Unha concentración de mulleres embarazadas no acceso ao complexo hospitalario de Ourense demostrou o "medo" que senten polas condicións nas que van ser atendidas unha vez se produza o traslado do hospital Materno Infantil, que o Sergas decidiu tirar para facelo de novo tras os últimos derrrubamentos do falso teito na zona de Pediatría. Piden "respecto" á Consellería de Sanidade e á xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, que agora nega ter comunicado ao persoal do servizo de partos que o traslado de Xinecoloxía, Obstetricia e Pediatría ao edificio principal do CHUO será a semana que vén.
"Non se deu data do traslado, en todo momento falouse de xullo", explican desde a xerencia. Na concentración deste martes as participantes preguntáronse que fixo Sanidade desde o mes de abril, cando o conselleiro visitou Ourense e deu conta do cambio de criterio da Xunta, que coñecía a inestabilidade do falso teito do edificio pero só apostou por facer un novo cando trascenderon as informacións dun derrubamento nunha zona de paso de doentes e persoal sanitario.
"Parir con respecto non é un luxo, é un dereito", "parir con dignidade na nosa cidade", "queremos parir sen ter medo a vir!" ou "queremos parir sen ter que fuxir" son algúns dos lemas que escribiron nas súas pancartas as manifestantes, que reclamaron "información" e "probas" á xerencia da área sanitaria de que non se van vulnerar os seus dereitos nas zonas "provisionais" do hospital, nas que Sanidade di que investiu "máis de 2,7 millóns de euros".
CIG-Saúde cuestiona a "premura e os tempos nos que se pretende realizar" este traslado e pide "visitar as obras" da que será a sala de partos
"Esiximos explicacións claras por parte dos responsables deste traslado, que se escoite tanto a pacientes como a profesionais do sector e que non se realice o traslado da sala de partos nestas condicións infrahumanas! Esiximos que nos den unha alternativa segura e salubre", afirman as mulleres embarazadas mobilizadas.
"Nestes momentos, e coa información que temos, non podemos deixar de cuestionarnos a viabilidade dos cambios pretendidos", sinala a CIG-Saúde de Ourense nun escrito para a dirección do CHUO que a central sindical rexistrou este martes, onde salienta que "no servizo de partos son moitas as voces discordantes coas decisións adoptadas", polo que cuestiona a "premura e os tempos nos que se pretende realizar" este traslado provisional do Materno Infantil ao edificio principal do CHUO.
A CIG-Saúde solicita á xerencia "poder visitar as obras que se están a levar a cabo para a instalación do servizo de partos na súa nova ubicación" porque, incide na súa petición, "para dar coidados de calidade deben darse uns mínimos que, a día de hoxe, coa información que temos, pensamos que non se van poder cumprir".
A Asociación Galega de Matronas denuncia que as mulleres da área de Ourense "están sendo tratadas con menos recursos, menos opcións e menos respecto polos seus dereitos asistenciais"
A última hora do martes, a recollida de sinaturas na plataforma Change.org iniciada por matronas do CHUO para que a Xunta asegure condicións "dignas" que garantan os dereitos de usuarias e traballadoras superaba as 1.500 firmas de apoio.
A Asociación Galega de Matronas denuncia que "esta situación supón unha clara desigualdade territorial que afecta directamente ás mulleres da área sanitaria de Ourense, que están sendo tratadas con menos recursos, menos opcións e menos respecto polos seus dereitos asistenciais". "Non podemos permitir que se cree unha Galicia a dúas velocidades no tocante á atención ao nacemento", aseveran.