5.020 hectáreas: a Comisión Europea cifra o queimado en Pena Trevinca, o 20,2% do espazo protexido

A brigada de reforzo estatal de Laza realizando un lume técnico en Casaio para tentar deter o incendio que afectou a zona de Trevinca © @BrifLaza

O lume comezou en Zamora o 14 de agosto e veciñanza alertou o 16 de que entrara en Galicia, pero a Xunta non o rexistrou ata as 18.42 horas do día 18 e non o comunicou ata case un día máis tarde

A Comisión Europea vén de poñer cifras ao queimado este agosto no espazo protexido de Pena Trevinca. Foron un total de 5.020 hectáreas, o 20,2% das 24.896 hectáreas totais desta zona de especial conservación dos valores naturais integrada na Rede Natura 2000. 

Así o vén de trasladar ao Parlamento Europeo a comisaria de Investigación e Innovación, Ekaterina Zakharieva, en resposta a unha pregunta do eurodeputado do PSdeG Nicolas González Casares, que se interesaba pola medición do queimado en Pena Trevinca realizada polo Sistema Europeo de Información sobre Incendios Forestais (EFFIS) do programa Copernicus.

Efectos do lume iniciado en Zamora e que chegou a Pena Trevinca © Pedro Armestre / Greenpeace

Segundo a resposta oficial da Comisión, o sistema europeo identificou dous incendios forestais con afección sobre Pena Trevinca. O primeiro, sinala a resposta, "empezou en torno ao 15 de agosto de 2025 e finalmente quedou extinguido o 30 de agosto", queimando 5.319 hectáreas en Galicia e 19.911 en Castela e León, onde comezara. Ese incendio "queimou 4.916 hectáreas na zona protexida de Pena Trevinca", di a Comisión.

Ese incendio comezou en Zamora o 14 de agosto, segundo a Junta de Castilla y León, e veciñanza da zona informaba xa o día 16 de que entrara en Galicia. Porén, a Xunta non o rexistrou de forma oficia ata as 18.42 horas do día 18, e non comunicou a súa existencia ata case un día máis tarde, a primeiras horas da tarde do 19. O Goberno galego cuantificou a súa superficie en Galicia en 5.300 hectáreas, 5.125 de monte raso e 175 de arborado, afectando lixeiramente ao teixadal de Casaio.

Efectos do lume no bosque do Teixadal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras © Sputnik Labrego

A resposta da Comisión permite corrixir á alza o incendio da Mezquita, que tamén afectou lixeiramente ao espazo protexido de Pena Trevinca: a Xunta calculou 10.004 hectáreas e a UE fala de 11.722

A resposta da Comisión tamén permite comprobar que outro incendio, o que comezou o 12 de agosto na Mezquita, tamén afectou algo ao extremo sur do espazo protexido de Pena Trevinca, en concreto 104 hectáreas, segundo os datos oficiais da UE. Esas cifras agora ofrecidas pola Comisión tamén permiten comprobar que ese incendio, que a Xunta cifrou en 10.004 hectáreas, queimou para a UE un total de 11.722 hectáreas en Galicia e 310 en Castela e León.

A Comisión Europea tamén reiterou hai uns días, noutra resposta ao mesmo eurodeputado socialista, que a Xunta segue incumprindo desde hai unha década requisitos de protección da Rede Natura 2000 en zonas afectadas polos incendios. 

Pola súa banda, a organización ecoloxista Adega cifrou no 11% a superficie total da Rede Natura 2000 queimada durante os incendios deste verán. Os seus cálculos apuntaban no caso de Pena Trevinca ao 20,3% da súa superficie, cifra moi axustada á agora ofrecida pola Comisión Europea.

Espazos naturais protexidos, en azul, e superficie queimada polo lume este verán, en laranxa © Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.