Violencia obstétrica no Sergas: unha sentenza histórica sen apenas antecedentes no Estado

Sede do TSXG, na Coruña, e fragmento da pioneira sentenza que recoñece como tal violencia obstétrica no Sergas CC-BY-NC-SA Praza.gal

A condena do TSXG desvelada por Praza.gal só ten un precedente no tribunal superior de Canarias, mentres que Audiencia Nacional e Supremo rexeitaron revisar un caso, doutra galega, cualificado como tal polo comité da ONU contra a discriminación das mulleres

A primeira condena por "violencia obstétrica" en Galicia emitida polo Tribunal Superior de Xustiza, revelada por Praza.gal, supón un salientable paso na xurisprudencia nese eido xa que non só emprega o concepto para cualificar os danos sufridos pola nai ou o bebé nun parto senón que o fai para individualizar tamén a súa indemnización. Isto é, como xa facían outras sentenzas previas con unhas ou outras contías, esta establece unha indemnización de 40.000 euros polos danos físicos e de 10.000 euros polos psicolóxicos, pero engade outros 10.000 euros "pola violencia obstétrica no hospital, que lle incrementou o dano moral de tipo psicolóxico".

Os danos físicos e psicolóxicos concretos a nais e bebés nos partos xa viñan sendo recoñecidos habitualmente polos tribunais, ao igual que a súa existencia é constatada polas matronas galegas. Porén, a expresión "violencia obstétrica" apenas aparece recollida na xurisprudencia e na maioría dos casos porque os tribunais desbotaron a súa existencia. Isto é, hai demandas que reclamaron a existencia de "violencia obstétrica" en diversos casos en todo o Estado, pero os tribunais desbotaron tal posibilidade na maioría dos casos sen sequera asumir o termo.

Un bebé recén nacido nunha imaxe da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Si o fixo, ao mesmo nivel que agora o Tribunal Superior galego, o Tribunal Superior de Xustiza de Canarias en 2023. Un xulgado do Contencioso-Administrativo das Palmas xa considerara "violencia obstétrica" o ocorrido nun parto de xemelgos en 2016 no que un dos bebés resultou con danos físicos e neurolóxicos e unha discapacidade do 83%. O caso foi recorrido e o Tribunal Superior ratificou a existencia de "violencia obstétrica", concepto do que dixo que era empregado na sentenza "identificando os estereotipos que atopou no asunto, e neste caos é flagrante que a muller foi ignorada na sala de partos, como se fose un ser humano alleo ao desenvolvemento dos acontecementos". A gravidade dos danos sufridos foi tal que a indemnización establecida foi de un millón de euros. 

Á marxe deste caso, o concepto "violencia obstétrica" apenas aparece unha ducia de veces na xurisprudencia e para desbotar a súa existencia en cada caso particular. En Galicia mesmo é posible atopar unha sentenza de 2023 dun xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo que considerou "unha barbaridade" empregar a expresión. Aquela resolución, ao analizar a "violencia obstétrica" argumentada na demanda, non se limitou a desbotar a súa existencia por falta de probas ou pola valoración das mesmas que estimou pertinente o xuíz senón que este considerou "unha barbaridade os termos nos que se formula, e a defensa da profesionalidade da sanidade pública esixe unha motivación rectificadora desestimatoria [...] nun exercicio de prudencia e contención expresiva".

Instalación para partos nun hospital galego © Sergas

O ditame da ONU que en 2020 constatou "violencia obstétrica" no caso dunha muller en Lugo á que a xustiza española non recoñeceu o dano é citado agora polo TSXG, como tamén fixo o tribunal de Canarias, para avalar a súa condena

Tampouco foi considerado pola xustiza española "violencia obstétrica" o sucedido nun caso que transcendeu aos medios de comunicación dunha muller atendida en 2009 en Lugo que o Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) da ONU si que acabou considerando como tal en 2020. A muller, funcionaria xudicial, denunciara o dano sufrido no seu parto no Xeral-Calde de Lugo, pero tanto un xulgado de Santiago como o TSXG desestimárono. Tamén o Tribunal Constitucional inadmitiu o seu recurso de amparo. Así que recorreu ao comité da ONU e este si considerou que o seu fora "violencia obstétrica", sinalando que "existía unha alternativa á situación vivida" pola muller e que as autoridades administrativas e xudiciais do Estado "aplicaron nocións estereotipadas e, polo tanto discriminatorias" ao analizar posteriormente o seu caso.

Con ese ditame da ONU na man a muller tentou reabrir o caso na xustiza española, pero en abril de 2023 a Audiencia Nacional rexeitouno e o mesmo sucedeu co posterior recurso ante o Tribunal Supremo. O alto tribunal desbotou que a decisión da comisión da ONU de considerar o caso "violencia obstétrica" fose suficiente para que a xustiza española outorgase unha indemnización á muller. "Non pode entenderse, a tenor da nosa xurisprudencia, que se outorgue á decisón da Comisión, cando aprecia unha infracción do dereito invocado, o carácter de título bastante e autónomo para haber lugar á responsabilidade patrimonial. Serven de indicación para avalar, sempre xunto ás demais circunstancias do caso, a determinación da lesión dun dereito fundamental que pode ter causado un dano imputable á administración", argumentou o Supremo. 

Agora, nun caso distinto, e tendo en conta o resto de circunstancias, o TSXG si considera probada e indemnizable a "violencia obstétrica" sufrida por outra galega. Faino citando o ditame da ONU, como tamén fixo o Tribunal Superior de Canarias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.