Debería ser 'Elisa e Marcela' o primeiro filme distribuído en galego en Netflix?

Marcela e Elisa Dominio Público

Este mércores preestréase no Festival de Berlín Elisa e Marcela, o filme de Isabel Coixet que relata historia de Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga, que o 8 de xuño levaron a cabo o primeiro matrimonio homosexual rexistrado no Estado Español, na igrexa de San Xurxo, na Coruña. A película, producida por Rodar y Rodar, Netflix España, Lanube Películas, Zenit e Televisió de Catalunya estrearase en Netflix ao longo deste ano 2019.

"Estas mulleres foron galegas, a súa historia desenvolveuse en lingua galega", lembra Avante LGTB

O colectivo Avante LGBT iniciou unha campaña para pedir que o filme se poida ver en galego nesta plataforma, o que o convertería ademais no primeiro contido na nosa lingua en Netflix. A campaña inclúe unha petición online que destaca que "estas mulleres foron galegas, a súa historia desenvolveuse en lingua galega, lingua que seguiron falando cando emigraron a Portugal escapando da LGBTfobia que as perseguía dentro do Estado español".

Ademais, cada semana publicará a través das redes sociais vídeos de persoas do mundo da cultura que dan o seu apoio á campaña. A primeira foi a do poeta e músico Carlos Lixo (autor de As Casas, publicado en Espiral Maior).

"A mocidade LGBT galega precisa de referentes LGBT que lle sexan próximas, que formen parte da súa historia, que falen a súa lingua"

A entidade explica que "xa que a Xunta de Galicia subvencionou a produción desta longamentraxe, a productora está obrigada a realizar unha dobraxe da mesma ao galego mais non lle é requerida a distribución en galego na plataforma". Avante LGBT conclúe que "a mocidade LGBT galega precisa de referentes LGBT que lle sexan próximas, que formen parte da súa historia, que falen a súa lingua, e por iso non queremos que nos rouben a oportunidade de ver a Marcela e a Elisa en lingua galega".

O pasado ano a obra de A Panadaría Elisa e Marcela foi a gran triunfadora dos Premios María Casares de teatro, levando os galardóns ao mellor espectáculo, mellor texto orixinal, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado) e dedicando os recoñecementos "a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas..."

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.