HazteOir remitiu a súa propaganda a 23.000 centros de todo o Estado. A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia alerta de que chegou a un gran número de institutos galegos
Dende a primeira semana deste curso comezou a chegar aos centros de ensino de todo o Estado propaganda enviada pola asociación ultraconservadora HazteOir, tamén en Galicia. Trátase de cartas, folletos e panfletos que cuestionan a realidade LGBTIQ+ e o ensino que, seguindo a lexislación, fomenta a diversidade, a igualdade e a tolerancia. Demandan, ademais, a aplicación do denominado Pin Parental, é dicir, a esixencia dunha "autorización expresa" por parte dos pais e nais antes de impartir calquera materia, charla, taller ou actividade que afecte a cuestións socialmente controvertidas ou sobre a sexualidade. Hai tres anos a organización ultra xa remitira aos centros unha documentación semellante. Nese momento a Xunta apelou á "responsabilidade" dos colexios para "retiraren" o panfleto homófobo.
A situación foi denunciada por entidades LGBT, como a Asociación Nós Mesmas e pola FELGTB no seu conxunto, a federación estatal de asociacións LGBT. Fíxoo tamén a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, unha entidade de recente creación que agrupa a 160 mestres e mestras galegas. A Rede, con integrantes en 98 centros de ensino de toda Galicia, sinala que a propaganda chegou á maior parte deles, remitida ao director ou directora do centro. Calcúlase que HazteOir, que nos últimos comicios fixo campaña a prol de VOX, remitiu a súa propaganda a 23.000 centros de todo o Estado, ás Direccións dos mesmos, a profesorado concreto e tamén ás ampas.
A Rede esíxelle á Consellería "un posicionamento público e firme" contra a campaña de HazteOir
Ademais de denuncialo publicamente, a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ vén de remitir unha carta de protesta á conselleira de Educación, Carmen Pomar, e tamén á Valedora do Pobo. Nestes envíos, a Rede denuncia que a campaña de HazteOir "atenta contra os dereitos fundamentais das persoas, o dereito á educación e a liberdade do ensino, fomenta odio cara ás persoas e familias LGBTIQ+, incumprindo tanto a vixente lei educativa coma as leis en materia de Igualdade e Diversidade e, polo tanto, poden incorrer nun delito de odio".
Nesta carta, a Rede esíxelle á Consellería "un posicionamento público e firme" contra a campaña de HazteOir, "a través dun comunicado que chegue a todas as comunidades educativas galegas, así como ás familias, anpas e escolas de familias".
A entidade lembra "o dereito do alumnado a recibir formación en valores que apelen á convivencia, á tolerancia e á non discriminación por cuestións de identidade de xénero ou orientación sexual", un dereito presente tanto na LOMCE, nos currículos de Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, no Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e na Lei pola Igualdade de Trato e a non Discriminación de Lesbianas, Gays, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais en Galicia aprobada no ano 2014.
Hai tres anos a organización ultra xa remitira aos centros unha documentación semellante. Nese momento a Xunta apelou á "responsabilidade" dos colexios para "retiraren" o panfleto homófobo
Esta norma prevé a inclusión da realidade LGBTI nos plans de estudos, a formación do persoal docente nesta cuestión e a divulgación da realidade LGBTI entre as ANPA. Ademais, sinálase que a Xunta fomentará a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero. E que se establecerán actuacións para combater o acoso escolar por esta razón.
A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ solicitoulle xa en setembro este pronunciamento á Xunta, demandando ademais que a Consellería instase aos equipos directivos dos centros de ensino "a retirar a propaganda falaz e anticonstitucional de Hazte Oir coa maior dilixencia posible, e así garantir a legalidade vixente educativa en Galicia". Porén, dende entón nada se fixo, o que obrigou ao colectivo a redobrar as súas denuncias. Tamén o Grupo Común da Esquerda demandou no Parlamento a retirada da propaganda de HazteOir nos centros de ensino, unha iniciativa na que o PP votou en contra.
A realidade do acoso escolar LGBTfóbico está moi presente, un acoso que está sendo especialmente agresivo no caso do alumnado trans"
Ana Ojea, unha das voceiras da Rede, alerta de que a propaganda pode ter efectos moi prexudiciais sobre os rapaces e rapazas do colectivo LGBT, que en moitas ocasións xa están a sufrir situacións de acoso ou estados de depresión. "A realidade do acoso escolar LGBTfóbico está moi presente, un acoso que está sendo especialmente agresivo no caso do alumnado trans", sinala Ojea, que lembra que hai tan só dúas semanas produciuse un novo suicidio dunha moza trans en Valencia.
"Séguense escoitando insultos polos corredores: maricón, bollera... E hai moito alumnado sufrindo", di. "Esta situación fai moi necesario o noso traballo pola igualdade e a diversidade", engade. "Un dos grandes problemas é a invisibilización, situacións de acoso que son ignoradas pola maioría e que quedan ocultadas. Isto dificulta a vida do alumnado e do profesorado LGBT", sinala.
"Ao igual que está pasando noutros ámbitos, a ultradereita está asustada, vendo como se están producindo avances sociais, en diversidade e en igualdade, que non quere que existan"
Comenta que "o traballo pola diversidade está comezando a desenvolverse nos centros educativos de todo o Estado dende hai dous ou tres anos. Antes había unicamente algunhas experiencias illadas, como foi a primeira titoría LGBT, que se fixera nun centro de Madrid hai dez anos. Pero no momento en que comezamos a traballar en serio este tema, vemos como a incorporación de alumnado e profesorado é masiva e está a ter unha moi boa resposta". E subliña: "ao igual que está pasando noutros ámbitos, a ultradereita está asustada, vendo como se están producindo avances sociais, en diversidade e en igualdade, que non quere que existan".
A Rede
O profesorado "ten que ter un papel activo, deixar xa de lado a pasividade, a falsa neutralidade e o mirar para outro lado, xustificándoo en que 'son só cousas de nenos”
A Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia formouse nas primeiras semanas deste curso académico, e tivo en outubro a súa primeira xuntanza. Agrupa a 160 mestres e mestras de 98 centros, a maior parte públicos. "Somos un grupo de docentes que quixemos xuntarnos a nivel galego para traballar estes temas", explica Ana Ojea, que engade que hai tamén algúns orientadores e orientadoras, que poden desenvolver programas de atención á diversidade, e tamén educadores de formación non regradas (cursos, obradoiros).
Explica que "en xeral somos persoas que queríamos comezar a traballar en cuestións de diversidade. Moitas delas había tempo que querían traballar neste campo pero sentían que necesitaban formación para facelo. Por iso compartimos recursos e materiais didácticos, pero a Rede é tamén un foro de unión, no que poñemos problemas en común". "Por exemplo, nos claustros hai profesorado e equipos directivos lgbtfóbicos que buscan frear todas as iniciativas de avance", advirte.
A Rede lembra que 3 de cada 100 alumnos e alumnas de ensino secundario sufriu agresións verbais por "parecer" LGBT e que 1 de cada 100 sufriu agresións físicas polo mesmo motivo. E, segundo o mesmo estudo, o 60,5% do alumnado non se sente "totalmente protexido" polo profesorado.
"Dende que existe o activismo LGBT sabemos que o noso maior perigo é a invisibilización, o non falar do tema"
Que papel cumpre o profesorado para loitar contra o acoso e apoiar o alumnado LGBT? "Ten que ser un papel activo, deixar xa de lado a pasividade, a falsa neutralidade e o mirar para outro lado, xustificándoo en que 'son só cousas de nenos”, di Ana Ojea. "Temos que ser consciente de que o acoso dificulta a vida dun número cada vez máis alto de rapaces e rapazas, porque cada vez se visibilizan máis", afirma.
"Temos que intervir. Intervir significa frear as situacións de acoso cando somos testemuñas, aplicar protocolos cando hai casos evidentes de acoso escolar LGBTfóbico. E tamén a visibilidade: dende que existe o activismo LGBT sabemos que o noso maior perigo é a invisibilización, o non falar do tema", conclúe.
Neste senso, engade que "non lle podemos pedir que se visibilice ao alumnado -que a veces ten problemáticas familiares duras- se o profesorado LGBT non se visibiliza antes, se non fala do tema abertamente. Sobre todo o profesorado estable, que ten unha praza fixa. Temos que ser un pouco valentes e dar un paso á fronte", engade.