A ONU vén de reprender a España pola violencia obstétrica que sufriu unha nai durante o parto da súa filla nun hospital público en Lugo no ano 2009. Expertos do Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW) consideraron que a afectada foi sometida a "intervencións médicas innecesarias" durante o nacemento da súa filla, "incluída a indución ao parto sen aparente xustificación".
Houbo "intervencións médicas innecesarias", incluída a indución ao parto "sen aparente xustificación"
O comité, que adopta por primeira vez unha decisión relacionada coa violencia obstétrica, ditaminou que se produciu unha vulneración de varios artigos da Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Recoméndalle ao Estado español que lle ofreza á muller "unha reparación apropiada, incluída unha indemnización financeira adecuada aos danos de saúde física e psicolóxica sufridos".
Ademais, reclámalle a España que asegure "os dereitos da muller a unha maternidade sen risco" e o acceso a unha atención obstétrica "adecuada", que faga estudos sobre a violencia obstétrica para visibilizar a situación e proporcione formación aos traballadores sanitarios e ao persoal xudicial. España, engade, debe garantir "o acceso a recursos eficaces" cando os dereitos de saúde reprodutiva da muller se violen.
A muller, S.M.F., decidiu elevar o seu caso á ONU, organismo ante o que foi presentado por unha avogada española, Francisca Fernández, despois de non recibir resposta do Sergas e de que a xustiza española desestimase as súas demandas.
A muller non recibiu resposta ás súas queixas ante o hospital e o Sergas e a súa demanda ante os tribunais foi desestimada
O CEDAW considera que cando a afectada chegou ao hospital "non existía ningunha emerxencia" pero foi sometida "a numerosas intervencións sobre as que non recibiu ningunha explicación" e non se lle pediu o seu consentimento.
Na súa queixa ante a ONU, a afectada relatou que en setembro de 2009, na súa semana 39 máis seis días de embarazo e tras unha xestación "normal" e "sen problemas", acudiu ao hospital de Lugo, daquela o Xeral-Calde, "simplemente para recibir orientación".
Sometérona a dez tactos vaxinais, que ela cre que poden estar na orixe da infección coa que naceu a nena
Non entrara aínda na fase activa de parto, pero tiña contraccións prodrómicas, que son leves e irregulares e que se dan antes do parto como tal. Porén, ao chegar ao centro sanitario ingresárona e fixéronlle un total de dez tactos vaxinais entre este momento e o nacemento da bebé, unhas 40 horas despois, sete deles antes do parto.
O persoal médico suministroulle oxitocina intravenosa para inducir o parto sen que a muller dese o seu consentimento. Pediu incorporarse para dar a luz, pero non lle foi permitido e, "sen mediar explicación ou información", fixéronlle unha episiotomía (un corte na vulva) cunha tesoira e extraeron á nena utilizando unha ventosa. A filla foi trasladada á unidade de neonatoloxía con febre, causada por unha bacteria que a muller sostén que se puido transmitir nos tactos vaxinais, e permaneceu alí sete días. Isto interferiu tamén coa lactancia materna e a creación do vínculo, segundo a afectada.
Esta situación provocoulle á nai "un trastorno de estrés postraumático", para o que precisou terapia psicolóxica. Ademais, necesitou tratamento de fisioterapia para recuperarse dos danos producidos pola episiotomía, o que lle imposibilitou manter relacións sexuais durante dous anos.
O ocorrido provocoulle un trastorno de estrés postraumático e a episiotomía deixoulle secuelas físicas
A afectada presentou queixas ante o hospital no que foi atendida e ante o servizo de atención ao paciente do Sergas, que non recibiron resposta, expón. Posteriormente formulou unha reclamación de responsabilidade patrimonial ante a administración pública que resultou desestimada pola Consellería de Sanidade, polo que despois interpuxo unha demanda pola vía contencioso-administrativa, pero o caso foi desestimado primeiro por un xulgado de Santiago e, despois, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Tribunal Constitucional inadmitiu posteriormente o seu recurso de amparo.
O CEDAW considera que neste caso "existía unha alternativa á situación vivida" pola muller e que as autoridades administrativas e xudiciais do Estado "aplicaron nocións estereotipadas e, polo tanto discriminatorias" ao considerar que é o médico que decide se facer a episiotomía; ao afirmar, sen proporcionar explicacións, que "era perfectamente comprensible que o pai non puidera estar presente no parto instrumental", e ao "asumir que as lesións psicolóxicas" son "unha cuestión de mera percepción", pero amosar "empatía" cara ao pai cando declarou terse visto privado de relacións sexuais coitais durante dous anos.