Denuncian "graves eivas" como que non poden ver aos doentes desde o control de enfermería e que non son quen de escoitar fóra as alarmas dos monitores aos que están conectados os doentes
Profesionais de enfermería e auxiliares de enfermería da Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense denuncian nun comunicado conxunto que as deficiencias que atopan no seu día a día de traballo tras un mes nas novas instalacións da UCI poñen “en risco” a atención aos doentes e non lles permiten atendelos coa "seguridade" e o "coidado" co que viñan tratando aos pacientes críticos que ingresan neste servizo.
Tras varias peticións de reunión tanto coa xerencia da área sanitaria de Ourense como coa dirección de enfermería, o persoal da UCI remitiu as súas queixas á xerencia do propio Sergas, sen obter respostas nin explicacións. Entre as “graves” eivas que identifican figura o feito de que perden a visibilidade completa dos doentes desde o control de enfermería e desde a sala na que teñen que preparar as medicacións, que carecen dun pulsador de emerxencia para desbloquear as portas ante urxencias nos boxes de illamento desde dentro e que non son quen de escoitar fóra as alarmas dos monitores aos que están conectados os doentes pola excesiva insonorización dos novos boxes.
A zona da UCI na que están a atopar máis dificultades para traballar é a que conta coas novas instalacións
O hospital de Ourense atópase en obras para ampliar e modernizar as instalacións da UCI e, por este motivo, só unha parte do novo espazo está dispoñible; mentres que a outra parte dos doentes críticos se está a atender desde o espazo que pertence á URPA, a zona de reanimación que xa foi empregada como unidade de críticos por mor da saturación de ingresos na pandemia da COVID-19. Desta maneira, agora a UCI repártese entre estas dúas localizacións con dez camas en cada unha.
Paradoxalmente, a zona da UCI na que están a atopar máis dificultades para traballar é a que conta coas novas instalacións. Cando o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo estaba en construción, un dos méritos da nova UCI –destacado tanto polo Sergas como polos profesionais– foi que permitía que desde o control de enfermería se puidera controlar visualmente a todos os doentes críticos ingresados. Naquela altura, o xerente da área sanitaria de Vigo era Félix Rubial, a mesma persoa que agora está á fronte da área ourensá e que valida esta remodelación, que arquitectonicamente impide o que en Vigo se considerou un acerto.
O Sergas argumenta que as novas instalacións melloran "significativamente os recursos a disposición dos e das profesionais para unha boa atención"
“A estrutura da nova unidade sofre cambios moi importantes con respecto á UCI antiga. Despois dun mes nos novos espazos habilitados detectamos problemas que contribúen a dificultar o traballo individual e en equipo que se realiza nunha unidade de coidados intensivos e poñen en risco os coidados dos nosos doentes, así como a falta de cumprimento dos Estándares e recomendacións para as unidades de coidados intensivos recollidas polo Ministerio de Sanidade e Política Social”, defenden as e os traballadores no seu comunicado conxunto.
O Sergas, en resposta a estas denuncias, afirma que “tanto as infraestruturas, como o equipamento e dotación de persoal da UCI do Hospital Universitario de Ourense permiten garantir a seguridade e bo manexo clínico dos pacientes, mellorando significativamente os recursos a disposición dos e das profesionais para unha boa atención, acorde cos requirimentos máis esixentes”.
As profesionais desmenten o Sergas: "Ningún profesional participou na elaboración de ningún plan funcional"
Profesionais desta unidade de críticos consultados por Praza.gal confirman que dispoñen de novo material na UCI e sosteñen que non recibiron “formación de xeito adecuado” para o seu manexo. Por outro lado, desde o Sergas informan de que “para a posta en marcha da reforma da UCI contouse desde o comezo cos profesionais, que participaron na elaboración do plan funcional e estiveron presentes en todo o proceso”. Un extremo que negan categoricamente enfermeiras e auxiliares do servizo: “Ningún profesional participou na elaboración de ningún plan funcional”.
Para paliar os cambios na infraestrutura da nova UCI e as deficiencias que están a atopar no seu labor, as e os profesionais reclaman que se incremente o número de persoal por quenda, como mínimo na nova zona de UCI, para pasar a ter cinco enfermeiras en lugar das catro que hai agora. A dirección da área sanitaria de Ourense manifesta que mantén “unha comunicación constante, máxime tendo en conta o lóxico período de adaptación ás novas instalacións, abertas en decembro“ cos traballadores e traballadoras. Porén, non respondeu ás peticións de reunión nin ás demandas solicitadas por escrito por estes colectivos.
"Estamos con medo a que pase calquera cousa e non nos decatemos", din as profesionais de enfermería
Ademais, fontes do Sergas incluso vincularon estas demandas cun oportunismo electoralista, cando as primeiras peticións de reunión coa xerencia da área de Ourense e mais coa dirección de enfermería por parte destas profesionais de coidados intensivos producíronse antes mesmo do adianto electoral anunciado polo presidente da Xunta.
As profesionais de enfermería confesan que este último mes van traballar con “inseguridade“: “Estamos con medo a que pase calquera cousa e non nos decatemos, ou non estar os equipos suficientes para poder resolver unha situación crítica e urxente, como sucede na Unidade de Coidados Intensivos“. O Sergas, pola súa banda, “desmente totalmente“ a situación que expoñen as súas traballadoras e incide en que as melloras tecnolóxicas “facilitan“ a atención aos doentes críticos que chegan á UCI. “Estamos traballando cun estrés bestial“, resumen desde o colectivo de enfermería e auxiliares. Desde o Sergas non facilitan unha data de finalización das obras na UCI, nin valoran cambios respondendo ás eivas detectadas por enfermeiras e auxiliares.