A Consellería de Sanidade publica a licitación dun contrato para o ‘servizo de indización e codificación dos diagnósticos e procedementos das altas hospitalarias e de hospitalización a domicilio dos hospitais dependentes da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos’ por un total de 195.415,01 euros. Un traballo fundamental para o día a día de calquera hospital, consistente en trasladar o que se fai con cada paciente que ingresa a unha clasificación internacional de enfermidades e procedementos diagnósticos e terapéuticos.
Esta información permite que os hospitais poidan avaliar o seu funcionamento internamente, comparar a súa actividade coa doutros centros e mesmo serve para que a propia Consellería de Sanidade saiba os recursos que precisa destinar a cada centro sanitario dentro dos seus orzamentos. O Sergas conta cunha categoría de técnicos superiores en documentación sanitaria que se encargan, entre outras funcións, desta codificación a partir das historias clínicas dos doentes.
Con esta licitación, a Xunta dá acceso a unha empresa privada a información sensible de carácter privado e o fai a pesar de contar con 413 profesionais nas súas listas de contratación en todo o país. Segundo a información dispoñible no sitio web do Sergas, hai 370 persoas inscritas na quenda libre da categoría de técnico/a superior en documentación sanitaria e 43 na quenda de promoción interna.
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte ábrese con este contrato a que unha empresa privada acceda desde fóra da rede informática do Sergas á historia clínica dos pacientes
Praza.gal tivo acceso aos detalles do prego de prescricións técnicas da licitación, onde figura que a codificación da que se encargará a empresa privada á que se adxudique o contrato inclúe todos os “procedementos cirúrxicos e os diagnóstico-terapéuticos que se realicen ao paciente e que así queden reflectidos na súa historia clínica”. Con especial atención a probas como as endoscopias, resonancias, biopsias ou tratamentos de quimioterapia.
O Sergas estima que a empresa que gañe o concurso terá que codificar unhas 25.000 altas anuais, 23.000 altas hospitalarias e 2.000 altas de hospitalización a domicilio (HADO), entre o Hospital Universitario Lucus Augusti, o Hospital Público da Mariña e Hospital Público de Monforte.
A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos ábrese con este contrato a que unha empresa privada acceda desde fóra da rede informática do Sergas á historia clínica electrónica de todos os pacientes ingresados nalgún momento nun dos seus hospitais.
A licitación, á que tivo acceso Praza.gal, recolle que “polo menos o 30% do equipo de traballo proposto deberá realizar as tarefas de codificación desde as instalacións do Hospital Universitario Lucus Augusti”. O resto dos técnicos da empresa poderán entrar nas historias clínicas do Sergas de maneira remota a través dunha “conexión electrónica segura (VPN)”.
A CIG-Saúde incide en que "todas as actividades obxecto da licitación poden ser realizadas, con calidade e seguridade, desde o ámbito público"
Para a CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector, esta privatización “pon en risco a confidencialidade dos datos que figuran nas historias clínicas”. “Unha vez máis, a Consellería de Sanidade opta por privatizar unha parte da actividade da sanidade pública no canto de reforzala coa contratación de profesionais que ten agardando nas súas listas de contratación”, critica nun comunicado.
A CIG-Saúde incide en que “todas as actividades obxecto da licitación poden ser realizadas, con calidade e seguridade, desde o ámbito público”; e insta a Xunta a que “suspenda” este procedemento privatizador e contrate aos profesionais que ten apuntados nas listas do Sergas, “creando as prazas estruturais necesarias” desta categoría de técnicos.