Os "parches" no hospital de Ourense chegan ao Parlamento e o PP responde coas obras que levan 6 meses paradas

Derrubamentos no hospital Materno Infantil na zona de Pediatría © Arrolos de Teta

A deputada do BNG Noa Presas asegura na Cámara que a derruba acontecida o pasado 29 de marzo na área de Pediatría do hospital Materno Infantil de Ourense "non é un accidente, é unha neglixencia"

"Canto tempo estiveron prestándose en Ourense os servicios de Xinecoloxía, Obstetricia e Pediatría nun edificio que non era seguro?", interpelou este martes a deputada do BNG Noa Presas no pleno do Parlamento, en relación coa información publicada en Praza.gal sobre o coñecemento do risco de derrubamentos no Hospital Materno Infantil por parte da Xunta. 

Noa Presas asegurou na Cámara que a derruba acontecida o pasado 29 de marzo na área de Pediatría "non é un accidente, é unha neglixencia". "Esta é a imaxe da vergoña, pero é tamén a gota que colma o vaso da situación de deterioro absoluto na que está este edificio e, por extensión, a área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras", incidiu a deputada nacionalista cunha fotografía do falso teito do hospital destrozado na man. 

Noa Presas cunha imaxe da derruba do teito do Hospital Materno Infantil de Ourense na tribuna do Parlamento CC-BY-SA BNG

A deputada do BNG aseverou que o acontecido no hospital ourensán "é de extrema gravidade e require de máxima transparencia, a transparencia que non tivo a Xunta até o de agora, e a celeridade que tampouco tivo a esperada decisión de desaloxar o edificio". Presas critiou que as accións da Consellería de Sanidade chegaron "tarde" porque "tardaron máis de 48 horas" en recoñecer o risco presente no edificio do Materno Infantil e non o fixeron "ata que houbo presión social ás portas do hospital". Ademais, o desaloxo total non se completará ata o verán, segundo avanzou o propio conselleiro de Sanidade.

A Comisión de Centro do CHUO denuncia a toma de decisións "unilaterais, sen acordo nin comunicación aos órganos de representación dos traballadores e traballadoras" da dirección de Enfermería

A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta falou da súa experiencia en primeira persoa, tras dar a luz á súa filla o pasado xaneiro neste hospital. "Os sons do taladro e o martelo que repicaban no cuarto de enfronte foron un dos primeiros sons que atravesaron os seus oídos na súa primeira mañá de vida, nunhas instalacións precarias, obsoletas, decadentes e o máis afastado do que pensas que queres que sexa o primeiro que vexa o teu fillo cando vén a este mundo", sostivo. 

A Comisión de Centro do CHUO denunciou esta semana a "falta de diálogo constante" coa dirección de Enfermería, así como a "habitualidade" de toma de decisións "unilaterais, sen acordo nin comunicación aos órganos de representación dos traballadores e traballadoras e pretendendo, ademais, impoñer as mesmas á marxe dos acordos firmados coa Comisión de Centro". As e os profesionais reclaman "información veraz" á xerencia da área sanitaria para saber das unidades a mobilizar, o número de camas afectadas, a actividade realizada e a relación de profesionais por planta e quenda". 

Concentración do pasado 1 de abril no hospital Materno Infantil de Ourense convocada por Arrolos de Teta á que acudiron PSdeG e BNG CC-BY-SA PSdeG Ourense

Ante as denuncias da Comisión de Centro do CHUO, desde o BNG propuxeron a creación dunha "mesa de traballo" contando cos e coas traballadoras para "definir as actuacións a tomar e tamén os usos e condicións do futuro edificio". 

"Canto tempo levamos 300.000 persoas en Ourense soportando esta situación? E canto tempo hai que os técnicos da Xunta recomendaban que este edificio tiña que ser demolido?", incidiu Noa Presas, quen tamén reclamou que se saiba "con luz e taquígrafos" o que sucedeu porque "afortunadamente non houbo danos persoais, pero iso non exime de responsabilidades políticas a Xunta". 

Tanto Noa Presas como Carmen Rodríguez Dacosta instaron a Xunta a "desbloquear a parálise das obras" e a aplicar a "transparencia" nas súas accións nesta área sanitaria

Pola súa banda, a deputada do PP Encarna Amigo respondeu salientando que os investimentos no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) "superan os 80 millóns de euros desde o ano 2020" por parte da Xunta. Amigo centrouse nas obras do novo hospital, paralizadas desde hai seis meses, como veñen denunciando BNG e PSdeG. A parlamentaria popular insistiu en referirse ao "proceso de modernización e renovación" do centro hospitalario ourensán na súa intervención. "Esta obra vai permitir a construción dun novo hospital Materno Infantil que vai substituír ao actual para garantir un maior rendemento do investimento, unha maior vida útil e unha mellor atención ás familias ourensás", afirmou. 

Tanto Noa Presas como Carmen Rodríguez Dacosta instaron a Xunta a "desbloquear a parálise das obras" e a aplicar a "transparencia" nas súas accións nesta área sanitaria. A nacionalista lembrou que demoler o Materno para levalo a un novo edificio non foi o primeiro plan da Xunta, que a idea inicial de Feijóo foi reformalo e construír un novo edificio só de hospitalización, un plan que "debería estar rematado en 2025". Porén, "hoxe o Materno non está remodelado e está caendo a cachos, e hoxe o novo edificio non está nin construíndose", evidenciou. "Ademais, en meras palabras quedou tamén o anuncio, feito este verán, de que finalmente o edificio do Materno sería demolido para construírse un novo", agregou Presas.  

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.