O pasado 23 de setembro celebrouse o Día da Visibilidade Bisexual, unha xornada na que se denunciou que as persoas con esta orientación sexual sofren notables prexuízos na sociedade actual, unhas dificultades que son maiores e teñen maiores consecuencias entre os máis novos e novas.
"Todas e cada unha das persoas que a odiaban por ser bisexual, e que llo demostraron, son as súas asasinas", denuncian 10 entidades
Hai uns días unha moza de 17 anos de Rois suicidouse por mor da situación de acoso que sufría pola súa orientación bisexual, segundo denuncia unha decena de entidades LGBT+ de Galicia, que cualifican o sucedido como "acoso social". Nós Mesmas, LES Coruña, ALAS Coruña, Arelas, GOTAS, Sete Outeiros, Avante LGBT+, Amizando, Rede Educativa de Apoio LGBTIQ e o Colectivo Agrocuir da Ulloa afirman nun comunicado conxunto que a rapaza "non puido soportar tanto odio, o odio á persoa diferente, á que non ama como eles".
"Todas e cada unha das persoas que a odiaban por ser bisexual, e que llo demostraron, son as súas asasinas. Todas as que quizá non a odiaban, pero tampouco a apoiaron, que miraron para outro lado cando era agredida, por medo ou por indiferenza, son cómplices de asasinato. Todas as persoas con capacidade para actuar, que sabían o que acontecía, pero que non se posicionaron nin se implicaron o suficiente, son cómplices do seu asasinato", sinalan as dez organizacións.
"Agora virán os queixumes, as culpas, os remorsos, os perdóns. Pero agora é tarde. Para cantas persoas LGTBIAQ+ máis vai ser tarde tamén?", din
Subliñan que "á súa idade é difícil facer fronte ou escapar dunha contorna hostil: unha vila pequena onde todo o mundo se coñece e sabe o que ocorre e maila isto, ninguén, ou case ninguén, levanta a voz para defender a quen transita camiños minorizados, a quen vai a contra corrente buscando sinxelamente ser como é, pelexando cada día polo seu dereito para ser tan feliz como calquera". E rematan dicindo: "Agora virán os queixumes, as culpas, os remorsos, os perdóns. Pero agora é tarde para Nerea" e pregúntanse "para cantas persoas LGTBIAQ+ máis vai ser tarde tamén?".
Noutro texto publicado nas redes sociais, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ destaca que "nunca seremos unha sociedade de dereito, democrática e sa mentras sigan producíndose asasinatos sociais por razón de orientación sexual, de identidade de xénero ou calquera outra diversidade". "A realidade do acoso escolar LGBTfóbico está moi presente. Séguense escoitando insultos polos corredores: maricón, bollera... E hai moito alumnado sufrindo", dicía o pasado ano Ana Ojea, unha das voceiras da Rede. "Temos que intervir. Intervir significa frear as situacións de acoso cando somos testemuñas, aplicar protocolos cando hai casos evidentes de acoso escolar LGBTfóbico. E tamén a visibilidade: dende que existe o activismo LGBT sabemos que o noso maior perigo é a invisibilización, o non falar do tema", engadía esta mestra, apelando a un traballo máis activo nestas situacións por parte do profesorado.