Falta de persoal e "abandono": A Mariña volve erguerse contra as eivas na sanidade pública

Concentración presentando a mobilización do domingo 23 de marzo en Viveiro CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Desde hai anos, e sobre todo ao fío da reforma sanitaria de 2018 que confirmou a supresión da súa área sanitaria, A Mariña é un dos epicentros das mobilizacións en defensa da sanidade pública. As protestas contra a falta de recursos e persoal no Sergas afondan nunha sensación de "abandono" denunciado tamén polas eivas nas infraestruturas, as comunicacións ou o futuro industrial. 

Unha manifestación en Viveiro este domingo reclama a "resurrección" da sanidade pública: "Está a piques de estoupar, nunha crise de primeira orde"

Neste domingo 23, ás 12 do mediodía, a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca desde a Cruz Vermella en Viveiro unha manifestación "pola resurrección" do sistema sanitario que, advirten desde o colectivo, "está a piques de estoupar" e sofre "unha crise de primeira orde". 

Quen así o define é Montse Porteiro, unha das portavoces da plataforma, que é clara á pregunta sobre cal dos ámbitos sanitarios está en peor situación nesta comarca de máis de 70.000 habitantes: "O peor é todo". "Teiman en enterrarnos; coa industria, coas infraestruturas e desde hai tempo coa sanidade, pero non o van conseguir", explica quen advirte da "enorme indignación" que paira en toda A Mariña, desde O Vicedo ata Ribadeo. 

Mobilización na defensa da sanidade pública na Mariña, en Burela, en xaneiro de 2023 CC-BY-NC-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

A xunta de persoal do hospital de Burela pide "unha resposta masiva que free o desmantelamento da sanidade pública na Mariña"

De aí, explica, o amplo apoio que a mobilización recolle no ámbito político —con chamamentos de BNG e PSdeG en numerosas localidades—, sindical e cidadá. Ou o chamado explícito que o pasado luns acordou a xunta de persoal do Hospital da Mariña, en Burela. “Chegou o momento de concentrar os esforzos de toda a cidadanía e colectivos sociais e profesionais, por riba das lóxicas e lexítimas diferenzas, nunha gran manifestación na defensa da sanidade publica e contra a súa deterioración”, advertiu a representación dos profesionais, que agarda "unha resposta masiva que free o desmantelamento da sanidade pública da Mariña". 

"Desmantelamento" é unha das palabras máis repetidas para explicar a situación. "Non é que o diga a plataforma, senón que é algo palpable que denuncian os profesionais", explica Porteiro, que sinala o polémico caso do paciente que acumula unha espera de máis de cinco anos para unha consulta de uroloxía no hospital —e do que o Sergas sinalou que xa era seguido en Atención Primaria por non ser unha doenza grave—, pero advirte de varios máis con longas esperas. 

"O persoal está sobrepasado; isto vai estoupar", di Porteiro, que denuncia que das dez prazas de profesionais de Medicina Interna do Hospital da Mariña son "efectivas, a tal hora, cinco": "Catro facultativos a xornada completa e un a parcial". "Aínda que estivesen os dez, seguirían estando sobrecargados de traballo", di. A plataforma, ademais, leva tempo avisando da situación de "alerta vermella" en Uroloxía, Cardioloxía, Dixestivo, Dermatoloxía ou Radioloxía "por falta de persoal, o que provoca suspensión de consultas, aumento das listas de espera e derivacións a Lugo para probas diagnósticas, cirurxías e ingresos".

A plataforma sanitaria denuncia a falta de persoal e a sobrecarga de traballo que provoca suspensión de consultas, máis listas de espera e derivacións a Lugo

"Un cardiólogo para unha comarca de 72.000 habitantes, moi complexa demográfica e territorialmente... Non ten xeito", engade Porteiro, que insiste na sensación, entre o persoal sanitario, de que "o Sergas está a desmantelar os servizos en Burela para levalos á capital provincial". "Non é que non teñamos a tecnoloxía ou o servizo, senón que non temos os recursos ou o persoal axeitado", insiste. 

Desde a xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, segundo aclara a Consellería de Sanidade a Praza.gal, xa se están a "tomar todas as medidas ao seu alcance para mitigar a situación de déficit de facultativos que hai neste momento, non só nesta comarca, senón en toda España, e que afecta, en maior medida, os hospitais máis pequenos". Para o Sergas, esta escaseza de facultativos "é responsabilidade directa do Goberno de España e non das comunidades, que son as que soportan esta situación e tratan de afrontar con todos os medios dos que dispoñen para seguir ofrecendo a  asistencia de calidade que merece a cidadanía".

Mobilización contra a falta de persoal médico no Vicedo CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

O Sergas di que a falta de médicos "é responsabilidade directa do Goberno de España e non das comunidades"

"Escúdanse sempre niso para botar balóns fóra cando as competencias sanitarias recaen na Xunta", explica a portavoz da plataforma pola sanidade pública. "Médicos claro que hai, pero están na sanidade privada ou fóra de aquí, porque os botaron con políticas precarizadoras", denuncia. 

"Nos orzamentos da área sanitaria de Lugo para este ano 2025 créanse 37 prazas máis de distintas categorías no Hospital da Mariña, o que reflicte que se está a facer un esforzo por aumentar o cadro de persoal, os recursos e os servizos dispoñibles, tanto no hospital como nos centros de saúde", responde a Consellería, que espera que se cubran axiña outra vintena de prazas en todas as especialidades. 

En canto á Atención Primaria, a plataforma advirte tamén do seu "desmantelamento" por "falta de recursos humanos" en todos os ámbitos. "Hai un déficit estrutural, pero ademais, cando falta algún profesional, non adoita ser cuberto ou substituído axeitadamente, a opción adoita ser persoal que fai parte dunha quenda, coa axenda pechada e sen poder atender domicilios, residencias ou urxencias", engade Porteiro. No caso dos PAC, segundo a plataforma, hai moitas ocasións nas que "quedan baleiros de profesionais" ante a necesidade de desprazárense para atender casos urxentes. 

"De todas as xubilacións ou vacantes que hai neste momento non se amortizou ningunha praza de Atención Primaria na Mariña, aínda que, pola falta absoluta de profesionais nas listas de contratación, hai algunha vacante que non está cuberta", xustifica o Sergas, que asegura que as prazas estruturais dos cadros de persoal dos centros de saúde da comarca "incrementáronse nos últimos anos, con prazas xa cubertas e outras en proceso". 

Nos PAC, explica a Consellería, "as prazas son as mesmas que había". "Ningunha delas foi amortizada, aínda que puntualmente hai algunha vacante, pero todas elas son cubertas mediante substitucións e de forma continuada pesar das enormes dificultades que hai para dispoñer de médicos", insiste Sanidade, que agradece "o enorme esforzo" dos profesionais para "asegurar unha atención de calidade"

Máis prazas en todas as categorías

A plataforma reclama, pola contra, a "creación de prazas de persoal de todas as categorías profesionais en xornada ordinaria", así como a redución dos cupos: 1.250 tarxetas sanitarias para médicos e enfermería e 800 en pediatría, un ámbito, este último, onde hai moita rapazada afectada. "Os cativos e cativas da Mariña teñen os mesmos dereitos que os que viven en Vigo ou na Coruña", di Porteiro, que lembra a reclamación para dotar de pediatría todos os centros de saúde, así como de "incrementar os profesionais de apoio coa incorporación de matronas, traballadores sociais, odontólogos e hixienistas dentais, fisioterapeutas, logopedas ou terapeutas ocupacionais". 

Hospital Público da Mariña, en Burela CC-BY-SA Xunta

Do mesmo xeito, no que ten que ver co hospital, a plataforma insiste na demanda histórica de "recuperar a área sanitaria roubada", así como a dotación de electromiogramas, densitometrías óseas, electroencefalogramas, consulta de cirurxía vascular ou a implantación de marcapasos, e "rematar coas derivacións aos hospitais privados de Lugo e da Coruña ou coas privatizacións de servizos hospitalarios"

"Queremos atención en función das necesidades da cidadanía e non dos recursos"

O Sergas, pola contra, lembra as obras de ampliación do hospital (en máis de 6.000 metros cadrados), cun novo edificio de consultas externas e hospitalización ou un novo aparcamento tras un investimento duns 20 millóns de euros. Tamén a renovación do TAC, a adquisición dunha resonancia magnética fixa ou de novos equipos radiocirúrxicos e ecógrafos. 

"A ampliación foi froito da presión e mobilización social; supuxo máis metros cadrados que non foron acompañados de máis e mellores servizos nin de máis persoal", di a plataforma sanitaria, que pon como exemplos a falta dunha consulta de cirurxía vascular ou de panorámicas dentais, entre outros servizos, o que acaba provocando esas derivacións a centros privados "non só para probas diagnósticas, senón tamén para intervencións cirúrxicas".

"Sabemos que a sanidade sae máis cara no rural e onde  hai poboación máis dispersa que nas cidades, pero queremos atención en función das necesidades da cidadanía e non dos recursos", recalca Porteiro, que lamenta o "abandono" por parte da Xunta e denuncia, especialmente, a actitudes de "políticos mariñaos, do partido gobernante, que son negacionistas da crise sanitaria". "Cando nos roubaron a área sanitaria dixeron que habería mellores servizos e que non iamos notar nada; é un insulto", lamenta. 

Desde a Consellería, pola contra, lembran que os Orzamentos da Xunta deste ano reservan máis de 5 millóns para a continuación das obras no hospital das seguintes fases do Plan Director da Mariña ou que o plan de infraestruturas do Sergas prevé a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo e a ampliación do de Foz. Pero malia todo, a mobilización segue activa nunha comarca farta das eivas que, ben sanitarias, ben en infraestruturas, acaban por unir a xente na rúa. Como este domingo, onde se prevé outra marcha masiva. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.