Representantes de EnMarea, PSdeG-PSOE e BNG presentaron este venres no rexistro do Parlamento o proxecto de Lei galega de Identidade de Xénero, acompañados por varios colectivos LGTBI que impulsaron a redacción deste texto que busca defender os dereitos das persoas transxénero. No acto participaron os portavoces do Grupo En Marea na Comisión de Igualdade, Marcos Cal e Paula Quinteiro, a portavoz de Política Social e LGTBI do Grupo Socialista, Noela Blanco, e a viceportavoz do Grupo do BNG, Olaia Rodil.
O inicio da tramitación da norma chega un día despois da chegada a Compostela do autobús tránsfobo de HazteOír, que motivou a convicatoria de concentracións, onte á tardiña e este venres ao mediodía, que protestaron contra o posicionamento deste grupo ultracatólico. Precisamente, na presentación do proxecto de lei, houbo mencións ao autobús de HazteOír e apelacións ao Partido Popular a unirse á iniciativa. A presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), Cristina Palacios, instou os populares a escoller entre “posicionarse a favor das mensaxes de odio e de transfobia” ou “estar do lado dos que defendemos e loitamos cada día porque cada persoa, sexa cal sexa identidade e orientación teña cabida nesta sociedade”.
Palacios instou o PP a escoller entre “posicionarse a favor das mensaxes de odio e de transfobia” ou “estar do lado dos que defendemos e loitamos cada día porque cada persoa, sexa cal sexa identidade e orientación, teña cabida nesta sociedade”.
Un chamamento semellante fixo a socialista Noela Blanco, que animou ao PP "a baixar do autobús de HazteOír", sinalando que “só caben dous posicionamentos: ou a favor de ampliar os dereitos das persoas ou en contra”. E Marcos Cal afirmou que "chegou o momento de que o Partido Popular diga claramente de que lado se sitúa: do lado da igualdade e contra a discriminación ou do lado das mensaxes de odio de Hazte Oír“.
Unha lei para rematar coa discriminación das persoas trans
Cristina Palacios explicou que esta lei persegue e acabar coa discriminación que sofren estes colectivos no seu día a día e en todos os ámbitos. “Ten que ser a Lei que represente a todo o colectivo LGTBI, que busca otorgar dereitos básicos fundamentais que calquera outra persoa ten e que sen embargo os menores e adultos trans non teñen“, dixo.
O obxectivo é que a norma galega permita "acadar un completo recoñecemento da identidade de xénero en todos, engadindo tamén unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade"
O obxectivo é que a norma galega permita "acadar un completo recoñecemento da identidade de xénero en todos, engadindo tamén unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade". Os colectivos LGTBI denuncian que estas persoas son decote "excluídas do ámbito laboral, obrigadas a ter que mostrar cada día unha documentación que non as identifica, e a sufrir todo tipo de violencias transfóbicas polo simple feito de non identificarse co sexo asignado ao nacer". Por iso, unha das primeiras discriminacións pasa polas trabas e dificultades para obter un documento nacional de identidade que realmente os identifique. As listas de agarda para se operar son outra das problemáticas destacadas polos colectivos que chegan incluso aos dez anos e con traslados por exemplo a Málaga
A deputada do BNG, Olalla Rodil Rodil, lembrou que na actualidade a diversidade das identidades de xénero non está recoñecida legalmente. Para a deputada, resulta un paradoxo “blindar a non discriminación das persoas trans e non lexislar o seu recoñecemento”. Tralo rexistro da lei, a nacionalista indicou que hoxe estamos a dar “un primeiro paso para avanzar cara unha Galiza máis solidaria, equitativa e xusta”, unha Galiza que se opón frontalmente aos discursos de odio e discriminación.
A "hipocrisía" do PP
Pola súa banda, a CIG denunciou "a hipocrisía" do goberno do Partido Popular, quen hai un ano aprobou o Protocolo educativo para garantir a Igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de Identidade de xénero das/os menores trans, "mais permite e consinte que a organización ultracatólica Hazte Oír pasee o bus da xenreira polas rúas de Compostela e, en vindeiras, datas noutros lugares de Galicia". "Non é casual que o bus se desprace ao noso país o día anterior á presentación da Lei galega de Identidade de Xénero e ás portas da conmemoración dun novo 17 de maio, Día internacional de combate da LGTBI fobia", sinalou o sindicato.