Parto acompañada e sen separación do bebé malia a cesárea: a loita das nais xa fai mudar os protocolos no Sergas

Unha muller, coa súa crianza tras o parto CC-BY-SA Lindsey Turner

“Nos próximos días darei á luz á que será a miña terceira crianza. Moi probablemente nacerá por cesárea (...). Por proximidade -vivo a 7 minutos do CHUS- debería nacer nese hospital, pero, salvo que me poña de parto antes, nacerá nunha cesárea programada no hospital do Salnés, pertencente a outra área sanitaria e a máis distancia do meu domicilio, para que os meus dereitos e os da miña filla que está por nacer non se vexan vulnerados". 

Así comeza unha nai xestante o testemuño feito público pola Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago), co que a entidade pretende denunciar como o servizo de xinecoloxía e obstetricia da área sanitaria compostelá "incumpre os criterios de atención recollidos no Plan de Parto e Nacemento do Sergas do ano 2017". 

Neonato nun hospital CC-BY-SA Wilker Lauriano

Unha nai xestante opta por parir no Salnés malia vivir ao carón do CHUS para evitar que a separen do seu fillo se hai cesárea, "incumprindo os criterios de atención do Sergas"

Nese plan aclárase que no caso dun parto por cesárea ou instrumental "promoverase, ao igual que no parto eutócico, o acompañamento continuado, a intimidade, e o contacto inmediato pel con pel tras o nacemento". Unha recomendación que coincide coas das organizacións sanitarias internacionais pero que se incumpre sistematicamente en varias áreas sanitarias galegas, o que leva a numerosas mulleres a programar o nacemento da súa crianza na do Salnés, que mantén xuntas nai e bebé agás que algún problema médico o imposibilite. 

O propio plan do Sergas aclara, como di B.B.D., a nai xestante que ofrece o seu testemuño, que o contacto pel con pel dun neonato coa súa nai nada máis nacer e de maneira ininterrompida "é importante e beneficioso, pois diminúe o risco de hemorraxia materna, de depresión pos-parto, favorecendo a instauración da lactación materna e a adaptación á vida extrauterina do bebé, entre outras". 

A denuncia é común noutras familias que critican que en varias áreas sanitarias a cesárea implique a separación do bebé e da parella malia as recomendacións

"Non hai escusas de ningún tipo nin razóns para manter a separación de nai e pequenos nestes casos, xa non só polos beneficios que ten mantelos xuntos, senón polos prexuízos que supón o contrario. Non descubrimos nada novo, hai recomendacións de todo tipo, desde a Asociación Española de Pediatría ata a Organización Mundial da Saúde (OMS) e o propio Sergas", explica Cristina Lojo, profesional no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e vicepresidenta da Asociación Galega de Matronas (AGAM)

"Ese pel con pel e ese primeiro contacto co fillo é fundamental polo que supón no vínculo, no inicio da lactación, no proceso hormonal das mulleres, na minoración da dor. Ademais, ese primeiro contacto, ese primeiro período sensitivo e de alerta dos pequenos antes de caer nun sono profundo haino que aproveitar porque son horas que non se poden recuperar", engade Lojo

"Malia toda a evidencia científica e as recomendacións que existen, no CHUS, no caso de cesárea, seguen a separar nais e bebés sen ningún criterio médico relevante. Se a miña filla nace alí, igual que me ocorreu coas miñas outras crianzas, estaremos horas separadas, eu facendo o espertar da anestesia soa, e a miña filla co seu pai, que é marabilloso, pero non é o hábitat natural onde debería estar un bebé acabado de nacer, nin ten peitos para aleitala como se debe", explica. 

Hospital Clínico Universitario de Santiago CC-BY-SA Xunta

A afectada solicitou por rexistro a modificación do protocolo para que se aplicase algo "tan sinxelo" como permitir á parella entrar no espertar e "estar xuntos iniciando a lactación materna". "Non recibín ningunha resposta dos responsables dos servizos a quen a dirixín, deixando que o tempo pase e que quede sen opcións", explica. 

"Por desgraza, neste e outros hospitais, séguese a banalizar a importancia que ten ese contacto precoz e ininterrompido e séguese minimizando o impacto negativo que estas malas prácticas teñen en nais e crianzas, formando parte do que se coñece como violencia obstétrica e obrigando ás mulleres a recorrer ao chamado turismo obstétrico, buscando un hospital que nos respecte", insiste. 

A plataforma Loita logrou unha "vitoria histórica" en Pontevedra, onde se permite xa parir acompañada aínda con cesárea, e que se revisen os protocolos en Vigo

Porque o desta nai non é un caso único. Acontece habitualmente no Hospital Clínico de Santiago, no CHUAC da Coruña, en Lugo, en Vigo... E ata hai pouco en Pontevedra. As queixas -públicas e mesmo por escrito ás xerencias, pero tamén privadas e sen saíren á luz- repítense desde hai anos nas familias. Non hai moito, varias mulleres fundaron na provincia pontevedresa a plataforma Loita, coa intención de que o Sergas actualizase os seus protocolos. E hai só uns días conseguiron o que consideran unha "vitoria histórica". 

Foi tras o caso de Ruth Abonjo, unha veciña de Sanxenxo que o pasado xullo deu luz aos seus xemelgos no Hospital Provincial de Pontevedra. Semanas antes, reclamara aos directivos do Sergas e ao xerente da área, José Flores, que a súa parella puidese estar con ela, aínda que o parto fose por cesárea, e que ela puidese realizar o pel con pel cos seus bebés. Conseguiuno malia que no hospital advertíranlle nun principio que o pai non tiña sitio no quirófano e que o pel con pel tamén era imposible por falta de espazo e persoal na zona de reanimación. 

Finalmente, o xerente garantiulle o cambio dos protocolos para que, desde xa, no Hospital Provincial de Pontevedra facilite ás mulleres "un parto respectado". "Foi grazas á grande empatía do xerente coa nosa causa e á implicación de centos de profesionais da nosa área sanitaria", destacaría logo a plataforma. 

Unha muller embarazada e mais a súa parella CC-BY-SA Amina Filkins

Foi o primeiro triunfo da plataforma Loita -cofundada pola propia Ruth- pero non a última. Na área sanitaria de Vigo, e ante as mesmas demandas, o seu xerente, Javier Puente, trasladou ao colectivo a intención de traballar canto antes na actualización do protocolo de parto do Hospital Álvaro Cunqueiro, coa creación xa dunha comisión con presenza tamén de colectivos que reclaman esa mudanza. "Sabemos que na área de Santiago tamén se está a traballar nun protocolo novo e na mellora, pero leva tempo porque hai moito profesional implicado ao que poñer de acordo: pediatras, anestesistas, obstretas, enfermeiras, matronas...", confirma a AGAM.

A Asociación Galega de Matronas destaca que é "a presión social e o movemento das familias" o que provoca que o Sergas estea aceptando mudar os protocolos

A súa vicepresidenta, Cristina Lojo, aclara -tamén por experiencia propia- que a "clave" á hora de mudar os protocolos é "a implicación do persoal, a vontade, pero tamén os recursos". "En moitos casos, permitir ese pel con pel e a non separación de nai e bebé tras unha cesárea é unha cuestión de falta de persoal ou de espazos", explica, poñendo como exemplo o caso de Álvaro Cunqueiro, en Vigo: "Malia ser un hospital novo, non hai unha área de reanimación obstétrica ideal para evitar esa separación tendo a nai os coidados que require unha post-cirurxía... Porque tampouco hai que banalizar o que é unha operación que precisa dun control exhaustivo", engade. 

"Cada hospital da rede do Sergas está a traballar no seu protocolo de humanización dos partos por cesárea", confirma a Praza.gal a Consellería de Sanidade, que aclara que "hai que ter en conta o delicado do traballo nun quirófano" á hora de modificar os métodos seguidos ata o de agora na maioría das áreas sanitarias. "Galicia quere facilitar o acompañamento e o pel con pel en partos por cesárea en todos os hospitais da súa rede", insisten desde o departamento que dirixe Julio García Comesaña.

Bebé neonato CC-BY-SA Xunta

Porque, advirten desde AGAM, se algo explica os avances dos últimos meses e os compromisos en varias áreas sanitarias para mudar os protocolos de parto "é a presión social das mulleres, das usuarias, e o movemento das familias". "As matronas levamos moito tempo reclamando mudanzas e o cumprimento das recomendacións, pero tamén levamos tempo advertindo de que sen as demandas das usuarias sería imposible conseguir o que se está conseguindo", explica. 

Polo momento, e malia aos avances, no CHUS aínda non se aplicaron as mudanzas demandadas. "Por que un hospital comarcal hai anos que é quen de garantir dereitos e un de terceiro nivel coma o CHUS non? Por que nos oito anos que pasaron dende o nacemento do meu fillo maior non se avanzou nada e se seguen a coartar dereitos que xa están recoñecidos e que reducirían comorbilidades e outros problemas sanitarios? Canto máis temos que agardar as mulleres da área sanitaria de Santiago para que as xerencias e profesionais se unan e garantan e respecten dereitos básicos?", pregunta a nai que fixo público o seu testemuño a través da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. 

A entidade lembra que nos puntos 3 e 6 do Plan de Parto e Nacemento do Sergas "recoñécese expresamente, polo carácter beneficioso tanto para a nai como para o neonato, que se debe garantir tras o parto vaxinal ou por cesárea o contacto pel con pel todo o tempo que a nai desexe". "Exiximos que se poña fin á arbitrariedade que se practica nesta área sanitaria e que B.B.D. sexa a última paciente que teña que verse obrigada a ter que solicitar atención noutro hospital", di a asociación, que empraza a todas as nais xestantes "a reclamar un trato digno que respecte os dereitos das nais e dos neonatos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.