A falta de recursos na atención á saúde mental ten consecuencias visibles como unha lista de espera dun ano para unha consulta nunha unidade de atención infanto-xuvenil. "Quen ten medios recorre á sanidade privada e quen non os ten pode quedar sen atención″, advirte un psicólogo clínico
O suicidio é un problema de saúde pública de primeiro nivel desde hai anos. Mais non transcendeu así á cidadanía ata que a crise provocada pola COVID-19 conseguiu situar no debate público a saúde mental. ″É a segunda causa de morte en persoas novas de 10 a 24 anos e a primeira causa de morte non natural en todo o territorio español″, asegura o psicólogo clínico de Burela Mariano Carrero, quen apunta que por debaixo dos 15 anos ″é moi pouco frecuente″. Aínda así, os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) indican que no ano 2020 houbo 14 suicidios en menores de 15 anos.
Un deses 14 suicidios foi dun galego. En Galicia, en 2020 houbo 11 homes e tres mulleres de entre 15 e 29 anos que se suicidaron. En total, foron 305 as mortes autoinflixidas nese primeiro ano da pandemia da COVID. Galicia ten, historicamente, unha elevada taxa de mortalidade por suicidio, como se afirma no Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 para o período 2020-2024 do Sergas. Contabilízase preto dun suicidio por día na última década, tendo os peores datos no ano 2014 con 372 suicidios no país.
Sabiamos as cifras, desde o Movemento Galego da Saúde Mental chegaron a dar unha badalada por cada persoa que se suicida, pero semella que a toma de conciencia comeza a chegar agora; e faino co foco nos suicidios entre a poboación máis nova.
″Na área de Vigo suicídase unha persoa á semana″, salienta o psicólogo clínico José Eduardo Rodríguez Otero, que traballa na Unidade de prevención do suicidio da área sanitaria de Vigo, en funcionamento desde febreiro de 2021. Pero o problema non está só coas persoas que teñen un desenlace fatal, hai que contar que ″por cada suicidio consumado hai entre 20 e 30 intentos″. ″Nas urxencias de Vigo ven mínimo dous ou tres intentos de suicidio ao día, e moitos ingresan″, engade.
Para non chegar ao suicidio hai que pedir axuda. A calquera persoa. E recibir esa axuda por parte de profesionais especializados. O problema engadido é que os avances conseguidos co novo plan de saúde mental do Sergas seguen a ser insuficientes e a situación empeora moito máis rápido que antes da pandemia. A escaseza de recursos na sanidade pública, principalmente de recursos humanos e unidades de atención especializadas, está a provocar que o poder adquisitivo de cada persoa xogue agora un papel clave na atención á saúde mental en Galicia.
"Quen ten medios recorre á sanidade privada e quen non os ten pode quedar sen atención″, advirte o psicólogo clínico de Vigo
″Ou pagas ou agardas″, critica José Eduardo Rodríguez Otero. ″A nós chegan casos graves ou moi graves. Ou ben xa o verbalizaron de maneira consistente, ou xa o intentaron nunha ou varias ocasións. Hai xente que ten a idea de facerse dano pero non chega a facelo, e iso xa é un caso grave″. Este psicólogo clínico traballa nunha das poucas unidades específicas de prevención do suicidio do Sergas, onde forma parte dun equipo cunha psiquiatra, unha traballadora social, unha enfermeira e un enfermeiro.
A maioría dos casos que chegan estas unidades xa recibiron atención psicolóxica previa. ″Ás veces o problema non se solucionou, ou a atención non foi da intensidade axeitada porque o sistema non lle deu saída. Isto pasa, sobre todo, con xente con poucos recursos económicos que non se pode costear a atención na privada porque o sistema público de atención infanto-xuvenil está fatal. Chéganos xente que recibiu axuda, pero de maneira moi puntual e de baixa intensidade″, debulla.
Nestas unidades especiais o tempo de agarda para a atención non é demasiado, é cuestión de días. Mais hai que lembrar que aquí chegan os casos considerados xa graves. O gran problema está nas fases previas. ″Fóra de aquí os tempos de espera son de meses, meses e meses. Estamos falando de agardar preto dun ano por unha consulta nunha unidade de atención infanto-xuvenil. Isto é como non atendelos. E nas unidades de saúde mental, cando teñen máis de 16 anos, pasa exactamente o mesmo. Entón, quen ten medios recorre á sanidade privada e quen non os ten pode quedar sen atención″, advirte Rodríguez Otero.
"Temos unhas listas de espera inasumibles que non nos permiten ter as revisións necesarias", conta o psicólogo clínico de Burela
Para Mariano Carrero, psicólogo clínico na Unidade de saúde mental de Burela, ″os recursos en saúde mental son absolutamente precarios desde hai moitos anos. A pendemia o que fixo foi sacar todas as vergoñas″. ″Hai unha falta moi grande de unidades específicas de atención á infancia dotadas de profesionais –conta–.Precisamos poder atender a unha persoa con certa rapidez e cun mínimo de calidade. Os tratamentos psicoterapéuticos levan tempo e necesitas varias consultas, máis aínda no caso dos menores de 16 anos porque temos que incluír as familias. E así non podemos, temos unhas listas de espera inasumibles que non nos permiten ter as revisións necesarias e, polo tanto, non nos deixan atender ás necesidades da poboación en xeral e da poboación infanto-xuvenil en particular″.
No caso da provincia de Lugo, a única unidade de saúde mental infanto-xuvenil está no Hospital Lucus Augusti da capital. ″Os nenos da Mariña ou de Monforte o teñen un pouco complicado, derivámolos en casos concretos ou se precisan a atención dun psiquiatra″, apunta Carrero, que se encarga da atención aos menores de 16 anos na súa unidade ao non ter outras alternativas no sistema. ″O que denunciamos constantemente é a falta de recursos axeitados para poder abordar as distintas problemáticas en todo o territorio″, incide, pois ademais a demanda aumentou e acumula unha lista de espera na consulta que é moi superior –máis do triple– que antes da pandemia da COVID.
O propio Sergas recoñece na redacción do seu plan que ″a prevención do suicidio non se abordou apropiadamente debido á falta de sensibilización a respecto do suicidio como problema de saúde pública principal e o tabú existente en moitas sociedades para examinalo abertamente″. Mariano Carrero lembra que a hai unha tradición de silenciar e tapar o suicidio que vén dos tempos nos que incluso se prohibían os ritos funerarios nas mortes autoinflixidas. Aparte do medo ao efecto contaxio, hoxe xa superado, e da culpa que xera nas familias que sobreviven a un ser querido que se suicida.
″Se esta idea leva tempo contigo o mellor é compartila″, salienta José Eduardo Rodríguez Otero
″Se esta idea leva tempo contigo o mellor é compartila″, salienta José Eduardo Rodríguez Otero. As causas que poden levar a unha persoa a ter intención de lesionarse ata rematar coa súa vida son múltiples, non é algo que se explique nun só feito, aínda que si pode haber detonantes que aceleren a acción no tempo. Ambos psicólogos clínicos coinciden en que son momentos de moita ″desesperanza″ para a persoa, que non ve outra saída ao sufrimento que está a padecer. Pola contra, insisten en que si existe esa saída e que cunha atención axeitada a persoa pode recuperarse. "Atendemos diariamente a xente que recupera a súa vida, mesmo aproveita o momento para mudar cousas que levaba tempo querendo facer doutra maneira", agrega Rodríguez Otero.
Con todo, que poidamos falar de saúde mental en público é un importante avance. Levantar o tabú axuda a quen ten a idea de facerse dano e as persoas que quedan cando alguén o leva a cabo. Á consulta de Rodríguez Otero chegou un rapaz despois de escoitar ao coñecido streamer Ibai falar sobre pedir axuda cando sabes que algo nos teus pensamentos non está ben. Este rapaz contou na casa que levaba tempo con certas ideas na cabeza, levárono ao seu médico de cabeceira e este derivouno á unidade de prevención do suicidio. Se isto sucedese así con máis frecuencia, os casos considerados de gravidade intermedia non chegarían a ser graves.
"Temos que axudar aos nenos a narrar o seu malestar e ter unha resposta máis de escoita", di Mariano Carrero
Para José Eduardo Rodríguez Otero resulta fundamental transmitir esperanza: ″Cada día tratamos a xente que perdeu a esperanza de atoparse mellor, porque é o que pasa cando pensas no suicidio. Pero recoñecemos o seu sufrimento e lles transmitimos que hai moito que poden facer para alivialo. Aparte, facemos un plan de traballo entre todo o equipo coa persoa″.
A ″ausencia dunha rede de apoio social″ e de ″vínculos afectivos seguros″ son os dous factores principais que observa Mariano Carrero nos casos que intentan o suicidio. ″O maltrato, o abuso sexual, problemáticas familiares graves ou o illamento de nenos pouco escoitados e recoñecidos son claros factores de risco″, sinala. O psicólogo clínico de Burela pon o foco nunha ″base segura de afecto″ que é máis necesaria, aínda, na infancia e na adolescencia.
″Temos que axudar aos nenos a narrar o seu malestar e ter unha resposta, desde os distintos ámbitos que os rodean, máis de escoita. Moitas veces son silenciados, lanzámonos rapidamente a dicirlles o que teñen que pensar ou facer. Con frecuencia, vemos nenos que están moi sós. E na escola debera deixar de primar só o aspecto académico para valorar tamén o emocional. Un factor de protección sería que fósemos máis responsivos e evitásemos culpabilizar″, defende Carrero.
[Se lendo esta reportaxe pensaches en pedir axuda, é o momento de facelo.]