A xustiza galega vén recoñecendo diversos danos durante os partos pero é a primeira vez que emprega o concepto "violencia obstétrica", nun caso no que o propio xefe de servizo do hospital lamentou "profundamente a falta de entendemento"
A xustiza vén recoñecendo todo tipo de danos durante os partos tanto ás nais como aos bebés. Porén, é agora cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acaba de emitir a primeira sentenza na que establece a existencia de "violencia obstétrica" nun parto en Galicia. Un termo que ata agora non fora empregado na xurisprudencia e que é aplicado e argumentado expresamente no caso dunha muller que deu a luz a comezos de 2019 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
A muller, que tivera unha cesárea previa, tivo un parto moi longo que acabou sendo instrumental, con uso de ventosa e practicándolle de xeito incorrecto unha episiotomía (corte na vaxina para facilitar a saída do bebé) que lle provocou danos tamén no recto e obrigou a unha reconstrución dous anos despois tamén mal realizada. Ademais, o pai do bebé foi obrigado a saír do paridoiro e a muller sufriu danos tamén psicolóxicos certificados clinicamente. Mesmo o xefe de servizo pediu perdón polo ocorrido no paridoiro. Pero a reclamación que a muller presentou ante o Sergas nin sequera lle foi respondida e tivo que recorrer ante a xustiza.
Unha primeira sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Santiago desestimou a reclamación da muller, pero o seu avogado, Javier Constenla, recorreu e agora o TSXG vén de darlle a razón e establece que no seu caso "houbo violencia obstétrica", concepto que mesmo indemniza de xeito individualizado.
A sentenza, con data do 31 de marzo, foi emitida pola sección terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG, coa maxistrada María de los Ángeles Braña López como relatora e asinada tamén por outros catro maxistrados Francisco Javier Cambón, Juan Carlos Fernández, María Dolores López e Luís Villares. Nela o tribunal considera inadecuado o tipo de episiotomía que se lle practicou á muller, que provocou un desgarro "que excede o soportable nos partos". Un dano que requiriu dunha cirurxía de reconstrución posterior que "foi lamentable" e executada "deficientemente". Ademais, durante o parto o pai do bebé foi obrigado a saír do paridoiro malia que no mesmo estaban presentes cinco alumnos de prácticas.
A sentenza di que o desgarro que sufriu a muller "excede o soportable nos partos" e que a reconstrución posterior "foi lamentable" e executada "deficientemente"
A sentenza salienta que o plan de parto asinado pola muller, o documento que recolle as súas preferencias persoais sobre o mesmo, pedía que o persoal a informase e a consultase sobre as intervencións que fosen precisas. "Non había oposición ao emprego de ningunha técnica sobre o seu corpo, tan só solicitaba información sobre o que se lle ía facer en todo momento", sinala o TSXG.
O tribunal non foi quen de certificar todo o sucedido no paridoiro, porque varios dos profesionais que participaron no parto non declararon no xuízo ou dixeron que non lembraban o ocorrido. A sentenza tamén matiza que o dereito a elixir o modo de parto "nunca é absoluto" e depende do "cumprimento de determinadas condicións médicas".
Pero "cousa moi diferente é", di a sentenza, que a muller "polo contexto no que se atopaba (ían utilizar ventosa e a técnica da episiotomía, o medo polo que podía acontecer, a presenza de varias persoas na sala, ausencia da súa parella para acompañala nestes momentos, discordancias de opinión [coa xinecóloga]) todo iso lle producira un dano psicoemocional perfectamente comprensible polo turbulento da situación", como acredita a súa historia clínica posterior.
A sentenza salienta un informe do xefe de servizo do CHUS que "pide perdón pola falta de entendemento co Equipo Ostétrico" coa seguinte textualidade: "Lamento moi profundamente a falta de entendemento co equipo obstétrico así como o exceso de persoas no paridoiro, é un problema que tratamos de minimizar pero como centro docente adscrito ás facultades de Medicina, Enfermaría, así como docencia de matronas e obstetras a veces é difícil de lograr".
A sentenza mesmo indemniza de xeito individualizado a "violencia obstétrica", engadindo por ela outros 10.000 euros aos 40.000 establecidos polo dano físico e os 10.000 polo psicolóxico
Ante esta situación, o TSXG conclúe "que o trato recibido non foi o adecuado, houbo violencia obstétrica". E establece unha indemnización para a muller de 40.000 euros polo dano físico sufrido, 10.000 euros polos danos psicolóxicos, e, por primeira vez como concepto xurídico individualizado resarcible, "pola violencia obstétrica no hospital, que lle incrementou o dano moral de tipo psicolóxico, consideramos axustado conceder outros 10.000 euros".
Antes deste caso en Galicia unha muller que dera a luz en Lugo en 2009 lograra en 2020 que o Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) da ONU considerase o seu parto un caso de violencia obstétrica. A xustiza non o considerara así e cando a muller esgrimiu ese ditame da ONU para reabrir a causa xudicial en España tanto a Audiencia Nacional como o Supremo volveron desestimalo.