Non é homofobia, é misoxinia

Raúl, na súa presentación en 'First Dates' © First Dates

“Un pedazo de maricón”. Esa foi a resposta de Raúl cando Carlos Sobera pregúntoulle en First Dates como se describiría. “Ser gai non é unha personalidade”, “por culpa desta xente existe a homofobia” ou “ser gai non é iso, iso é querer chamar a atención”. Estas eran algunhas das perliñas que podían lerse nas redes sociais por parte de certo sector do colectivo LGTB. Acoso e derribo, iso é o que sufriu o mozo que foi ao famoso programa. O motivo? Tal e como el mesmo explicou: ter pluma. Cinco letras; dous vogais e tres consonantes, que conforman unha palabra sinxela pero con miles de connotacións adheridas tales como feminidade, fraxilidade ou extravagancia. 

Son moitos os que afirman que unha persoa homosexual non pode ser homófoba, razoamento máis que lóxico tendo en conta que de ser así, eles mesmos estarían a tirar “pedras sobre o seu propio tellado”. Ben é certo que outra parte da sociedade defende a idea contraria: As persoas homosexuais poden ser homófobas, odio baseado no rexeitamento total á “pluma”. 

Baixo esta premisa poderiamos afirmar que o odio neste caso non nace necesariamente do rexeitamento á orientación sexual da persoa, senón á súa forma de expresarse e actuar. Homes que se comportan “como mulleres”. Homes que se expresan en feminino. Homes que se pintan as uñas. Homes que se poñen vestidos. Homes que falan con cantilena. Homes que rin. Homes que choran. Homes. 

Non homes que se comportan como mulleres: non. Homes. 

En marzo de 1990 Judith Butler publica O xénero en disputa. No primeiro capítulo Butler expón a posibilidade de que o xénero, o que ata ese momento moitos percibían como home-muller, non veña implícito no noso ser, senón que se trate dunha construción social. Unha gran torre formada ao longo do tempo por pequenas pezas que nos imos atopando polo camiño; un camiño conformado por un tempo, un espazo e unha contorna social concretos. Con iso Butler abriu unha veda que xa comezaran predecesoras da primeira e segunda onda do feminismo. 

Agora xa sabemos de onde vén ese odio e esa fobia ás persoas que teñen pluma: teñen actitudes hexemónicamente consideradas propias da muller. Non se odia aos homes con pluma dentro de certo sector do colectivo LGTB pola súa atracción hacia pesoas do mesmo sexo ca eles, senón pola súa ruptura cos roles de xénero. Por non ser o que nunha sociedade heteropatriarcal considérase masculino; por non ser fortes, por non ser os protectores, por non tomar ese papel de activo que encarnan os homes fronte á posición de subordinación e pasividade que se supón que deben adoptar as mulleres. Non é homofobia, é misoxinia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.