Desde hai xa moitas semanas, a xunta de persoal e pacientes do Hospital da Mariña, en Burela, maniféstanse contra a falta de persoal e medios no centro e a conseguinte derivación de doentes a Lugo. Advirten da marcha de profesionais polas condicións de traballo "que non permiten unha axeitada atención" e mais pola inestabilidade laboral que provocan "contratos lixo".
As mobilizacións reclaman, ademais, a mellora da sanidade pública en toda a comarca da Mariña e sinalan o Sergas pola "infradotación" de varias categorías profesionais ou por casos concretos como a falta de técnicas auxiliares de Enfermaría no servizo de partos, de creación de prazas de técnicos e técnicas de Farmacia ou de persoal de fisioterapia en varios centros de saúde malia "existiren profesionais nas listas de contratación".

"Estamos fartas e fartos de recortes nos servizos sanitarios e do benestar social da poboación por parte da Consellería de Sanidade", con cuxo titular, Antonio Gómez Caamaño, mantiveron unha xuntanza a pasada semana da que dixeron saír sen "ningunha solución concreta".
A pancarta-cadro realizada por artistas locais simboliza a "deterioración" da sanidade na Mariña; foi retirada por orde da dirección do hospital ao pouco de ser pendurada
Neste martes, noutra mobilización da xunta de persoal, artistas plásticos da Mariña e pacientes do hospital uníronse ás protestas realizando unha pancarta-cadro para simbolizar a "deterioración" do servizo sanitario a través do efecto do tempo sobre a obra, que prevía estar exposta á intemperie no centro sanitario.
A obra, "metáfora da vulnerabilidade dos e das pacientes ante as demoras e falta de coidados", foi pendurada esta mañá na varanda do hospital pero retirada ao pouco tempo por orde da dirección do Hospital da Mariña, segundo denuncia a xunta de persoal.
Pedro Cabarcas, Adri Pardo e Neira Brochs foron os autores da obra baixo o lema En defensa dos pacientes da Mariña e na que cada un dos artistas debuxou distintas caras, incluída unha reinterpretación d'O berro de Munch.

Todos eles advertiron de que, como pacientes do hospital, sofren os problemas que denuncia a poboación da Mariña e son derivados acotío a Lugo para realizar algún tipo de proba ou consulta, ademais de agardar varios meses por intervencións cirúrxicas.
Entre os carteis que o persoal e os pacientes luciron na mobilización deste martes puideron volver lerse mensaxes como "humanizar non é trasladar", "derivar é maltratar" ou "a asistencia sanitaria non está garantida". Ademais, os manifestantes volveron reclamar "área sanitaria propia", ao entender que a supresión da da Mariña é parte principal dos problemas que agora denuncian.