A finais do pasado decembro entidades LGTBI galegas denunciaron a chegada a centros de ensino galegos dun panfleto homófobo que, editado polo colectivo ultracatólico Hazte Oír baixo o título ¿Sabes lo que quieren enseñar a tus hijos en el colegio? Las Leyes de adoctrinamiento sexual, ataca as leis que apostan pola educación en igualdade ou proclama teses como que a lexislación vixente "facilita e premia a conversión de individuos á homosexualidade". Hai apenas un mes En Marea e PSdeG defenderon no Parlamento que a Xunta frease a distribución desa publicación nos colexios e procedese á súa retirada. A proposta non saíu adiante porque o PP, aínda que a cualificou de "lixo", se negou a aprobala se non incluía "límites á difusión" nas escolas de calquera material con contido "ideolóxico". Agora o Goberno galego apela á "responsabilidade" das direccións dos centros para que "retiren" o panfleto.
Esta mesma semana chegou ao Parlamento a resposta a unha pregunta formulada por En Marea a este respecto, na que a Consellería de Educación di ter unha "postura clara" de "rexeitamento total á divulgación de calquera tipo de publicación con contidos non pedagóxicos, e por suposto aos ideolóxicos e doutrinarios, nun centro educativo sostido con fondos públicos". "Ao mesmo tempo -indica o documento- a Xunta está rotundamente en contra de calquera manifestación homófoba e que atente" contra a "liberdade de orientación sexual e identidade de xénero". Non en van, gábase, "este Goberno foi o que máis avanzou en prol da defensa, igualdade e non discriminación do colectivo LGTBI".
A Consellería indica que está "rotundamente en contra de calquer manifestación homófoba" e insta os centros a "retirar unha publicación deste tipo"
Neste contexto a Consellería sinala que "unha publicación deste tipo, ou doutro que non cumpra coa lexislación, ten que ser retirada do centro educativo que a reciba, xa sexa de maneira particular ou de forma masiva a varios centros". "A lexislación vixente é clara -abonda-, polo que confiamos na responsabilidade dos equipos directivos para que cumpran coa normativa de maneira responsabile e con sentido común". Neste caso concreto, resalta, as normas a ter en conta son, entre outras, a lei pola igualdade de trato e non discriminación LGTBI de Galicia, a lei de convivencia ou o protocolo de identidade de xénero.
O libro inclúe teorías como supostos "premios á conversión á homosexualidade" e instrucións para esixir á Xunta que non "promocione a diversidade sexual"
Así as cousas, dependerá en última instancia de cada colexio a retirada ou non dunha publicación que centra os seus ataques, precisamente, en normas coma estas. O panfleto do colectivo ultra afirma, por exemplo, que esta normativa "converte en sospeitosa a heterosexualidade" e procura unha "reeducación social", xa que non dan aval ás "terapias de aversión ou conversión" que, segundo estes grupos, poden provocar que unha persoa deixe de ser homosexual tratándoa como se padecese unha enfermidade.
Ademais de teorías como unha defensa implícita do franquismo -evidenciar a persecución da homosexualidade na ditadura é unha "barreira contra quen teña a tentación de opoñerse a estas normas", conclúe-, o panfleto inclúe instrucións para as familias. No marco da súa campaña de presión ás Administracións educativas convida a pais e nais a asinaren un escrito cuxo modelo inclúe o propio panfleto e entregalo no rexistro da Consellería de Educación esixindo que se "absteña de impoñer" a "visión ideolóxica que establecen as leis autonómicas destinadas a promocionar a diversidade sexual".