No ano 1901, en A Coruña, dúas mulleres namoradas, non ven outra maneira de vivir o seu amor que arriscarse a casar pola Igrexa, facéndose pasar, unha delas, por home. Non tardan en descubrilas e deben fuxir da policía. Un trhiller paduán. Cambian de identidade e, ao final acaban en América, onde se lles perde o rastro.
Sobre este tema fan unha parodia as integrantes do grupo teatral A Panadería, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman que nos ofreceron un magnífico e divertido espectáculo o venres 20 no Auditorio do Concello de Vigo, cheo totalmente dun público que agradeceu con fortes aplausos o que gozou e riu durante a representación.
Estamos ante tres creadoras, con potente imaxinación e sentido do humor; tres intérpretes con habilidade e dinamismo co que dominan un escena practicamente espida, onde os recursos son substituídos por unha brillante interpretación de diferentes papeis intercambiados; tres músicas que fan da voz o instrumento, que suplen con ela os efectos especiais ou nos compracen cun sedutor fado ou diversas cancións. Son moitas as habilidades artísticas e musicais, moita a intelixencia e a inventiva, moita a gracia que desbordan, moita a desmitificación que levan a cabo, non só coa actuación, senón mesmo coa vestimenta que non pretende disimular as formas abundantes dos seus corpos, nin suxerir ningún aspecto das amantes protagonistas da obra. Nada de romanticismo, de sentimentalismo ou trivialidade sobre un tema, o lesbianismo, que, xa apuntaban na súa primeira obra, pero que agora mostran dun xeito realista e obxectivo.
A principios do s.XX, cando Elisa e Marcela casan, fano como unha parella de home e muller, conforme á norma heterosexual que aínda predomina hoxe en todas as culturas. O pracer feminino debe ser vaxinal, enfocado ao coito, actividade reprodutiva. A ausencia do desexo do falo pola muller, a ausencia de submisión, é considerada patolóxica. Con estas premisas ideolóxicas, relixiosas e laicas, respectase a necesidade reprodutiva da sociedade, ao mesmo tempo que a posición de poder e narcisismo masculino.
A arte, a literatura, o teatro ou o cine deben incidir no que lles debe gustar ás mulleres. O máximo erotismo leva implícito imaxes de muller vencida, aniquilada. “O sadomasoquismo é ao sexo o que a guerra á vida civil: a máxima experiencia” dixera Susan Sontag, intelixente escritora lesbiana.
Pola contra non é adecuada na arte a temática lésbica, a relación sexual entre mulleres, entre seres socialmente iguais, que dignifican a carne, tan envilecida durante séculos de norma heterosexual. A descrición do amor entre mulleres supón unha estratexia liberadora, social e persoalmente. Así o interpretei eu ao publicar Despertar das amantes, no ano 1993, primeiro poemario explicitamente lesbiano en galego. Tivo, penso eu, un carácter político.
O mesmo sucede na obra Elisa e Marcela que nos ofreceu A Panadería. As autoras e intérpretes non teñen reparo en mostrar en escena un novo imaxinario que supera tanto o romanticismo como a pornografía, e fano con imaxinación e humor. Máis alá de prexuízos, elas teñen a palabra, a música e o desexo. Fan con mestría un exercicio emancipador, un divertido acto político. Parabéns!!!!