'Elisa e Marcela', premio ao mellor espectáculo dedicado "a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas..."

Entrega do premio ao mellor espectáculo ás integrantes de A Panadería © La Diapo /AAAG

Un premio dedicado "a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas...". Así recibían o galardón ao mellor texto orixinal nos Premios María Casares as compoñentes de A Panadaría (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde). Non sería o único da noite para Elisa e Marcela. A obra fíxose tamén co premio ao mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado), converténdose na gran triunfadora da gala do Teatro Galego. A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas; e Resaca, de ilMaquinario Teatro, levan catro galardóns cada unha. Pola súa banda, Outono, de Pista Catro, e A galiña azul, de Tanxarina, levan cadanseu premio, galardón ao mellor espectáculo infantil neste caso.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a cerimonia, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que conmemorou o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 cando as primeiras compañías profesionais estrearon no noso país as súas obras fundacionais. Na cerimonia, a actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG, recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado pola poetas María Lado e Lucía Aldao, leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

A cabeza do dragón e Resaca obtiveron catro galardóns cada unha

Resaca levou os premios á mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Piñeiro) e mellor iluminación (José Manuel  Faro 'Coti'). E A cabeza do dragón, fíxose co de mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor adaptación/tradución (Quico Cadaval) e mellor vestiario (Suso Montero). Outono obtivo o de mellor maquillaxe (Trini F. Silva).

 

As mulleres “estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”

Nieves Rodríguez lembrou que nos tempos das primeiras compañías profesionais as mulleres xa estaban alí “por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES”

No seu discurso, Nieves Rodríguez -presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia- realizou unha defensa tanto da igualdade como da liberdade de expresión: “Hoxe diríxome a todas vós empregando esta miña voz con pronuncia dun feminino tan plural coma universal. Se as miñas palabras levan esta sonoridade non é, ou non só é, por amosarme reivindicativa nin para sortear o machismo na linguaxe. E moito menos por incomodar. Pero se así é, só direi unha cousa: Non o sinto. Non o sentimos”. Engadiu que para celebrar corenta anos de teatro profesional en Galicia cómpre lembrar que nos tempos das primeiras compañías profesionais as mulleres xa estaban alí “por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES”. Ademais, Nieves Rodríguez lembrou que as mulleres “estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá”. Un mañá que “ha ser ben diferente ao que vivimos. Ha ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas”, concluíu

Sobre a liberdade de expresión, Nieves Rodríguez continuou a falar dun mañá “no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral”, xa que  “ao falarmos dos dereitos referentes ao pensamento e a expresión, antóllase irrelevante que sexa Entroido, xoves ou verán”.

Pediu "reeditar" o "pacto entre administración e a profesión” para que “o CDG de mañá non sexa o de hoxe”

Por último, Nieves Rodríguez tamén dedicou atención ao Centro Dramático Galego, apuntando que a institución de teatro público naceu en 1984 a raíz “dun pacto entre a administración e a profesión”, pacto que “debe reeditarse” para que “o CDG de mañá non sexa o de hoxe”. “Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario”, concluíu.

 

Rosa Álvarez, premio de honra © La Diapo /AAAG
Foto de familia dos gañadores e gañadoras © La Diapo /AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.