Este domingo celébrase o Día do Orgullo LGBT+, que lembra, como todos os 28 de xuño, a rebelión contra a represión policial que tivo lugar no pub Stonewall, en Nova York. Este día do Orgullo estará marcado pola pandemia, con moitas menos actividades públicas, celebracións e tamén mobilizacións, pero os colectivos LGBT+ galegos si convocaron algunhas concentracións que buscan que non se esqueza o carácter reivindicativo e de visibilización que caracteriza esta data.
Haberá concentracións en Vigo, A Coruña, Compostela, Lugo e Ferrol e unha manifestación en Ourense
Así, este domingo están convocadas mobilizacións en Compostela (Praza Roxa e Praza 8 de Marzo ás 12h30), A Coruña (Campo da Leña ás 20h), Ferrol (Cantón de Molíns ás 20h), Lugo (Praza da Deputación ás 20h), Vigo (Porta do Sol ás 21h30) e Ourense, onde ademais dunha manifestación (que partirá ás 12 horas da estatua de Blanco Amor nos xardíns Bispo Cesáreo), este sábado desenvolvéronse máis actividades ao redor da figura do autor de A Esmorga, entre eles unha homenaxe no cemiterio de San Francisco baixo o título de "123 anos de orgullosa visibilidade". Os actos están convocados por diversos colectivos, como Avante LGBT, Assembleia do Orgulho de Ourense, Asociación Nós Mesmas, Arelas, Sete Outeiros ou Amizando.
"O Orgullo é o día ou o mes do ano no que saímos da clandestinidade do espazo privado e tomamos a rúa para dicir que a nosa sexualidade ou a nosa identidade de xénero non é unha cousa que só quede na nosa cama"
Xandre Garrido, responsable de organización de Avante LGBT+, explica que "nun primeiro momento todas as actividades presencias arredor desta data foran canceladas por mor da pandemia da Covid-19". Porén, "a aparición de moitos discursos lgbtfóbicos na sociedade e, sobre todo, transfóbicos", motivou a decisión de finalmente organizalos. "Están a abrirse debates que xa considerabamos superados e estanse volvendo a cuestionar dereitos que pensabamos asumidos; polo tanto, cremos que é necesario saír á rúa para protestar contra todo isto", engade.
Garrido conclúe que "ao final, o Orgullo é o día ou o mes do ano no que saímos da clandestinidade do espazo privado e tomamos a rúa para dicir que a nosa sexualidade ou a nosa identidade de xénero non é unha cousa que só quede na nosa cama, senón que é algo que forma parte da nosa vida as 24 horas do día, estamos orgullosos de quen somos e queremos vivilo sen violencia, por iso saímos á rúa tal e como somos".
Convocatorias:
- Vigo: 21.30 horas. Porta do Sol. Avante LGBT e Aso Nós Mesmas.
- A Coruña: 20 horas. Campo da Leña. Avante LGBT e Amizando.
- Ourense: 12 horas. Xardíns Bispo Cesáreo. Assembleia do Orgulho de Ourense
- Santiago: 12.30 horas. Praza Roxa e Praza 8 de Marzo. Avante LGBT e Amizando.
- Lugo: 20 horas. Praza da Deputación. Avante LGBT, Arelas e Sete Outeiros.
- Ferrol: 20 horas. Cantón de Molíns. Avante LGBT.
As concentracións reclamarán a aprobación da Lei de Identidade de Xénero en Galicia e no conxunto do Estado. E tamén o "desenvolvemento e aplicación real" da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación
As mobilizacións, que serán concentracións en todos os casos agás en Ourense, onde se realizará unha manifestación, terán lugar extremando as medidas de protección e seguindo as recomendacións sanitarias, mantendo a distancia de seguridade. Será obrigatorio o uso de máscara de protección e estará prohibido compartir pancartas e bandeiras ou repartir ningún tipo de material. "Nestas concentracións imos marcar no chan con xiz unha separación de metro e medio ou dous metros entre persoas; e, ademais, vai haber un servizo de orde que vixiará que todo o mundo está gardando a distancia de seguridade", explica Xandre Garrido.
As concentracións reclamarán a aprobación da Lei de Identidade de Xénero en Galicia e no conxunto do Estado. E tamén demandarán unha actualización da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. "Esta norma xa de primeiras perdera gran parte do seu contido, pero ademais está xa obsoleta e, ademais, estase incumprindo totalmente, non se está aplicando. Esiximos o seu desenvolvemento e aplicación real desta lei", di Garrido.
Avante afirma que a crise económica provocada polo coronavirus está a afectar en maior medida ás persoas destes colectivos, o que fai "mais necesaria aínda as mobilizacións" e a aprobación de medidas como a renda básica universal
O responsable de organización de Avante LGBT afirma así mesmo que a crise económica provocada polo coronavirus está a afectar en maior medida ás persoas destes colectivos, o que fai "mais necesaria aínda as mobilizacións". "O colectivo LGBT xa estaba nunha mala situación. A estatística di que o 60% das persoas LGBT non saíron do armario nos seus espazos de traballo por medo a perder o emprego ou a sufrir mobbing. Despois, as persoas que non poden agochar a súa condición, como as persoas trans en proceso de transformación, sofren aínda máis estes problemas e por ese motivo teñen unhas taxas de paro do 85%", di.
En consecuencia, "cando chega unha crise económica coma esta a situación é moito peor para estes colectivos", di. "Por iso necesitamos unha rede que proporcione un mínimo para que se poida sobrevivir en condicións de vida dignas mesmo nas condicións máis difíciles", engade. Avante LGBT+ é unha das organizacións asinantes do manifesto de colectivos LGBTI por una Renta Básica Universal (LGBTIxRBU), con entidades de todo o Estado. "Non hai Orgullo se estamos explotadas", destaca o manifesto, engadindo que a medida "non só garantiría un teito e alimento, senón tamén a posibilidade de rematar con situacións de discriminación laboral LGBTIfóbica".
Orgullo Crítico de Vigo
Nas últimas semanas, ademais, veu desenvolvéndose en Vigo o 'Orgullo Crítico', no que a Asociación Nós Mesmas levou a cabo a campaña "Mamá, papá, son heterosexual", que quere "remover conciencias e reflexionar sobre a visibilidade e o respecto á diversidade afectiva, sexual e de xénero", utilizando o humor como ferramenta con esta campaña elaborada por Muller de 6 ollos para a asociación.
“Reivindicamos o noso dereito a ser quen somos, a elixir as nosas relaciones afectivo-sexuais, a ter un traballo digno, a non ser discriminadxs por situarnos fora da normatividade e a recibir a atención sanitaria que necesitemos"
"Algo tan simple como a saída do armario parece ridícula e racha con todas as normas cando quen sae do armario di que é hetero. Isto non ocorre na realidade, somos unha parte da sociedade as e os que somos obrigados a quitarnos esa etiqueta que nos impoñen desde que nacemos e, por suposto, a afrontar as súas consecuencias", explica Elisabet Pérez, portavoz de Nós Mesmas.
No Orgullo Crítico, engade, “reivindicamos o noso dereito a ser quen somos, a expresar libremente o noso xénero, a elixir as nosas relaciones afectivo-sexuais, a ter un traballo digno, a non ser discriminadxs por situarnos fora da normatividade e a recibir a atención sanitaria que necesitemos. En definitiva, reivindicamos o noso dereito a ser consideradxs e tratadxs como ciudadanxs de primeira".