Persoal do servizo de partos do hospital de Ourense recolle nun informe eivas que "comprometen de maneira significativa a calidade da atención obstétrica, a seguridade clínica de mulleres e neonatos e os dereitos fundamentais das mulleres durante o parto"
Profesionais sanitarios que atenden partos en Ourense recollen nun informe “deficiencias” de “especial gravidade” que atopan na nova localización deste servizo, que será temporal –non se sabe con exactitude ata cando– despois de que a Xunta optase por desfacerse do Hospital Materno Infantil tras o derrubamento do falso teito hai tres meses. Sinalan que as salas de dilatación para as embarazadas están “divididas por cortinas” e “sen lavabo nin auga corrente”, polo que consideran que “non cumpren os requisitos espaciais mínimos para garantir unha atención obstétrica segura e eficaz”. Ademais, indican que o acceso das xestantes á sala de partos non é axeitado e que para entrar no quirófano é necesario atravesar as “áreas de recuperación” de doentes poscirúrxicos.
Para o persoal do servizo de partos, estas eivas “comprometen de maneira significativa a calidade da atención obstétrica, a seguridade clínica de mulleres e neonatos e os dereitos fundamentais das mulleres durante o parto”. A Comisión de Centro de Atención Especializada do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense denunciou este luns a “desinformación constante” por parte da xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e a súa “falta de previsión”. “Dende que a Consellería tomou a decisión unilateral de baleirar o Materno Infantil todo foi froito da improvisación, o cal pon en risco a asistencia sanitaria e ás propias traballadoras”, aseguran.
O falso teito do hospital Materno Infantil de Ourense caeu por primeira vez na sala de partos o 30 de decembro de 2023. Un mes despois, segundo desvelou Praza.gal, a dirección do hospital admitiu o risco de novas derrubas e a imposibilidade de coñecer o seu estado. É “necesario estar máis vixiante do que sucede”, advertiu a directora Asistencial en xaneiro de 2024. Pero o tema non se volveu abordar ata o 30 de marzo deste ano, cando o falso teito volveu derrubarse, esta vez na planta de Pediatría.
Diversos colectivos, como a asociación de apoio e promoción da lactancia materna Arrolos de teta, convocaron daquela concentracións diante do hospital e agardaron unha resposta do Sergas, que decidiu “anticipar” o traslado provisional dos servizos de Xinecoloxía, Obstetricia e Pediatría ao edificio principal do CHUO. Coñecidas as condicións desa mudanza, volveron convocar mobilizacións para este martes. Por ese motivo, segundo a información facilitada pola Comisión de Centro, o pasado venres convocouse ao persoal de partos a unha reunión urxente na que cargos de dirección do hospital lles pediron “que calmen os ánimos” da poboación.
Ante o inminente traslado do Materno Infantil durante as obras, tras decidir prescindir do edificio polas derrubas, a dirección do hospital pídelle aos sanitarios "que calmen os ánimos" da poboación
“A poboación sabe que o 14 de xullo –data para o traslado que a xerencia lle dixo ás traballadoras– os espazos non van estar habilitados para dar unha asistencia de calidade ás nais e aos nenos e nenas que nazan en Ourense”, afirma Nuria González, secretaria da Comisión de Centro do CHUO, quen engade que “o edificio xeral non conta con aire acondicionado e as temperaturas que se acadan nesas plantas son inasumibles para as propias parturientes, para as nenas e nenos e para as traballadoras e traballadores”.
“Onde está o servizo de humanización?”, pregúntase González. “Porque este hospital vai de abandeirado da humanización para as familias en relación aos coidados dos doentes e non nos parece que isto sexa correcto para a humanización da asistencia sanitaria”, asevera, para indicar que co traslado vaise perder “a única sala de partos natural da área sanitaria”. “O propio servizo de UCI pediátrica e UCI neonatal non ten claro como vai poder dar os coidados que fan actualmente porque o espazo ao que van non reúne as características que ten actualmente o servizo”, agrega.

Este martes está convocada unha concentración de embarazadas ás portas do CHUO
Dende a Comisión de Centro detallan que o espazo onde queren situar temporalmente a UCI pediátrica está habilitado para unha UCI, mais para adultos. “Son dez boxes que teñen que ter as portas pechadas, como imos ter a nenos e nenas que acaban de nacer coas portas pechadas dos boxes? Que seguridade asistencial imos ter aí? Son nenos que van estar monitorizados e que o sistema de alarmas que teñen non está conectado co sistema de alarmas que funciona actualmente na UCI. Así non se pode dar seguridade”, critican.
“Estamos involucionando, entendemos que os cambios poden traer incertezas pero con planificación e mantendo informadas as organizacións sindicais todo este cambio podería facerse doutro xeito, con menos riscos psicosociais para as traballadoras e con moitísima máis calidade para as e os doentes. Están minguando os servizos en número de prestacións e calidade”, asegura Almudena Pérez, presidenta da Comisión de Centro de Atención Especializada do CHUO.
A xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, pola súa banda, explica que “o traslado responde a unha planificación técnica e sanitaria” e que se están a realizar “obras de adaptación dos espazos provisionais cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros”, pero non nega directamente as “deficiencias” que recompilan os profesionais, como a da sala de dilatación separada por cortinas.
A xerencia da área sanitaria de Ourense responde que as "áreas provisionais" contan "coas medidas de humanización e intimidade requirida para os pacientes"
Nun comunicado remitido aos medios, a xerencia de Ourense limítase a incidir en que as “áreas provisionais”, que se empregarán “durante os meses que duren as obras” –que en abril levaban seis meses paradas–, “foron deseñadas para garantir a calidade da atención, coa infraestrutura e os recursos necesarios, así como coas medidas de humanización e intimidade requirida para os pacientes”.
A maiores, a xerencia di que “continúa aberta ao diálogo e á mellora continua”. “Dende logo, dende a Comisión de Centro eloxiamos a rapidez coa que esta xerencia nos desminte ante a prensa, pero despois tarda meses en dar resposta (as que a dá) ás solicitudes de información ou reunión por parte das organizacións sindicais”, replican para trasladar tamén á opinión pública a actitude “retadora” da directora de enfermería nesa reunión urxente do pasado venres, na que se pediu ao persoal “calmar” a xente usuaria do hospital. Unha representante da Comisión de Centro asistiu a aquela reunión e tivo que marchar ao recibir a advertencia “ou te vas ti ou me vou eu”, aseguran.