O persoal do Hospital da Mariña estoupa contra a falta de recursos e os prexuízos para os pacientes

Mobilización do persoal do Hospital da Mariña, en Burela CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Xusto no día que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmaba no Parlamento que Galicia tiña "a mellor sanidade pública da historia" e tres días despois da manifestación que o pasado domingo reclamou nas rúas de Compostela un mellor servizo público por parte do Sergas, profesionais do Hospital Público da Mariña concentrábanse ás portas fartos e cansos da falta de persoal e medios que provoca continuas derivacións de doentes ao hospital de Lugo (HULA) e a incapacidade para facer un seguimento axeitado destes pacientes, situacións que acaban, segundo denuncian os profesionais, repercutindo na súa saúde. 

"Atopámonos baixo mínimos", advirte nun comunicado a xunta de persoal do hospital, que leva anos denunciando o seu desmantelamento e que alerta, sobre todo, dos prexuízos que supón para os pacientes. "Moitas das nosas consultas atópanse reducidas e incluso pechadas, polo que o número de doentes en lista de agarda non fai máis que medrar, xerando un abandono absoluto no seguimento dos mesmos", explican os profesionais, que aseguran que moitos destes seguimentos "que se poderían facer de maneira ambulante" acaban por ingresar "por falta de citas regradas nas consultas externas". 

Mobilización do persoal do Hospital da Mariña, en Burela CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

Segundo o persoal, e tras as súas "continuas reclamacións" á dirección do hospital, a resposta foi "a orde verbal de derivación directa de todos os pacientes da área médica subsidiarios de ingreso ao HULA", en Lugo. Ante esa situación, os e as traballadores din asistir durante as gardas "a moitas escenas desagradables das que non queremos seguir sendo partícipes". Refírense a pacientes que se "negan taxativamente" ao traslado por "motivos familiares, imposibilidade de coidados tan lonxe do domicilio" ou, simplemente, porque "exixen quedar ingresados no seu hospital de referencia, no que teñen dereito". 

A xunta de persoal denuncia estar "baixo mínimos", con consultas "reducidas ou pechadas", listas de agarda que "medran" e "abandono absoluto" no seguimento dos pacientes

"Desgraciadamente, isto repercute directamente na saúde dos nosos pacientes", advirten os profesionais, que critican as derivacións a centros públicos e privados para a realización de probas complementarias "que poderían ser realizadas perfectamente" no Hospital da Mariña "se estivese dotado dos recursos humanos necesarios". 

"Cremos firmemente que non é o paciente o que ten que trasladarse a outro hospital que non sexa o seu, senón que é a Administración Pública a que ten que garantir que se cumpran os dereitos dos doentes", insisten os traballadores e traballadoras, que piden "optimizar" os cadros de persoal na área sanitaria: "Ben contratando novos ou ben dispoñendo dos recursos atendendo á xustiza distributiva". 

O persoal advirte de derivacións continuas a Lugo ante as queixas e negativas dos pacientes: "Non queremos ser partícipes destas escenas desagradables"

A xunta de persoal denuncia "carencias" de gran "magnitude" nos distritos da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte e piden que se "destinen os recursos existentes noutras áreas mediante reparto equitativo en función dos habitantes, sen tratos de favor nin soldos diferentes entre os profesionais". 

"Non se poden satisfacer todas as necesidades da poboación con medio cadro de persoal ou, ás veces, nin tan sequera iso", rematan os profesionais, que cren que "en pleno século XXI non poden existir diferenzas tan importantes entre uns doentes e outros simplemente polo lugar onde residan". 

A protesta da xunta de persoal chega poucas semanas despois de que milleiros de persoas da Mariña saísen á rúa na Mariña demandando a "resurrección" da súa sanidade pública e insistindo nas eivas que, segundo denuncian, acentuou a perda a área sanitaria propia. 

Mobilización de persoal do Hospital da Mariña, en Burela CC-BY-NC-SA CIG-Saúde

"Non se poden satisfacer todas as necesidades da poboación con medio cadro de persoal ou, ás veces, nin tan sequera iso"

Precisamente, portavoces da Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña advertían en Praza.gal dun persoal "sobrepasado" e unha situación "a piques de estoupar". Así, denunciaban "suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos". Desde a xerencia da área, segundo aclaraba a Consellería de Sanidade, xa se están a "tomar todas as medidas ao seu alcance para mitigar a situación de déficit de facultativos que hai neste momento, non só nesta comarca, senón en toda España. Con todo, atribuía a "responsabilidade directa" da situación ao "Goberno de España". 

Agora, o Sergas insiste en que a área sanitaria "garante a asistencia e a atención cos máximos estándares de calidade a todos os usuarios da Mariña no seu propio hospital, que non só conta con todos os servizos que xa había, senón con máis que se foron creando nos últimos anos (oncohematoloxía, implantación de resonancia, hospitalización a domicilio...)".

Ademais, e respecto aos traslados a outros centros hospitalarios, a Consellería de Sanidade asegura que "son os mínimos e necesarios". "Esta medida só se adopta cando é absolutamente imprescindible e coa única finalidade de asegurar a mellor resposta para o proceso clínico de cada paciente, tendo en conta que o fin primordial do sistema sanitario é prestar a mellor atención aos seus pacientes con todas as alternativas diagnósticas e terapéuticas que haxa ao noso alcance", conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.