Galicia foi pioneira no Estado ao ser a primeira comunidade que apostou por ter unha historia clínica integral e dixital. O incendio do arquivo do hospital de Pontevedra en 2004 acelerou a implantación da ferramenta Ianus, que permitiu compartir datos a centros de saúde e hospitais do país e agora resulta imprescindible no día a día de médicos e doentes
O arquivo do complexo hospitalario de Pontevedra ardeu no ano 2004, deixando sen rexistros médicos a milleiros de doentes –preto do medio millón de historias clínicas queimadas segundo as estimacións do Sergas– e complicando o funcionamento das consultas. Naquela altura nin os hospitais galegos nin os centros de saúde compartían entre si a información que xeraban sobre os doentes. Facendo memoria é doado lembrar os carros coas carpetas dos historiais clínicos que empurraba o persoal polos corredores. Uns datos aos que agora resulta imprescindible acceder para calquera profesional sanitario que trate a un doente.
“Xa que desaparecera o papel era mellor que non o volveran xerar”, lembra Benigno Rosón Calvo, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Consellería de Sanidade, que nos guía neste camiño iniciado en 2004 cara á dixitalización e intercomunicación da sanidade pública no que Galicia é pioneira. A piques de cumprir o vixésimo aniversario de Ianus, a ferramenta que permite consultar a historia clínica electrónica do Sergas, as diferentes aplicacións desenvolvidas ao abeiro deste sistema forman parte do día a día de galegas e galegos, 1.800.000 persoas que xa descargaron na app Sergas Móbil a súa tarxeta sanitaria dixital.
Galicia foi pioneira no Estado ao ser a primeira comunidade que apostou por ter unha historia clínica integral, que comparte a información entre centros de saúde e hospitais, e dixital. “Estabamos desenvolvendo o concepto de historia clínica única, por iso puidemos levalo a Pontevedra. O noso país segue a ser un modelo hoxe, quen foi por outro camiño agora ten que facer outra inversión para unificalo todo”, argumenta Benigno Rosón. Isto que comezou en Pontevedra agora se comparte con todo o Estado a través dun módulo de intercambio de información do Sistema Nacional de Saúde (SNS) integrado en Ianus.
Unha vez despregado en todo o país en 2005 comezaron as melloras no Ianus coa dixitalización das probas de imaxe como resonancias, TAC ou radiografías para que os radiólogos diagnosticasen a través das pantallas. Dous anos despois, potenciaron a ferramenta do historial médico incluíndo esas imaxes para que as puidera consultar calquera profesional. Desta maneira, conseguiuse unha conexión inaudita entre a atención primaria e a hospitalaria, que ata o momento compartían contada información.
Na Guarda constataron este mes "o risco" para a poboación de quedar sen conexión de rede nin telefónica, co centro de saúde "completamente inutilizado" sen poder "acceder ás historias clínicas" ou "cargar medicacións"
Hoxe en día calquera médica ou médico confirma o imprescindible que é esta ferramenta. O pasado 3 de marzo, o centro de saúde da Guarda quedou sen conexión de rede por unha avaría, o médico Álvaro Lamas explica nun escrito remitido á xerencia da área sanitaria de Vigo e á dirección de atención primaria que “isto evitou poder acceder a listaxes de pacientes, ver cales tiñan cita telefónica así como os seus números, acceder ás historias clínicas, visualizar resultados de probas ou teleconsultas, cargar medicacións de forma electrónica ou solicitar derivacións a nivel hospitalario”.
Dando conta de que se tratou dunha incidencia externa ao Sergas, Lamas constatou “o risco” para a poboación e aseverou que “un centro sanitario, con servizo ademais de urxencias, non pode quedar completamente inutilizado por unha eventualidade destas características”. “Aquelas atencións citadas presencialmente atendéronse coas ferramentas esenciais da Atención Primaria, as mans e a palabra, así como o fonendoscopio e aqueles instrumentos que non dependen de ditas conexións como o electrocardiograma, os pulsímetros, inxectábeis...”, engadiu o facultativo.
Con todo, no Sergas non sempre teñen isto en conta, pois na noite de fin de ano en Pontevedra contratouse de maneira externa dúas ambulancias con persoal médico que o propio xerente desta área sanitaria confirmou que non tiña acceso á historia clínica electrónica dos pacientes, mais defendeu que "non en todas as comunidades autónomas existe a historia electrónica e trabállase igual".
O "salto" da receita electrónica
Foi a chegada da receita electrónica a que supuxo “un salto” máis importante para a cidadanía, que se viu implicada directamente na dixitalización do sistema sanitario. “Os cidadáns viron que ter esa historia clínica única lles permitía saír da consulta co médico de cabeceira ou das urxencias cunha prescrición e recollela ao momento na farmacia. Somos a terceira comunidade autónoma en aplicar a receita electrónica e a primeira en conseguir que o 99% das receitas fosen electrónicas”, asegura Benigno Rosón. O reto actual é conectarse ao modelo de receita electrónica europea.
Coa pandemia superáronse as 100.000 persoas monitorizadas desde as súas vivendas co sistema Telea
Coa cidadanía involucrada como un actor máis dentro do sistema sanitario, no ano 2011 chegaron as primeiras teleconsultas, coas que un profesional de atención primaria pode realizar unha primeira consulta cun especialista do hospital de maneira telemática. “Agora mesmo estamos por enriba do 20% nas e-consultas para as primeiras consultas en especialidades”, apunta Rosón. Ademais, para especialidades como dermatoloxía ou oftalmoloxía é habitual acompañar fotografías das lesións, que ten que tirar o médico de familia.
Esas consultas a distancia comezaron a funcionar tamén entre médicos e doentes no ano 2015. O sistema Telea permite que dispositivos como unha báscula ou un tensiómetro, conectados a un concentrador de sinais, envíen información á historia clínica do Sergas. Arredor de 8.000 pacientes crónicos introducen datos en Telea de maneira continua. Coa pandemia da COVID-19 superáronse as 100.000 persoas monitorizadas desde as súas vivendas con este sistema: “Mandábannos datos da súa saturación –o nivel de osíxeno en sangue–, temperatura e un cuestionario do estado de fatiga”.
No último ano un millón de persoas entrou a consultar a súa información médica dispoñible a través da plataforma É-saúde
Calquera paciente pode ver desde É-saúde os resultados das súas probas de laboratorio e informes clínicos desde 2016. Tras sucesivas actualizacións, agora é posible descargar as probas de imaxe que se realizaron no Sergas. “O que en 2007 comezaron a poder ver todos os médicos, agora pode velo calquera cidadán. Se queres unha segunda opinión, telo máis doado. Se estás fóra de Galicia, tes a oportunidade de mostrarllo a outro profesional”, sinala o responsable de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería.
Consultas a distancia
En 2021 creouse a ‘carpeta de saúde persoal’ para que sexa a cidadanía quen introduza contidos na súa historia clínica, tanto informes externos como fotografías de lesións para consultar. Incluso se pode conectar É-saúde con Google Fit, aínda que neste momento non admite máis rexistros por cuestións administrativas que están a resolver. No último ano un millón de persoas entrou a consultar a súa información médica dispoñible a través da plataforma É-saúde.
A relación a distancia entre pacientes e profesionais sanitarios non é o futuro, é noso presente. O Sergas confirma a súa aposta polas videochamadas para as consultas tanto nos centros de saúde como nos hospitais, para o que está a instalar “máis de 12.500 pantallas con cámaras e micrófonos integrados”. Unha circunstancia que preocupa á plataforma SOS Sanidade Pública, que reclama na iniciativa lexislativa popular (ILP) presentada no Parlamento co respaldo de máis de 50.000 sinaturas a garantía das consultas presenciais en atención primaria.
SOS Sanidade Pública di que se "está a provocar que a poboación teña gravísimas dificultades para acceder aos médicos e médicas de familia porque a maior parte das consultas son telefónicas"
Manuel Martín, portavoz de SOS Sanidade Pública, considera que o actual deterioro da sanidade “está a provocar que a poboación teña gravísimas dificultades para acceder aos médicos e médicas de familia, porque a maior parte das consultas son telefónicas, en lugar de presenciais, ou que teñan que agardar máis dunha semana, nalgunhas localidades máis, para poder ser atendidos e para recibir unha chamada dos centros de saúde para saber que lle pasa”.
Novas conexións e ferramentas de big data
A colaboración coa sanidade privada tamén está incluída en Ianus para as consultas que o propio Sergas deriva a estes centros. Povisa foi o primeiro en entrar no sistema porque atende a máis de cen mil persoas da área sanitaria de Vigo, pero desde 2018 todos os centros poden incluír as probas que realizan ou consultar a información médica dun doente.
“Pero se non se produce esa derivación, nos centros privados non poden acceder porque temos uns criterios moi restritivos de acceso”, salienta Benigno Rosón. O mesmo sucede coas residencias sociosanitarias de ámbito público e concertado, con máis de 16.000 persoas sobre as que poden consultar e escribir nas súas historias clínicas na actualidade. O ano 2022 rematou co acceso dos centros penitenciarios galegos a Ianus e este ano vanse incorporar as residencias sociosanitarias de xestión completamente privada.
En 2022 comezou a funcionar unha ferramenta de 'big data' para médicos integrada en Ianus e este ano van engadir a posibilidade de "receitar pílulas informativas"
Nos eidos de cardioloxía e endocrino a segunda década desta dixitalización trouxo avances que facilitan o seguimento de pacientes crónicos. “En Santiago temos mil doentes cun dispositivo cardioimplantable que a través de 4G ou 5G manda os datos a Ianus. Se comeza a actuar porque o corazón non funciona esa información chéganos en tempo real, cunha alerta no Telea, e podemos actuar”, explica Rosón. Da mesma maneira funciona no caso de persoas en diálise ou diabéticas, con bombas de infusión ou parches de insulina. Desde 2020 o Sergas colabora con "once empresas distintas" para incorporar estes dispositivos permanentemente conectados na nube.
En 2022 comezou a funcionar unha ferramenta de big data para médicos integrada en Ianus, que lles permite recuperar información sobre os seus doentes. E este ano van engadir a posibilidade de “receitar pílulas informativas” nas consultas. “Por exemplo, se debutas como diabética o médico vaiche poder receitar que vexas un vídeo ou leas un documento para saber máis da enfermidade. Iso vas poder velo en É-saúde, á parte de poder consultar outra información relacionada coa diabetes nun xestor de contidos. Ademais, da mesma maneira que o médico pode comprobar que se retira un fármaco na farmacia, poderá confirmar que se visualizou ese contido recomendado”, describe Rosón. En definitiva, di, “máis coñecemento e menos medicamentos”.