Dous meses de protesta diaria na Mariña: "O hospital esmorece e a sanidade agoniza"

Mobilización de persoal e pacientes do hospital de Burela, o 30 de maio CC-BY-SA Xunta de persoal Hospital da Mariña

Desde o pasado 9 de abril, e durante todos os días, profesionais e persoas usuarias do Hospital Público da Mariña, en Burela, concentráronse ás portas do centro "en defensa dos e das doentes" e dunha sanidade pública "de calidade e proximidade"

Persoal e pacientes do Hospital da Mariña poñen fin a case dous meses de protestas diarias en demanda de "máis persoal e medios" e dunha sanidade pública "de calidade e proximidade"

Unha vaga de mobilizacións que volveu situar, como tantas veces nos últimos anos, A Mariña como epicentro da protesta contra a "deterioración" da sanidade pública, en constante rebelión desde que en 2018 a reforma sanitaria deixara a comarca sen área propia, decisión que profesionais, plataformas sanitarias, partidos políticos e boa parte da cidadanía ven como clave para explicar a situación actual. Un problema, resumen, de "desigualdade asistencial" en Galicia. 

A protesta destas oito semanas centrouse en "advertir das carencias do hospital" e en demandar "máis persoal e máis medios", así como "rematar coas longas listas de agarda ou coas derivacións ao HULA de Lugo e a hospitais privados para consultas, probas diagnósticas, operacións cirúrxicas e ingresos que antes asumía o centro hospitalario". Así explica a xunta de persoal unhas concentracións impulsadas polo colectivo Polos Pacientes da Mariña, profesionais do centro co apoio da devandita xunta de persoal e mais de doentes, "cansos de ver como o hospital esmorece" e na procura de "máis recursos". 

Mobilización de persoal e pacientes do hospital de Burela, o 30 de maio CC-BY-SA Xunta de persoal Hospital da Mariña

Foi constante e tenaz a protesta, tanto que logrou que fose o propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, quen visitase o hospital para coñecer as súas demandas. "Foi incapaz de achegar solucións concretas para o estado de emerxencia da sanidade na comarca", explica a xunta de persoal que, no entanto, valora os "pequenos parches, non solucións" logrados grazas a unión e o traballo de "profesionais e doentes xuntos". 

A mobilización logrou "pequenos parches, non solucións" nun hospital que require de "máis servizos e máis prestacións"

"Fixo falta un mes para que o conselleiro se presentase en Burela a falar co persoal, mais case dous para que a dirección do centro se preguntase quen está detrás das concentracións", din desde Polos Pacientes da Mariña, en referencia aos requirimentos para se identificar ás persoas que se manifestaban e logo da retirada dunha pancarta-mural reivindicativa. 

Entre os pequenos logros, o reforzo temporal para pasar consultas en fin de semana de uroloxía ou cardioloxía —unhas "intolerables listas de agarda"—, o desprazamento dun médico rehabilitador para reducir estas listas de espera, un medico especialista en nefroloxía e en anatomía patolóxica ou o desprazamento de profesionais de Medicina Interna para intentar "paliar a grave situación que atravesaba o servizo impedindo garantir a asistencia sanitaria", entre outras especialidades.

Tamén se incorporou unha técnica de Farmacia máis ao hospital de Burela, "un servizo central invisible pero que estaba infradotado e cunha carga de traballo física e mental que repercutía na saúde das traballadoras e traballadores”, explican desde a xunta de persoal. "Non foi sen tempo e logo de reiteradas peticións a unha dirección que sempre dicía non", insisten tras dar as grazas á "presión" exercida por profesionais e doentes. 

A "anomalía" da Mariña

Pero queda moito, advirten. Os profesionais reclaman "máis servizos e prestacións" na Mariña, como os de placas dentais, electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular ou a implantacion de marcapasos. 

Tamén piden o persoal necesario en todas as categorías e a creación de prazas de logopedas, terapeutas ocupacionais ou neuropsicólogos, ademais de máis e mellores servizos en Fisioterapia ou dotar o de partos con auxiliares de enfermaría "as 24 horas do día e os 365 días do ano". Segundo a xunta de persoal, esta "anomalía" só ocorre "pola dependencia de Lugo, que decide os recursos humanos en cada hospital". 

Mobilización de persoal e pacientes do hospital de Burela, o 30 de maio CC-BY-SA Xunta de persoal Hospital da Mariña

Velaí a cerna dos problemas, segundo a xunta de persoal e a cidadanía mobilizada, que insistiu durante todas estas semanas nunha petición vixente desde hai sete anos: "Demandamos a recuperación da área sanitaria roubada; pasar a depender de Lugo, lonxe de ser a solución, foi o problema da actual situación alarmante da nosa sanidade"

As protestas na Mariña insisten en denunciar o "roubo" da área sanitaria en 2018 e en reclamar a súa recuperación: "Lonxe de ser a solución, é o problema"

O colectivo Polos Pacientes na Mariña lembra que o que se formulaba como "solución aos problemas" non foi tal e a supresión da área da Mariña "non fixo máis que aumentar o número de pacientes e o tempo de espera por consulta". Así, achegan datos do propio Sergas que indican que a finais de 2014 os doentes que esperaban unha primeira consulta na Mariña son agora case 10.000. Mentres, lembran, en Lugo as cifras apenas variaron. Ademais, advirten de que o tempo media de espera pasou na comarca de pouco máis de 45 días a case 120. 

Por iso o persoal advirte de que seguirán as demandas de "xente alegre e combativa da Mariña que saíu novamente á rúa para lembrarlle a quen xestiona a nosa sanidade que estaremos agora, aquí e sempre na defensa da sanidade pública". "Verémonos antes do que pensades", din tras asegurar que non van "cansar". 

"Non nos conformamos coas escasas, apresuradas e insuficientes medidas tomadas nestes días"

"Non nos calarán; estaremos vixiantes e non permitiremos ningún recorte máis por parte da Consellería de Sanidade", di a xunta de persoal, que anuncia novas mobilizacións "se a situación non se reverte con solucións reais". 

O colectivo de profesionais, pola súa banda, lembra que "a sanidade na Mariña agoniza". "Non a imos deixar morrer; non nos conformamos coas escasas, apresuradas e insuficientes medidas tomadas nestes días. Non resolven o problema. Continuaremos traballando en prol dunha asistencia digna para os mariñáns e mariñás", rematan para advertir que só fan "unha pausa, mais só para coller impulso" e que traballan "en algo grande" para os vindeiros días. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.