O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) amosa a súa "preocupación" logo que dúas persoas novas se suicidasen en Galicia "pola intolerancia e maltrato que esta sociedade perpetúa contra quen expresa o seu desexo sexual ou a súa identidade de xénero de forma diversa e diferente aos modelos de masculinidade e feminidade tradicionais".
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia amosa a "preocupación" ante o suicidio de dous mozos "pola intolerancia e maltrato desta sociedade"
O suicidio dunha moza de Rois, cualificado polo movemento LGTB+ galego como "asasinato social", foi un dos últimos que alarmou o Ceesg, que nun comunicado volve reclamar medidas e recursos por parte das administracións públicas para incorporar a educación social nos centros educativos galegos.
O Colexio lembra que a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, cita a prevención como "unha das accións prioritarias para evitar a aparición de condutas de acoso e discriminación no ámbito escolar". E recorda tamén que, tal e como expresou o Movemento Galego da Saúde Mental, son precisos “datos de calidade que axuden a coñecer con maior precisión as circunstancias e características sociodemográficas que permitan avanzar en actuacións preventivas máis precisas e eficaces”.
O Ceesg reclama recursos públicos e profesionais con cualificación para que as leis, observatorios e protocolos "non fiquen en papel mollado"
Así, o Ceesg advirte de que as leis, os observatorios e os protocolos "precisan de profesionais con cualificación para a súa efectividade" porque "fican en papel mollado se non se destinan recursos públicos para a súa aplicación práctica de xeito constante e sistemático". "O profesorado en moitas ocasións non é quen de asumir a responsabilidade que se deriva deste tipo de medidas", explica o Colexio, que reclama medios e recursos para "abordar as condutas de odio e o acoso escolar desde a intervención socioeducativa". "É algo que está a fallar dentro do sistema educativo galego", advirte.
Así, o Ceesg demanda "actuacións coordinadas entre o profesorado e profesionais da educación social nos centros educativos" para unha intervención integral e sistémica e "dotada dos recursos necesarios". "Para que esta coordinación sexa efectiva, precisamos educadoras e educadores sociais nos centros educativos", reclama, na liña de varias comunidades autónomas.
"Precisamos actuacións coordinadas entre profesorado e profesionais da educación social; preciamos educadores sociais nos centros educativos"
A educación social galega cre que os últimos casos de suicidio e acoso "evidencian" a "necesidade de apostar por programas de mediación e acompañamento socioeducativo, desde un enfoque comunitario e integral que atenda ao conxunto da comunidade educativa" e que vaia máis aló das charlas e obradior, "que non son suficiente".
O Ceesg insiste en que a educación social é "un dereito fundamental" nos centros educativos e que os gobernos "teñen a obriga de establecer medidas para reducir o impacto dos suicidios, entre elas garantir un sistema educativo público, de calidade, coeducativo, feminista, inclusivo e diverso, LGBTIQ+".
Por iso, solicitan á Xunta un proxecto piloto para "a incorporación da figura da educación social nos centros educativos, como recurso para a prevención do acoso escolar e para evitar que se produzan situacións como as que viviron Nerea e Cristian".