A capacidade de resistencia humana á adversidade e o sufrimento é descoñecida por non terse atopado os seus límites. Deste feito da conta a historia da humanidade, e é un dos fundamentos das orientacións preventivas en saúde mental que consideran necesario, para facer prognósticos da evolución da saúde mental dunha poboación baixo ameaza, non só esta senón tamén as experiencias de resposta a outras ameazas no pasado, as súas fortalezas actuais, e moi en particular a forma en que esa poboación está a responder ao risco en curso.
A grave ameaza actual ten compoñentes que crean unha condición de risco psicosocial grave
A grave ameaza actual ten compoñentes que crean unha condición de risco psicosocial grave: potencial compromiso vital nas persoas, cambio radical das formas de vivir, limitación da mobilidade e do contacto social, imposición de convivencia prolongada e a miúdo en espazos moi limitados, imposibilidade de comprobación directa da realidade (con intermediación dos medios de comunicación e os intereses que representan), separación obrigada dos seres queridos mais ameazados (ingresos sanitarios en illamento), imposibilidade de cumprir con obrigas e os mandatos culturais (con efecto de complicación nos inicios dos dós), saturación informativa de contidos alarmantes, temor a deterioro das condicións de vida futura por empobrecemento, tempo longo baixo a ameaza e indefinición da sua duración,...
As características da emerxencia sociosantiaria creada pola infección e risco de contaxio do COVID19 son de enorme risco psicosocial.
Pero é sabido que non basta a ameaza para que o risco se materialice en dano psicosocial, que non só de producirse conlevaría aumento de trastornos psíquicos, senón tamén debilitamento ou ruptura do tecido social, perda das identidades grupais valiosas, insolidariedade, desconfianza nos demais, desconfianza nas normas e nas institucións asistenciais e reguladoras da vida común..., desmoralización. Non só basta a ameaza, por moi grande que sexa esta, para danar de forma inevitable, cando non destruír, á comunidade humana.
Se senten que forman parte dun grupo humano estimable do que esperan con seguridade recibir protección e apoio se o necesitaran e ao que á sua vez contribúen coas súas accións, protexeranse de danos psicosociais
É fundamental para entender a resistencia das persoas e colectivos humanos considerar a forma en que esas persoas e colectivos (dende o grupo afectivo primario ata a nación) responden á ameaza: se responden con actuacións que perciben eficaces no maior grado posible para dominar a ameaza, e se senten que forman parte dun grupo humano estimable do que esperan con seguridade recibir protección e apoio se o necesitaran e ao que á sua vez contribúen coas súas accións, protexeranse de danos psicosociais a pesar da magnitude da dor sufrida, e ganarán en capacidade de afrontamento de outras ameazas futuras. Este é a miúdo o maior ou único beneficio que deixan tras de si os desastres. Pero tamén, se a resposta non ten eses compoñentes, pode ser un dos maiores danos que pode sufrir a sociedade: é a coñecida perda dos factores de protección psicosocial.
Longa introdución para chamar a atención, dende o ámbito da saúde mental, sobre a gravidade que conteñen as condutas e accións que limitan ou impiden que as persoas se sintan como parte dun grupo humano valioso, ou que desvaloricen a resposta de afrontamento en curso. Prívaselles as comunidades de protectores actuais e beneficios futuros fundamentais para afrontar o porvir como consecuencia de comportamentos que debilitan a dirección da resposta á ameaza (sexa goberno central, sexa goberno local, sexa xefe asistencial, sexa axente da orde) en calquera dos seus niveis, ou de accións que salientan en exclusiva as carencias ou limitacións da resposta á emerxencia (é sabido que é esa carencia de recursos e habilidades a que define unha emerxencia de potencialidade catastrófica, xa que de dispor deses medios só estariamos nun sobre-esforzo ordinario).
Son perigosas para a toda a sociedade: a insidia política, o causar dano á credibilidade do mando da resposta, a estimulación da irritación da poboación, a focalización da responsabilidade da adversidade en persoas ou institucións concretas e a noticia falsa
É visible dende o comenzo da epidemia no Estado Español como se veñen prolongando no período social actual formas de facer política que, se o foran, eran admisibles na época anterior. Hoxe a comunidade está en risco (vital, social, psicolóxico), e a ameaza é global e de tempo indefinido e por tanto con efectos sobre a humanidade aínda descoñecidos. É fundamental a disciplina social. Pero a disciplina implica actitude de acatamento de normas e indicacións fundamentadas na racionalidade e adoptadas por órgano de goberno lexítimo. Tamén actitude de cooperación co mando da resposta. É tamén crítica democrática, que non entorpecemento ou confusión da acción de goberno, a través dos mecanismos que a sociedade democrática ten establecidos. A disciplina social obríganos a todas/os: individuos, grupos, e institucións.
Son perigosas para a toda a sociedade: a insidia política, o causar dano á credibilidade do mando da resposta, a estimulación da irritación da poboación (consubstancial en si mesma ás emerxencias prolongadas e que é só unha das etapas emocionais que se atravesan en situacións como a actual), a focalización da responsabilidade da adversidade en persoas ou institucións concretas e a noticia falsa (estimulan a inevitable busca nestas situacións humanas de alguén culpable sobre o que descargar a irritación, que é tamén parte inevitable e común da reacción humana transitoria ás catástrofes, pero que pode adquirir carácter perigoso se non se contrarresta, e mais aínda se se estimula), e a vulneración das normas de protección comúns.
Esas condutas, gravemente responsables e daniñas cando son premeditadas e repetidas, deben cesar. E con mais razón cando son protagonizadas por quen ten ou aspira a ter responsabilidade de goberno.
Compre agora xá salientalo común, aparcar diferencias; establecer sistemas de comunicación entre responsables da resposta e a sociedade que xeren confianza; soster o funcionamento transparente dos mecanismos de control democrático da acción de goberno existentes; proxectar a nivel xeral imaxe de unidade, esforzo e competencia; apoiar o mando da resposta en tódolos niveis da mesma. Compre disciplina, unidade social e política, e contención das lóxicas ansias de ocupar gobernos.
Urxe como primeira medida cambiar as formas propias do pasado de resolver as diferencias e satisfacer as ambicións políticas
Queda aínda moita dor por sentir e coñecer. Cando sexa que finalice o que estamos a vivir imos necesitar toda a enerxía para, soportando o inmenso dó colectivo esperable, arrancar de novo o funcionamento da sociedade. Non daremos feito iso se cando entón, mirando atrás, vemos só un grupo humano ( o noso) que foi incapaz de recoñecerse e comportarse unido cando todo el estaba ameazado, e que pensa do seu sufrimento que só é vítima por culpa da incapacidade de quen tiñan a obriga de protexelo e dirixilo. Un grupo humano así, a nosa sociedade, será unha comunidade humana desmoralizada, e entón sí cos protectores da sua saúde mental e social debilitados e por iso exposto ao incremento dos trastornos psíquicos e a indesexables evolucións sociais.
A comunidade está en situación de elevado risco psicosocial, cómpre urxentemente reducilo, e para iso urxe como primeira medida cambiar as formas propias do pasado de resolver as diferencias e satisfacer as ambicións políticas. Cómpre reforzar a dirección-mando da resposta de defensa, resaltalo común, contribuír solidariamente ao esforzo, e disciplina social por todas/os.