atención en saúde mental, interpretando que isto se debe a que moitas persoas non están a acudir aos centros sanitario por medo ao contaxio ou para liberar de traballo aos profesionais sanitarios para que poidan atender ás urxencias.

O MGSM chama a atención sobre o feito de que se está a producir unha diminución na demanda de atención en saúde mental por medo ao contaxio ou para liberar de traballo aos profesionais sanitarios

"Na previsión de que a situación de emerxencia se alongue nas próximas semanas, ha de realizarse un esforzo de comunicación e traballo proactivo para que as persoas que precisen poñerse en contacto cos servizos de saúde mental non o deixen de facer por medo ou descoñecemento, e así asegurar a continuidade asistencial, especialmente nos casos crónicos ou de maior gravidade, e que non se sintan desprotexidos nun momento tan excepcional como o actual", sinalaba a entidade.

O MGSM facía igualmente un chamamento a que "ninguén quede no camiño" e a "defender os servizos públicos", agora máis que nunca, alertando de que "esta crise sanitaria pasará nos seus efectos máis devastadores na saúde e deixará de ser noticia minuto a minuto". Falamos coa súa voceira, Rosa Cerqueiro.

Rosa Cerqueiro Landín © MGSM

Pregúntoche primeiro pola situación que se está a vivir nos centros sanitario. Nos primeiros días trala declaración do Estado de Alarma denunciábades a falta de organización, de elementos de protección para os profesionais e de plans de continxencia. Mellorou a situación?

A situación vai mellorando. Os propios equipos profesionais organizáronse e foron creando estruturas para sacar adiante os problemas que podía haber. A situación é nova e require de cambios e dun traballo extra tanto nas plantas de hospitalización, nas unidades de residenciais e tamén nos equipos que atendemos de maneira ambulatoria.

"A resposta que está tendo a xente ao confinamento sorpréndenos para ben, cunha actitude xeral da poboación de 'imos tirando'"

Os equipos de saúde mental estamos dispoñibles para facer a atención ordinaria, coas adaptacións necesarias, porque case todas as consultas son telefónicas, e tamén para un tipo de atención máis concreta, relacionada coa actual situación de pandemia, tanto a persoas que sofren algún trastorno, as súas familias ou tamén a outro persoal sanitario.

O confinamento está a ter consecuencias negativas para a saúde mental da poboación, sobre todo para as persoas que xa tiñan diagnosticada algunha enfermidade ou trastorno?

En xeral, a resposta que está tendo a xente ao confinamento sorpréndenos para ben, cunha actitude xeral da poboación de 'imos tirando', unha frase que resume ben a situación. Iso si, hai que mirar caso a caso. Quen o pode levar peor? As persoas que viven soas, as persoas con trastornos mentais graves que están acudindo menos aos centros asistenciais, as persoas maiores que teñen menos acceso ás formas de comunicación online, e tamén as mulleres ou nenos que viven situacións de maltrato e están confinadas co seu maltratador.

Alertastes, ademais, de que moitas persoas que poden estar tendo algún problema non están acudindo aos centros sanitarios. Que consecuencias pode ter isto?

"Estamos nunha situación excepcional, todos facendo un enorme esforzo de contención, e como estamos concienciados de que isto é o que debemos facer, iso permítenos levar as cousas con certa estabilidade"

Non estamos notando un aumento brusco da demanda. Pero isto é natural: estamos como conxelados. Estamos nunha situación excepcional, todos facendo un enorme esforzo de contención, e como estamos concienciados de que isto é o que debemos facer, iso permítenos levar as cousas con certa estabilidade. Isto non quere dicir que non teñamos reaccións emocionais congruentes con esta situación: un estado de ánimo un pouquiño máis baixo, máis nerviosismo por momentos, problemas para conciliar o sono... Todo isto non debemos confundilo coa presenza dun trastorno mental.

O que nos preocupa é que hai unha diminución no número de demandas habituais nos equipos de saúde mental, na asistencia a urxencias ou nos ingresos hospitalarios. Outros servizos médicos, como cardioloxía ou neuroloxía, deron o sinal de alarma: persoas que non acoden aos centros sanitarios por medo ao contaxio ou por un sentido de responsabilidade de non recargar o sistema. O problema é que isto é perigoso, porque pode empeorar condicións físicas e psicolóxicas que xa estaban aí. Hai unha redución da demanda, pero non é real.

Cando remate o confinamento pode medrar de forma importante esa demanda de atención en saúde mental, tamén como consecuencia dos efectos económicos da pandemia?

"Estamos nun período de conxelamento e cando se normalice a situación esa demanda vai volver e vai volver incrementada"

Estamos nun período de conxelamento e cando se normalice a situación esa demanda vai volver e vai volver incrementada. Toda a demanda que non houbo nestas semanas vai ir aos centros sanitarios cando se levante o confinamento. E algunhas van estar empeoradas por non ter sido tratadas antes e por non intervir a tempo.

Nas persoas que xa tiñan problemas de saúde mental previos pode haber un repunte. Tamén pode haber problemas en persoas con patoloxías físicas crónicas, que son poboación de risco, e que polo tanto están máis preocupadas que outros colectivos. Igualmente podemos detectar máis problemas en persoas con maior vulnerabilidade económica e con condicións laborais precarias, que van ver empeorada a súa situación por mor dos efectos económicos da pandemia. Non sabemos como se vai a comportar o COVID a medio prazo, pero si coñecemos, por desgracia, pola experiencia que vivimos durante a crise económica da última década, como isto pode afectar á saúde mental da poboación.

Na crise económica da última década o MGSM xa alertou dos efectos psicosociais da situación de pobreza e de desemprego. Podemos vivir un fenómeno semellante nos vindeiros anos? Que medidas preventivas se necesitaría aplicar?

"Ogallá teñamos aprendido algo da experiencia previa pero a realidade é que esta nova crise nos colle aos servizos de saúde mental nunha situación de precariedade, algo que levamos máis de dez anos denunciando e que non mudou"

Ogallá teñamos aprendido algo da experiencia previa pero a realidade é que esta nova crise nos colle aos servizos de saúde mental nunha situación de precariedade, algo que levamos máis de dez anos denunciando e que non mudou. Temos os recursos que temos e non melloraron. Necesítanse dúas cousas: un reforzo na atención primaria e un reforzo en saúde mental.

Hai que ter en conta que moitas veces as persoas que teñen máis necesidades son as que menos acoden aos servizos sanitarios. Con esas persoas teríamos que facer un esforzo maior para chegar a elas. Sería importante igualmente reforzar os servizos sociais de base dos concellos e outras administracións, para manter ese sistema unha vez que finalice esta fase aguda. Son os que están máis preto das familias e das persoas que necesitan esta atención, e son quen pode ter o radar máis axeitado para detectar esas necesidades.

A saúde mental ten que ser máis accesible. Temos un recurso, existe, pero nestes momentos é moi inaccesible para moitas persoas polas listas de espera -que son de meses-, pola distancia que hai entre consultas sucesivas. Temos que conseguir que estas persoas accedan a ese recurso cando o necesiten, non despois. Necesítanse medidas de organización e reforzo, porque facer máis con menos é imposible. Tanto nesta fase aguda como sobre todo despois, que vai ser o gran desafío.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.