0 Gardados para despois

A Panadaría: “Naces e asígnanche un lugar, un posto obrigatorio no binomio sexo/xénero”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Volven A Panadaría e, como elas mesmas din, despois de tres espectáculos xa está claro por onde tira o seu proxecto. Traballo actoral puro, sen adobíos. Mestura de técnicas. Moito humor e algunhas constantes temáticas, como a crítica do sistema sexo/xénero. Se en Pan!, Pan! o indio era india, en Elisa e Marcela non só dúas mulleres non renuncian ao seu amor nunha sociedade machista e homófoba, senón que se afonda na revisión da construción social da masculinidade -e da feminidade-. A terceira obra de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman amosa moitos nexos coa primeira, superando quizais algúns problemas que presentaba o texto da segunda, e deixando claro que aquela compañía revelación de Pan!, Pan! ten moito que dicir no teatro galego. Falamos con Areta.

O teatro estaba cheo o domingo, último día de función en Santiago. O sábado tamén se esgotaron as entradas…

Houbo moita xente todos os días, si, e sábado e domingo esgotáronse as entradas. Estamos encantadas. O que queremos, ademais, claro, é que se coñeza a historia de Elisa e Marcela.

"O que queremos, ademais, claro, é que se coñeza a historia de Elisa e Marcela"

É unha coprodución feita co CDG e co concello de Rianxo…

Co CDG, o concello de Rianxo, o de Vimianzo e o da Coruña. Estivemos en residencia no Salón Teatro tres semanas e no auditorio de Rianxo dúas.

Por que escollestes a historia de Elisa e Marcela? O texto é voso, de Gena Baamonde -que vos dirixe- e de Esther F. Carrodeguas.

A decisión foi bastante casual. Nunha conversa informal con Gena Baamonde, ela falou desta historia e de que estaría ben que se levase á escena. Non tardamos nin un segundo en decidirnos. Dixemos: pois adiante! Gustábanos a historia e encaixábanos coa nosa liña de traballo.

Como foi o proceso de documentación?

Investigamos moito. Hai moito traballo xa feito, pola investigación que fixo Narciso de Gabriel. Traballamos moito con todo tipo de documentación oficial, coas noticias dos xornais… Tentamos recoller toda a información que puidemos sobre a historia, memorizamos datos… e reflexionamos e falamos moito entre nós. Hai moitos ocos aínda na historia, sobre todo os relativos á intimidade de Elisa e Marcela, que tentamos imaxinar como foi… Despois traballamos como facemos sempre en escena: con improvisacións…

“Traballamos moito con todo tipo de documentación oficial, coas noticias dos xornais…”

Xa desde o principio xogades co “puido ser así, ou doutra maneira”. O público non deixa de ver as actrices que imaxinan como foron as cousas, proban a contar a historia dunha maneira, despois rectifican e téntano doutro xeito… 

Claro porque, como diciamos, hai cousas que tivemos que inventar, imaxinando distintas posibilidades. Pero tamén contamos moitos outros aspectos da historia seguindo os datos reais, con personaxes, lugares e datas reais. Aínda que non sexan, ás veces, as partes que poden parecer máis realistas…

Dicides na vosa web que Elisa e Marcela “son un símbolo do desafío ás regras do binomio de xénero e da defensa dos dereitos das parellas lésbicas”. Na vosa obra está tanto unha cousa como a outra. A primeira, por exemplo, na escena sobre como ser un “macho”.

É que parece que temos a obriga de pertencer a un xénero ou ao outro. Naces e asígnanche un lugar, un posto obrigatorio nun binomio home/muller. Documentámonos sobre mulleres da época que tiveron que travestirse, por exemplo. Hai casos coñecidos: Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal… Mulleres que tiveron que vestirse de homes para estudar, para realizar actividades reservadas aos homes.

“Parece que temos a obriga de pertencer a un xénero ou ao outro”

No proceso de investigación, traballamos tamén coa experiencia do obradoiro Man for a day, de Diane Toor, que tamén creo que traballaran Chévere cando fixeron Testosterona. Alén das consideracións físicas, tamén está definido socialmente como ten que comportarse un home: a forma de mirar, de falar, de moverse, de tratar unha muller… Aspectos que Elisa e Marcela terían que pensar, porque nalgún momento tiveron que decidir cal ía ser “o home”.

“Hai unha escena que é moi importante, e especialmente política, para visibilizar a sexualidade das parellas lésbicas”

Para nós era moi importante que estivese reflectido este aspecto, como tamén o era visibilizar a sexualidade. Porque as parellas lésbicas teñen afectos, desexo e unha sexualidade propia que moi poucas veces sae reflectida nas películas, nas series ou nas cancións. Como moito, vese como dúas mulleres se bican. Por iso hai unha escena que é moi importante, e especialmente política, para visibilizar a sexualidade das parellas lésbicas.

Unha escena moi divertida, ademais.

Cunha vontade de respecto total, claro, tentamos levar a escena ao noso terreo, a comicidade. Tamén para quitarlle ferro ao tema… E si, quedou unha escena lúdica.

Hai unha relación clara entre esta obra e a primeira que fixestes, Pan, Pan!. Naquela tamén se criticaban os binomios de xénero, e coma nesta había unha escenografía case inexistente, un vestiario reducido ao mínimo… Porque era todo traballo actoral.

Si, hai un nexo grande entre unha e a outra. Na primeira non traballamos directamente sobre o lesbianismo pero si había unha reflexión sobre os binomios de xénero e sobre a construción da masculinidade, coa idea de que é un territorio que non ten que estar reservado aos homes, senón que calquera persoa pode transitar. As mulleres xa non temos que estar todo o día caladas e coas pernas cruzadas, como mandaba a norma social. E si, temos unha forma de traballar que é o que dis: teatro de actriz, que explicita os nosos propios recursos como actrices ao máximo, suprimindo, polo demais, todos os elementos que non sexan imprescindibles. Penso que, sendo xa a nosa terceira obra, podemos dicir que o traballo de A Panadaría vai por aí.

“A masculinidade é un territorio que non ten que estar reservado aos homes, senón que calquera persoa pode transitar”

Nesta obra hai teatro de sombras, por exemplo. Moita mestura de técnicas. Se cadra máis que nas anteriores. E quizais a música -que facedes sen instrumentos- estea tamén máis presente…

A foto que temos do día da voda de Elisa e Marcela é do fotógrafo José Sellier, que foi un pioneiro do cine en Galicia. Na obra traballamos coas siluetas, coas sombras… un pouco como emulando o traballo artesanal das orixes da fotografía e do cinema. Tamén hai moita música, si: canto a capella e percusión corporal, ambientación sonora de espazos… Como diciamos antes, todo feito desde nós mesmas, desde o traballo actoral, mesturando distintas técnicas. Non me resulta fácil enumeralas porque non somos nada puristas: facemos clown, commedia dell’arte… e ata dobraxe ao vivo. Moitas cousas.

Hai na obra español de Burgos, de Andalucía, de América… Ou portugués. Esa dimensión tamén vos dá bastante xogo.

Traballamos moito con ese aspecto, si, diferentes linguas e diferentes acentos. A nosa non é unha road movie, sería máis ben unha dilixencia movie porque Elisa e Marcela vanse movendo en dilixencia, pero van pasando por distintos sitios, e traballar coas linguas e cos acentos permitíanos ambientar moi rápido os distintos espazos xeográficos. No caso do portugués, ademais os galegos temos a sorte de entendelo facilmente. Sempre facemos unha aposta forte polo sonoro e o musical. É unha parte que nos gusta coidar. 

“Sempre facemos unha aposta forte polo sonoro e o musical. É unha parte que nos gusta coidar”

Distintas partes da historia son narradas por obxectos que lle falan directamente ao público. O primeiro que contades é a voda. Non é unha estrutura perfectamente lineal, nin ten a fragmentariedade de Panamericana, a vosa segunda obra. Como pensastes, desta volta, a estrutura?

Pensamos esta obra coma se fose un documental, con recreacións posibles sobre a maneira na que aconteceron as cousas. A maneira de introducir obxectos que contasen, tamén, a historia, tiña que ser recreándoos nós mesmas. Temos bastante influencia do audiovisual, por iso en ‘Pan, Pan!’ tiñamos aquela estrutura de western con saltos temporais, pausas, rewinds…

“Pensamos esta obra coma se fose un documental, con recreacións posibles sobre a maneira na que aconteceron as cousas”

Desta volta, pensámolo coma un documental, polo que os obxectos que contan a historia serían coma os primeiros planos. Levados á comicidade, claro, tal como é o noso estilo… Tamén hai que dicir que, na mestura de ficción e realidade, dicimos algunhas cousas que non son certas, como que coproduciu o Museo do Pobo Galego.

"Preguntámonos como é posible que non haxa un museo galego que conteña algunha referencia a elas"

O motivo é que, claro, preguntámonos como é posible que non haxa un museo galego que conteña algunha referencia a elas. Parece que a súa historia aínda non é o suficientemente coñecida, que non as reivindicamos abondo. O de comezar pola voda foi porque cando comezamos con este proxecto a xente preguntábanos moito pola voda. Por iso pensamos en comezar co que á xente parecía interesarlle máis. Pero facendo referencia á voda sen representala, senón falando dela. Ese é o xogo…

Cara ao final fálase dunha sociedade na que situarse nas marxes é pecado. Non só falades de parellas lésbicas a primeiros do século XX. En xeral, a obra apunta ao presente e ao rexeitamento da diversidade.

Si, estamos a falar tamén do presente, claro. Non só polos datos estremecedores: a discriminación, o bullying, os suicidios de persoas LGBT… Non era o noso obxectivo falar da diversidade en xeral, pero ao centrarnos nas parellas lésbicas claro que apuntamos a unha sociedade cunha determinada estrutura, con relacións de poder, na que hai colectivos que viven oprimidos.

"Apuntamos a unha sociedade cunha determinada estrutura, cunhas relacións de poder, na que hai colectivos que viven oprimidos"

Lembrades non só a Elisa e Marcela. Tamén a Gloria Fuertes, Chavela Vargas...

E Angela Davis. Mulleres lesbianas, figuras que destacaron no seu campo, porque ten que haber referentes de mulleres lesbianas e porque foron mulleres que loitaron polos dereitos das mulleres. Despois reivindicamos tamén outras figuras, como na escena dos toureiros, na que ademais de Rafael Guerra, amigo de Elisa e Marcela, saen María Reverte (á que chamaban María Macho) e Nicolasa Escamilla, que está nun dos gravados de Goya sobre tauromaquia.

"Ten que haber referentes de mulleres lesbianas"

Así que non eran inventadas…

Non. E quixemos recuperar tamén a mulleres coma elas. En xeral, mulleres que loitaron pola igualdade, polos dereitos das mulleres. O que conta Ailén de que María Macho lle desfixo o fémur a un home que tentou propasarse con ela tampouco o inventamos.

E o café portugués que as apoiou. Tamén foi real?

Si, o café Lisbonense, no Porto. Era propiedade do matrimonio Nogueira, que foron, canda Rafael, as persoas que máis axudaron a Elisa e Marcela cando estaban no cárcere. Era un local no que había tertulias e actuacións en directo, e unha caixa para deixar axudas para Elisa e Marcela. No Porto recibiron moito apoio da poboación.

“No Porto recibiron moito apoio da poboación”

Era unha cidade grande…

Non era Vimianzo ou Dumbría, claro, onde un sector do pobo púxose en contra delas e perseguiunas. Limos artigos dun xornalista, que foi un dos que máis escribiu sobre o tema, que dicía que as cousas que lles dixeron, cando as rodearon para acosalas e insultalas, eran tan feas que non se atrevía a reproducilas no xornal.

“Un xornalista dicía que as cousas que lles dixeron, cando as rodearon para acosalas e insultalas, eran tan feas que non se atrevía a reproducilas”

Un dos momentos máis “macho” -e mellores, se cadra- da obra é, precisamente, cando os homes van insultalas e retalas a demostraren “o que son”. Pura violencia machista. Ou cando os veciños rexouban.

Si, e todo iso aconteceu. Cando volven da viaxe, van a Vimianzo, onde os veciños descobren que Mario é en realidade Marcela, e acurrálanas, como fan tamén en Dumbría. Insúltanas e ameázanas. Por iso para nós foi tamén moi importante, e simbólico, ter o apoio do concello de Vimianzo -que lles debía moito a estas mulleres- e facer unha preestrea en Dumbría. Foi moi emocionante, e significativo de que as cousas cambian.

María Xosé Queizán escribiu nun artigo en Praza que fixerades teatro político, sen caer nin no romanticismo nin na pornografía. Que pensades?

Limos o artigo e gustounos moito. Esa era a nosa vontade e penso que o conseguimos. Nin facer unha pastelada, nin algo pornográfico… Sempre cun humor e respecto.

"Houbo algún programador nalgún concello que nos dixo que non ían contratarnos porque a nosa obra incitaba á homosexualidade"

Falando diso e, aínda que estamos noutro tempo, haberá a quen a vosa obra poida molestarlle… En Santiago tiñades un público moi entregado, pero non será sempre así.

Sabémolo, si. No Teatro Rosalía da Coruña tamén tiñamos un público moi entregado, pero houbo catro ou cinco persoas que se ergueron e marcharon. E tamén houbo algún programador nalgún concello que nos dixo que non ían contratarnos porque a nosa obra incitaba á homosexualidade. Non deixou de ser fermoso que alguén pense que temos tanto poder como para facer que todo un pobo se volva homosexual.

“A acta de voda de Elisa e Mario segue existindo, a Igrexa non a anulou”

Eu referíame ao feito de comezar pola Igrexa, despois o sexo entre lesbianas…

Tampouco somos moi agresivas nesa parte da Igrexa, non? Ademais, o que dicimos de que Ailén non recibiu educación relixiosa e non sabe nada diso é verdade. Iso permítelle falar desde a inocencia, cunha perspectiva distinta a como o fariamos nós. De todas maneiras, a acta de voda de Elisa e Mario segue existindo, a Igrexa non a anulou. Se cadra non queren levantar polémica… Pero é curioso.

Hai momentos máis naíf, pero que funcionan, como o da referencia ao Titanic.

O cine déixanos imaxes gravadas na memoria, e non hai moitas imaxes icónicas de parellas lésbicas. É máis, polo que puidemos saber, é a primeira vez que se fai en Galicia un espectáculo no que toda a historia se centra nunha parella lésbica.

“Non hai moitas imaxes icónicas de parellas lésbicas no cine”

Non sei se iso é así…

Gena está a rematar unha tese sobre o sexo/xénero na escena contemporánea e, polo información que ela recabou, si houbo referencias nalgún espectáculo, pero esta é a primeira obra centrada na relación entre dúas mulleres…

O domingo mencionastes, creo, a primeira parella de mulleres que casou legalmente en Galicia.

Normalmente facemos referencia aos primeiros matrimonios civís do Estado español entre persoas do mesmo sexo, pero o domingo estaban alí Guillermina e Estela, as primeiras que casaron en Galicia, e quixemos facerlles un cariño nomeándoas no espectáculo. A verdade é que estamos orgullosas deste traballo e super emocionadas da repercusión que está a ter.

“Estamos orgullosas deste traballo e super emocionadas da repercusión que está a ter”

Ao saír, das poucas críticas que se escoitaban, era que había cousas que igual non pegaban ou non se entendían ben.

Enténdoo, porque hai moitos cambios de código e moitas cousas que suceden moi rápido, polo que o espectáculo esixe que o público permaneza moi activo. E si que hai cousas que nos din que non pegan, que son demasiado marcianas, coma o dos toureiros, pero é que partes coma esas, precisamente, están baseadas no que aconteceu na realidade, nos datos. Cousas que parecen inventadas aconteceron de verdade…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.