"El florecimiento de todas estas leyes está institucionalizando dos categorías de ciudadanos, los LGTB y los heterosexuales. Los primeros, provilegiados legalmente, y los segundos relegados a una segunda categoría (...) Ser heterosexual comienza a convertir a los individuos en sospechosos de homofobia". Este fragmento é só unha mostra do contido do panfleto ¿Sabes lo que quieren enseñar a tus hijos en el colegio? Las Leyes de adoctrinamiento sexual que a organización católica de ultradereita Hazte Oír leva semanas distribuíndo polos centros de ensino de toda España, tamén en Galicia, criticando a educación no respecto á diversidade sexual e de xénero e as leis para a igualdade LGTBI aprobadas en varias comunidades autónomas, entre elas Galicia (en 2014).
Estudan levalo ante a Fiscalía, por entender que "vulnera varios artigos da lexislación internacional, española e galega, así como a protección xurídica do menor e incitando o odio cara ao colectivo LGTBI"
As asociacións galegas de defensa dos dereitos do colectivo LGTBI Arelas, Nós Mesmas, ALAS Coruña, Ultreia e Casco veñen de denunciar os feitos ante a Consellaría de Educación e a Valedora do Pobo e estudan levalo ante a Fiscalía, "por entender que este panfleto vulnera varios artigos da lexislación internacional, española e galega, así como a protección xurídica do menor e incitando o odio cara ao colectivo LGTBI". Sinalan que "o texto difundido pretende crear unha alarma inxustificada entre as familias do alumnado e entre a comunidade educativa en xeral, deostando -con argumentos ideolóxicos e discriminatorios- á comunidade LGTBI, a que acusa de forma absolutamente infundada, de querer causar un grave dano ao alumnado".
Entenden que o documento é contrario "aos valores contidos no noso ordenamento xurídico e incita ós delitos de odio por motivo de orientación e identidade sexual". E lembran que "o alumnado LGTBI é un dos que mais sofre o acoso escolar nos centros educativos, polo que é imprescindible que se cumpran todas as medidas legalmente establecidas para garantir o benestar das nenas, nenos e mocidade LGTBI nos colexios e institutos galegos".
As cinco entidades LGBTI instan á Consellería de Educación a "preservar unha boa e inclusiva convivencia nos centros educativos", entendendo a diversidade "como un valor a respectar", e creando as condicións necesarias "para previr e, no seu caso, tratar calquera manifestación da incitación o odio, do acoso escolar ou de discriminación dun alumno ou alumna por mor da súa identidade ou orientación sexual". Piden, igualmente, que se lles traslade mediante escrito oficial aos equipos directivos dos centros educativos galegos "a necesidade de perseverar na educación os principios e valores democráticos recollidos na lexislación internacional, nacional e autonómica sendo especialmente coidadosos e escrupulosos no material difundido entre o alumnado e utilizado na función docente e rexeitando calquera outro que non cumpra con estes requisitos".
O contido do panfleto
O documento, de 46 páxinas, realizado por Antonio Velázquez, foi enviado a 16.500 centros de ensino de toda España, distribuíndo un total de 100.000 exemplares. Comeza afirmando que "nos últimos anos estamos asistindo a unha proliferación de leis (...) que buscan impoñer na sociedade a ideoloxía de xénero co pretexto da non discriminación e de garantir os dereitos das persoas homosexuais" e engade que estas leis "vulneran algúns dos dereitos fundamentais dos cidadáns, ademais de establecer novos dereitos á carta para determinados colectivos, rompendo así o principio de igualdade xurídica das persoas". Acusan, ademais, a "os lobbies do feminismo radical e LGBTI" de estar detrás destas normas.
O documento, de 46 páxinas, realizado por Antonio Velázquez, foi enviado a 16.500 centros de ensino de toda España, distribuíndo un total de 100.000 exemplares
O documento, encabezado por unha fotomontaxe na que dous nenos realizan o saúdo fascista ante unha bandeira coas cores do arco da vella, critica que se estea a "instaurar por decreto a normalidade do presumiblemente anómalo". E afirma que "se facilita e se premia a conversión de individuos á homosexualidade" criticando que, pola contra, se "perseguen" as "terapias de aversión ou conversión" que no pasado buscaban curar a homosexualidade. Engaden que "algunhas destas leis, as máis radicais, contemplan a posibilidade de que os pais con fillos que padezan un trastorno da identidade de xénero se neguen a permitir que experimenten con eles".
O panfleto chega a afirmar que as leis "converten en sospeitosa a heterosexualidade" e procuran unha "reeducación social". O texto péchase botando man da crítica á Memoria Histórica, sinalando que "a catalogación do Franquismo como inimigo da homosexualidade establece unha barreira de protección contra quen teñan a tentación de opoñerse a estas normas".
Afirma que "se facilita e se premia a conversión de individuos á homosexualidade" criticando que, pola contra, se "perseguen" as "terapias de aversión ou conversión" que no pasado buscaban curar a homosexualidade
O documento insta aos pais e nais a asinar un escrito que aparece nunha das súas últimas páxinas e a entregalo no rexistro da Consellería de Educación, pedíndolle á administración pública que se "absteña de impoñer aos centros de ensino (e polo tanto aos meus fillos) a visión ideolóxica que establecen as leis autonómicas destinadas a promocionar a diversidade sexual e modelos LGTBI nas aulas". E apelan ao artigo 27.3 da Constitución, que sinala que "os poderes públicos garanten o dereito que asiste aos pais para que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións".
O Foro de Igualdade de Lugo demanda tamén a intervención da Xunta
O panfleto chega a afirmar que as leis "converten en sospeitosa a heterosexualidade"
O Foro Municipal de Igualdade de Lugo acordou o pasado venres solicitarlle á Consellería de Educación que prohiba a distribución nos centros de ensino desta publicación. A Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, alertou de que os colexios e institutos da cidade estaban a recibir este panfleto, que criticou por "homófobo".