"Temos a mellor sanidade pública da historia", asegura Rueda

Cabeceira da manifestación de SOS Sanidade Pública do pasado domingo CC-BY-SA Ana G. Liste / Praza.gal

O presidente dá máis importancia á transferencia do litoral que á manifestación pola sanidade, cuxas "moitísimas cousas que corrixir" atribúe a falta de cartos porque Sánchez llos dá ao independentismo

Tres días despois da manifestación que o domingo reclamou polas rúas de Santiago unha mellor sanidade pública os dous líderes da oposición, Ana Pontón polo BNG e José Ramón Gómez Besteiro polo PSdeG, coincidiron en preguntar pola cuestión na sesión de control á Xunta deste mércores no Parlamento. A resposta do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi tallante: "Temos a mellor sanidade pública da historia", dixo, malia admitir que hai "moitísimas cousas que corrixir".

O presidente coa conselleira de Medio Ambiente na sesión de control á Xunta deste mércores 9 de abril de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Pontón atribúe os problemas da sanidade á "ideoloxía dun partido que cre que coa sanidade tamén se fai negocio"

Nas súas preguntas ao presidente Pontón e Besteiro relataron ducias de eivas do sistema sanitario, como as demoras das cirurxías e consultas, as constantes mudanzas dos médicos de familia ou especialistas que impiden seguimentos por parte dos mesmos profesionais ou o mal estado dalgunhas instalacións.

Uns problemas que son, para Pontón, froito de "16 anos de recortes mentres se incrementa o gasto na sanidade privada" pola "ideoloxía dun partido que cre que coa sanidade tamén se fai negocio". Pola súa banda, Besteiro resumino dicindo que hoxe "tárdase máis en ser atendido, hai unha maior diferenza en función de onde se vive e cando se consegue a consulta é atendida por especialistas diferentes cada vez".

Besteiro salienta que hoxe "tárdase máis en ser atendido e cando se consegue a consulta é atendida por especialistas diferentes cada vez"

Fronte a estes problemas, constatados por cifras oficiais da propia Xunta e polo Consello de Contas, a resposta de Rueda foi atribuír a manifestación do domingo a unha estratexia política da oposición na que as preguntas parlamentarias deste mércores serían o "segundo round". Esa marcha do domingo foi cualificada por Pontón como "histórica", o que serviu para que o presidente lle preguntase e se respondese el mesmo: "Sabe que é histórico? A transferencia de competencias que imos asinar hoxe no Pazo de Raxoi", en referencia á xestión do litoral que o Estado traspasa este mércores á Xunta logo de 17 anos sen asumir ningunha nova competencia.

"Reservemos o cualificativo histórico", incidiu Rueda, que centrou boa parte das súas dúas quendas de resposta ás preguntas sobre a sanidade en falar da transferencia do litoral e os obstáculos postos polo Goberno de Pedro Sánchez. E a ese mesmo executivo central atribuíu as "moitísimas cousas que corrixir" na sanidade malia ser "a mellor da historia". Porque segundo o presidente da Xunta o que fan falta para mellorar a sanidade son "recursos públicos", ante o que se preguntou "o que poderiamos facer con todo o que o Goberno central lle dá ao independentismo".

Rueda rematou a sesión de control deste mércores anunciando que quere celebrar "despois de Semana Santa" o debate anual de política xeral, que en 2024 non houbo por non estar contemplado nos anos en que se celebren eleccións galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.