Rosa Álvarez: "Hai unha involución tan grande coa liberdade de expresión que sinto que estamos outra vez no franquismo"

Rosa Álvarez Dominio Público Praza Pública

A Asociación de Actores e Actrices de  Galicia (AAAG) vén de concederlle a Rosa Álvarez o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece "a longa traxectoria desta actriz e directora teatral, auténtica pioneira do teatro profesional galego". O premio será entregado durante a gala dos XXII Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 21 de marzo. Falamos coa premiada.

Que supón para vostede recibir este premio?

Pois é moi importante para min porque leva o nome da miña amiga e compañeira de experiencias Marisa Soto. Faime moita ilusión. Ademais, se cadra é o último premio que levo, e para min é unha maneira de rematar dun xeito brillante…

Como comezou a interesarse polo teatro? Refírome a antes de Abrente…

Antes de Abrente ía ás monxas e facíase en maio aquilo de ‘Con flores a María’, pero que a min non me gustaba nada… (Ri). En serio: o comezo foi en Abrente, antes das Mostras, chegaran a Ribadavia un grupo de curas moi “progres” que conectaran ben coa xente nova. Comecei no grupo de teatro afeccionado de Abrente. Era xa adolescente, tería uns 16 anos.

Como foron as primeiras Mostras? Que lembranzas ten?

As primeiras foron as Mostras de Teatro Galego, cando aínda non deramos o salto á profesionalidade. En Abrente propuxémonos ir por Galicia buscando todo o teatro que se estaba facendo, todo o teatro amador, e así fixemos. Xuntabámonos para facer teatro, pero aproveitabamos para falar de política, de como cambiar as cousas para que chegase a democracia… ou o comunismo, que era o que algúns de nós queriamos naquel momento.

"En Abrente propuxémonos ir por Galicia buscando todo o teatro que se estaba facendo"

Daquela primeira época dise que o teatro tiña moita repercusión social, que mobilizaba moita xente…

Sobre iso podo falarche de cando me pasei ao teatro profesional, cando marchei para Vigo e entrei en Artello. É a partir dese momento, si, cando a xente comeza a involucrarse moito co teatro. En Artello faciamos un teatro comprometido. Tiñamos que facelo solapadamente, pero si había un público que estaba moi atento, que sentía que o teatro era seu. O problema é que seguía a ser unha minoría dentro dunha maioría social. E con maioría quero dicir de dereitas, que as maiorías sempre foron de dereitas. Estaba todo o movemento veciñal, as asociacións culturais… un circuíto no que o teatro se movía moito.

Para alguén que viviu aquel tempo ver o que pasa agora coa liberdade de expresión debe ser como unha volta ao franquismo… Ou se cadra dicir iso é esaxerado.

Non é esaxerado. Levo 15 días cunha especie de náusea dentro que me enfurece tanto que non sei onde vai chegar. Teño a sensación, si, de estar no franquismo outra vez. E a situación non ten visos e mellorar. Máis ben parece que vai para atrás. Xa cando fora o dos titiriteiros, e agora con todos os ataques á liberdade de expresión que está a ver… Hai unha involución tan grande coa liberdade de expresión que sinto que estamos outra vez no franquismo.

Cando Marisa Soto, Mabel Rivera e vostede crean a compañía Malbarate, cal era o seu proxecto? Buscaban textos ou personaxes que lles gustasen…?

Queríamos facer unha compañía de mulleres. Inicialmente eramos cinco pero despois quedamos tres. Queíamos poder facer papeis que non nos fosen adxudicados por homes. Foi unha etapa moi boa, de moitísima aprendizaxe, polos directores e directoras que tivemos, polo que traballamos e porque conseguimos abrir camiño… Penso que a nosa profesión, afortunadamente, non é excesivamente machista, polo que tampouco foi por iso. Pero lembro aquel tempo como unha experiencia de batalla, de loitar moito, de cuestionarnos todo. Como anécdota, podo contar que, cando contratamos actores, chamábannos “a matronal”...

"Penso que a nosa profesión, afortunadamente, non é excesivamente machista"

E a Sala Carral?

Era unha sala de teatro que creamos en Vigo, na que programábamos  teatro de fóra e de aquí. Pagábase a taquilla… Tamén foi unha experiencia moi boa, na que aprendín moito. Aprendín de xestión, de toda a xente que pasou por alí... no artístico, no profesional e no humano. Estábamos, ademais, no que fora un antigo local de Falanxe… Xa non lembro se nos pecharan o local ou se marchamos nós.

E foi a primeira socia de Asociación de Actores. Como foi iso? O obxectivo, cando se crea a asociación, era pular pola profesionalización e polos dereitos laborais?

É que son Álvarez, entón non me pasaba ninguén diante… O tema dos dereitos laborais era importante pero a idea era, sobre todo, dar a coñecer a profesión. Unirnos e conseguir que houbese entrevistas na prensa, na televisión… que o teatro se fixese máis visible. Tamén era para para poder levarlle as nosas demandas ao poder público, para que tivesen un interlocutor que representase a profesión.

Se cadra niso tamén pode ter a sensación de que se voltou para atrás. Non hai moito que Agadic lles deixara de pagar ás compañías, os dereitos laborais xa non se respectan moito, non hai case onde traballar…

Totalmente. A verdade é que niso tamén teño a sensación de que fomos moito para atrás. Pero tamén é porque houbo unha época na que houbo moita pelexa por parte da profesión, na que estábamos unidos e conseguíamos o que queríamos. Eramos moi solidarios entre nós. Unha vez fixemos unha gala en Vigo que foi autenticamente apoteósica. Foi unha maneira de denunciar o trato que nos dera a Administración a unhas compañías que recibiramos unhas subvencións moi cativas.

"Eu estou en contra do conto ese dos castings no CDG"

Foi unha mobilización total. A profesión estaba unida. Claro que non estabamos de acordo en todo e moitas veces pelexabamos, pero estabamos unidos para o que facía falta. Agora non é así e non parece que iso vaia cambiar. Se hai unha directiva que está pelexando, pero só unha minoría é activa… non se pode conseguir nada. Despois tamén é unha cuestión de principios, e eu teño os meus e vou morrer con eles. Por exemplo, eu estou en contra do conto ese dos castings no CDG. Entendo que haxa compañeiros que os fagan, pero eu non son desa opinión. Se ao final o que pasa é que fan o que queren e como queren... Con moitas cousas estou moi cabreada e moi descrida.

Xa que fala do CDG, comezou cando o CDG iniciaba a súa andaina. Despois da mal chamada crise xa sabemos o que pasou pero, como mudou o CDG a situación do teatro entre mediados dos 80 e ata esa “crise”?

O que pasaba en Galicia era que cadaquén traballaba no seu terreo. Uns na Coruña, outros en Santiago, outros en Vigo… E o CDG fixo que, ao poder traballar todos xuntos, o teatro se enriquecese moito. Facíanse obras de 20 actores, facíanse dúas producións… mesmo houbera unha obra na que eramos trinta e tantos. Tamén chegamos a un principio de convenio porque tiñamos ademais como un pacto entre profesionais, e os responsables do CDG eran tamén profesionais do teatro que non ían vender a ninguén. Había unha visión de combate, un apoio e unha unión de toda a profesión… Eu sentía o CDG como unha parte de min. Conseguimos moitas cousas a forza de pelexar. No artístico avanzamos moito…

"Había unha visión de combate, un apoio e unha unión de toda a profesión… Eu sentía o CDG como unha parte de min"

A que se refire co dos directores que eran profesionais do teatro? Supoño que aos primeiros directores: Eduardo Alonso...

Eduardo Alonso, Ernesto Chao, Dorotea Bárcena que estivo pouco tempo… A primeira etapa de Manuel Guede tamén foi boa. As obras do CDG eran un acontecemento. Era a compañía nacional… Os primeiros anos foron moi ilusionantes.

Lembro falar con Eduardo Alonso e que me comentaba que reivindicacións do teatro como a creación de compañías residentes xa viñan da primeira época… Un dos vellos debates, alén dos orzamentos, é cal debe ser o modelo de apoio ao teatro. Un modelo no que quizais se cree menos dependencia das decisións sobre os orzamentos…

A ver, eu penso que o teatro non se pode manter por si mesmo…

Refírome a que, por exemplo, se hai cartos para produción pero non se pode distribuír, porque case non hai funcións, non se recupera o investimento e depéndese máis de que sigan vindo axudas.

Eu penso que aí non hai moito que inventar. Primeiro, orzamentos máis altos. E logo todo é compatible: as axudas á produción, á distribución e a creación das residentes. Hai moitos espazos, mesmo en pobos, que podían acoller residencias. Pode haber compañías residentes, teatros estables, logo o CDG… O que falta é que teñan cariño polo teatro, que haxa un plan e que se cumpra. Non é tan complicado. Pero o que vexo agora é que o plan é destruír o teatro. O teatro está a ser moi desvalorizado, na cuestión orzamentaria. Temos un Libro Blanco desde hai moitos anos e segue vixente. Non fai falta inventar nada. Pero non hai vontade política, non se quere esta profesión. Non hai onde ir traballar, as compañías non poder pagarlle á xente, teñen que autoexplotarse, non hai espazos para ir actuar… E non ten sentido que non haxa funcións dunha obra subvencionada.

"O que vexo agora é que o plan é destruír o teatro. O teatro está a ser moi desvalorizado"

En Lagarta, Lagarta pensaran en pechar por iso, porque non había maneira de ter funcións… Despois volveron e logo pecharon definitivamente.

Era unha situación que non se podía asumir. Non tiñamos funcións, nin se podía cumprir o convenio… Chegou un momento que pensamos: de aquí non podemos pasar, así que non seguimos.

Co tema da “crise” houbera un recorte moi grande. Do 70% nas axudas á produción de 2009 a 2015, por exemplo. O orzamento da Rede de Teatros e Auditorios baixara á metade… E os concellos tamén se foran descolgando.

Si, pero máis que a crise eu penso que é a actitude. Querer ou non querer o teatro. Pero a min o que me preocupa… Case mellor non dicilo.

Pode ser curioso, pero co PP de Fraga -e non vou defender as políticas culturais de Fraga- se cadra non se vía o teatro como ameaza ou como problema. Non chocaba tanto co discurso “galleguista”. Pero o ataque do PP de agora á cultura ten outra perspectiva. Está a verse coa represión. Como querer quitarlle á cultura o seu poder simbólico…

Eu creo que o que cambiou é que ao principio había unidade. Era unha profesión moi “peleona”, moi revolucionaria. E agora, sinto moito dicilo, non o é. Hai cousas que melloraron moito. Todas as series de televisión que hai, e o cine, e iso é moi importante. Pero iso tamén fixo que haxa xente que deixase de lado o teatro. Non lles vai o teatro tanto na pel. Non é o mesmo.

"Era unha profesión moi “peleona”, moi revolucionaria. E agora, sinto moito dicilo, non o é"

Como se houbera certo acomodamento? Non estou a dicir que o audiovisual sexa un problema. Pero se cadra tamén puido ter ese efecto a creación do CDG… E tampouco estou a dicir que fose malo o CDG para a profesión…

O curioso é que, ademais, tampouco son tantos os que traballan nas series. Non é a maioría. E  que dicía: eu a única solución que vexo é a unión. Houbo peches na Cidade da Cultura, houbo mobilizacións… É o único que podemos facer fronte á xente da política.

Iso pasa con moitas profesións. Estamos bastante vencidos.

Estamos amnésicos, como di Jordi Évole. E eu estou moi cansa de aturar que a sociedade sexa así. E non vou incluírme en algo do que non son parte.

Pero polo que preguntaba eu antes era pola dimensión ideolóxica do ataque á cultura.

Claro que é ideolóxica. A cultura para eles non conta para nada. É un goberno de dereitas. Na primeira época do CDG estaba Luís Álvarez Pousa de director xeral de Cultura e había como un pacto entre a profesión e a política. Os políticos estaban máis abertos ás nosas propostas. Agora é unha frustración constante: póñenche boa cara e din que si e despois fan o que lles parece, o contrario. Eu penso nos directivos da Asociación e a verdade é que deben pasalo ben mal. É todo levar paus.

"Agora é unha frustración constante: póñenche boa cara e din que si e despois fan o que lles parece, o contrario"

De televisión ou cine hai algún personaxe ao que teña especial cariño?

A dunha mediametraxe que fixen con Chano Piñeiro, na que estaba ‘Pico’. Chamábase ‘Esperanza’. Estivo moi ben coñecer a Chano, traballar con ‘Pico’, entender como se traballa no cine… A miña preferencia é o teatro, despois o cine e despois a televisión, non ao revés. Pero aquilo fora moi gratificante.

"A miña preferencia é o teatro, despois o cine e despois a televisión, non ao revés"

Non sei se non será unha entrevista algo pesimista.

Ou derrotista. Pero tamén falei de épocas que foron moi boas. E non é polo tópico de que calquera tempo pasado foi mellor. Está estudado, empeoraron moitas cousas.

E de teatro? Algún personaxe?

De teatro quérolles a todos os personaxes por igual. Cada un lévate a unha aprendizaxe que pasa ao seguinte, e deste ao seguinte, e así…

"Non é que o teatro vaia facer a revolución, pero si pode facernos ver cousas nas que non tiñamos reparado"

Dixo varias veces que fixeron un traballo revolucionario. A que se refire?

Un teatro para cambiar a sociedade na medida en que poida. Non é que o teatro vaia facer a revolución, pero si pode facernos ver cousas nas que non tiñamos reparado, axudarnos a ver o mundo doutra maneira. Non sei se revolucionario é a mellor palabra, pero a min gústame.

Rosa Álvarez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.