A Mariña clama en Viveiro pola "resurrección" da sanidade pública e contra a falta de persoal

Manifestación na defensa da sanidade pública en Viveiro CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Unha multitudinaria manifestación, cunhas 5.000 persoas segundo a organización, percorreu na mañá deste domingo as rúas de Viveiro en defensa da sanidade pública e pola súa "resurrección" na Mariña

Convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña, a marcha virou de novo a capital mariñá no epicentro da protesta contra as deficiencias e eivas na sanidade pública, nunha comarca farta do "abandono" político que levan anos denunciando desde diferentes ámbitos

Manifestación na defensa da sanidade pública en Viveiro, o 23 de marzo de 2025 CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

A Mariña volveu clamar por máis recursos e persoal na sanidade pública e contra a supresión da súa área sanitaria

"Onde están, non se ven os alcaldes do PP", berraba a cidadanía mobilizada nunha marcha con pancartas onde se podía ler —de novo— o rexeitamento á "supresión da área sanitaria da Mariña", decisión de hai anos que as entidades convocantes sinalan como unha das causas principais que explica a deterioración no sistema sanitario público no norte da provincia de Lugo e a "minoración" de servizos. A falta de persoal foi unha das denuncias constantes na protesta. 

A pregunta polos rexedores populares chegaba case ao tempo que o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, acudía na mesma localidade a un xantar organizado pola nova alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, que vén de acceder ao cargo tras prosperar unha moción de censura de populares e independentes, coa presenza da presidenta do PP provincial, Elena Candia, ou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares. 

Lara Méndez acusa do PPdeG de "facer un Mazón": Tellado e varios cargos populares acudiron a un xantar organizado pola nova alcaldesa de Viveiro coincidindo coa manifestación

Así, a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, presente na marcha, acusaba o PPdeG de "facer un Mazón" ao acudir varios responsables a ese xantar mentres milleiros de persoas se manifestaban ante a "situación insostible na sanidade pública" da comarca. 

"O que sucede nesta comarca é unha mostra clara do abandono ao que o PP somete os servizos públicos en toda Galicia", dixo Méndez, que denunciou a situación "ao borde do colapso" que sofre a Atención Primaria por unha xestión "absolutamente deficiente durante 16 anos". 

"Mentres a xente sae á rúa para defender a sanidade, o PPdeG fai un Mazón e vén de paparota a Viveiro. É unha burla á cidadanía que loita por ter unha sanidade digna", engadiu. 

Manifestación pola sanidade pública en Viveiro, este 23 de marzo de 2025 CC-BY-SA Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña

Olalla Rodil (BNG) pide ao PP que "resucite" a área sanitaria da Mariña e "fortaleza" a sanidade pública tras "unha política de recortes durante 15 anos"

Desde o BNG, pola súa banda, a súa vicevoceira, Olalla Rodil, pediu ao PP que "acabe coa situación" da sanidade pública na Mariña e que "resucite" a área sanitaria e "fortaleza" o sistema en Galicia. "Vemos como cada día máis centros de saúde están sen médico, sen pediatra, e como o Hospital da Mariña queda sen servizos e cada vez máis persoas son derivadas para unha operación ou unha proba ao HULA", dixo durante a marcha. 

"Non é resultado dunha cuestión climático, senón da política de recortes que practicou nos últimos 15 anos o PP", insistiu Rodil. 

Ao final da marcha, a plataforma convocante lembrou coa lectura do comunicado as súas principais demandas e instou a non dar "nin un paso atrás" na defensa da sanidade pública. Así, os organizadores volveron denunciar o "roubo" da área sanitaria mariñá e unha ampliación do hospital de Burela "que non viñeron acompañadas nin de máis nin de mellores servizos sanitarios nin de máis persoal".

Ademais, denunciaron a "alerta vermella" na que se atopan diferentes servizos, a falta de médicos e recursos na Atención Primaria e en Pediatría e a "privatización" que acaba por "afastar os servizos das persoas e crea desigualdades". 

Mobilización en Moaña pola recuperación do servizo de Urxencias CC-BY-SA Mesa Local da Sanidade de Moaña

Nova mobilización en Moaña

Por outra banda, en Moaña, a manifestación convocada este domingo pola Mesa Local da Sanidade xuntou centos de persoas polas rúas da localidade do Morrazo. Unha nova marcha para reclamar a volta do servizo de Urxencias á vila, logo que fosen trasladadas a Cangas con motivo da pandemia e nunca foran restablecidas. 

As mobilizacións en Moaña veñen de facer tres anos, con preto de 200 accións contra unha decisión que, denuncia a Mesa Local da Sanidade, provoca moitos problemas á veciñanza. Ademais, a entidade convocante tamén reclama unha nova ambulancia para o concello e a cobertura de prazas médicas pola tarde. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.