Unha 'Elisa e Marcela' en banda deseñada e a recuperación da pioneira revista 'O aturuxo' para celebrar o Día do Orgullo

Portada do cómic 'Elisa e Marcela', de Xulia Vicente © CCG

Coincidindo coa celebración, este domingo 28 de xuño, do Día do Orgullo LGBT+, o Consello da Cultura Galega presentou nos últimos días dúas iniciativas relacionadas coa memoria histórica destes colectivos en Galicia. Por unha banda, o CCG vén de publicar na súa web o cómic 'Elisa e Marcela', unha banda deseñada realizada por Xulia Vicente que relata a historia destas dúas mulleres que casaron na Coruña no ano 1901. A publicación pódese ler e descargar de balde nesta ligazón.

A banda deseñada permite ver noutra linguaxe a historia de “dúas mulleres que no noso país son xa referencia e icona de transgresión e liberdade”

“Sentín unha responsabilidade tremenda porque non estou afeita a facer guións e moito menos a traballar sobre historias reais e comecei a facer un intenso labor de investigación”, di Xulia Vicente. A banda deseñada, de 32 páxinas debuxadas a lapis, chega da man da Sección de Pensamento, que coordina Carme Adán, e permite ver noutra linguaxe a historia de “dúas mulleres que no noso país son xa referencia e icona de transgresión e liberdade”.

Unha das páxinas do cómic 'Elisa e Marcela' © CCG

A súa autora explica que a obra "relata a historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres cuxa peculiar historia foi reconstruída a partir de documentos oficiais e de extractos de xornais, moitas veces con testemuñas de difícil comprobación. Necesariamente, este relato emprega a ficción para suplir algún ocos e facilitar a narración". "Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres, pero nunca debe tomarse como unha versión cen por cen fiel á historia”, engade.

"Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres, pero nunca debe tomarse como unha versión cen por cen fiel á historia”

Ademais, Xulia Vicente explica nun vídeo o proceso de elaboración da banda deseñada. A autora destaca que "a investigación para escribir estas páxinas foi exhaustiva", pero subliña que "para coñecer unha versión máis completa" da historia de Elisa e Marcela recomenda consultar Elisa e Marcela: Amigas e amantes, de Narciso de Gabriel. E, igualmente, para visitar outra versión do relato noutro medio artístico, suxire a obra de teatro Elisa e Marcela, de A Panadaría.

Recuperación de 'O Aturuxo'

Así mesmo, hai uns días o Consello da Cultura Galega puxo na rede os catro números publicados en 1981 por 'O Aturuxo', o boletín da Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia (CCGG) que se converteu na primeira publicación periódica de gais e lesbianas do país. A CCGG, integrada na Coordinadora de Frentes de Liberación Homosexual del Estado Español (COFLHEE), agrupaba núcleos existentes en Compostela, Vigo, Ourense e A Coruña. 

O CCG puxo na rede os catro números publicados en 1981 por 'O Aturuxo', o boletín da Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia que se converteu na primeira publicación periódica de gais e lesbianas

A publicación, que tiña como obxectivos contribuír á loita pola liberación sexual, a denuncia da homofobia e o machismo así como a difusión dos debates do feminismo lésbico, incluía novas sobre accións e reivindicacións a prol da liberdade sexual nos ámbitos social e organizativo e recollía denuncias por homofobia. Os catro números (do 0 ao 3), publicados no primeiro semestre dese ano, pódense descargar nesta ligazón.

No número 0, por exemplo, podemos ler a nova da acción levada a cabo por 300 persoas na cafetería Manhattan da Coruña, acusada de discriminar dúas persoas pola súa orientación sexual. No número 1 atopamos un editorial que reflexiona sobre a necesidade de autoorganización do colectivo ou unha crónica sobre unha festa de entroido celebrada en Vigo. O número 2 inclúe unha denuncia da represión que sofren as persoas non heterosexuais. E o número 3 trátase dun especial '28 de xuño' que inclúe unha campaña de apoio a dous mariñeiros da Armada condenados en Ferrol por "prácticas homosexuais".

Portada do número 1 de 'O Aturuxo' (1981) © CCG

Outras actividades do CCG

A Sección de Pensamento puxo en marcha en 2019 o programa “Pensar con orgullo” coa vontade de contribuír á reflexión e visibilización do pensamento e a realidade LGBTI. A coordinadora desta Sección considera que esta cita “pretende poñer en valor tanto o activismo como a creación de conceptos que nos permitan pensar e conquistar mundos de maior liberdade”. 

Este venres o CCG publica un coloquio sobre a realidade LGBTI en Galicia

No marco das actividades deseñadas para celebrar este ano o 28 de xuño, recuperouse esa cita, na que participaron Lorenzo Bernini, Luis Puche, Beatriz Suárez Briones e Marina Sáenz. Ademais, este venres publícase un coloquio sobre a realidade LGBTI en Galicia "nun momento en que a vulnerabilidade da vida humana nos interpela e obriga a pensar que significa a vida en comunidade e os afectos que habitamos". A mesa de debate ten como título “Diversidade afectivo-sexual en tempos de pandemia” e nela participan Eva Mejuto, Enrique Latorre e Carme Adán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.