Sanidade contratou ambulancias externas en fin de ano para cubrir dous PAC sen médico sen avisar o 061

Ambulancia do 061 © Consellería de Sanidade

CIG-Saúde denuncia a contratación de dúas ambulancias con persoal médico externo ao Sergas para cubrir os PAC da Parda e Baltar, que ficaron sen médico, sen informar ao persoal de enfermaría e do 061 que traballaba en fin de ano

A CIG-Saúde denuncia que a xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contratou para o 31 de decembro dúas ambulancias con persoal externo ao Sergas "sen información nin garantías" mentres deixaba "catro PAC sen médico" na noite de fin de ano. O xerente desta área, José Flores, confirma a Praza esta contratación que cualifica de "dispositivo preventivo"

"Actuamos de forma responsable", asegura Flores, quen explica que "ata a última hora estivemos intentando cubrir os PAC". A CIG-Saúde traslada que "a información que trasladou a xerencia de Pontevedra sobre centros sanitarios afectados polas faltas de cobertura, non recollía a contratación destes 'servizos externos' nin as competencias a desenvolver por estas/es profesionais". 

Simulacro de traslado urxente © Xunta

CIG-Saúde denuncia que estes profesionais externos "non tiña capacidade para acceder ao historial clínico das persoas que demandan asistencia sanitaria nin podían prescribirlles medicación"

José Flores, que asumiu a xerencia da área sanitaria de Pontevedra este verán polas importantes dificultades para cubrir as quendas dos PAC e que previamente ocupou a dirección do servizo de emerxencias 061, explica que se contrataron "dúas ambulancias medicalizadas", situadas unha delas no PAC da Parda, na cidade de Pontevedra, e a outra no de Baltar, en Sanxenxo. "Coincidiron con dous dos PAC que non tivemos posibilidade de cubrir con consulta médica para esa noite", recoñece. 

Desde a Consellería de Sanidade non aclaran de que maneira se produciu esta contratación, Flores insiste en que se trata de "dispositivos preventivos que se dispoñen de forma habitual para facer fronte á maior asistencia de persoas", como a esperable na noite de fin de ano e "como se establecen en moitos eventos". Desde a CIG-Saúde poñen de relevancia que "este persoal técnico, ao non ser contratado polas canles establecidas na contratación temporal do Sergas, non tiña capacidade para acceder ao historial clínico das persoas que demandan asistencia sanitaria nin podían prescribirlles medicación; e tampouco tiñan potestade para traballar no interior dos centros sanitarios". 

José Flores confirma que o persoal médico contratado de forma externa ao Sergas "non ten acceso" á historia clínica electrónica dos pacientes pero defende que "non en todas as comunidades autónomas existe a historia electrónica e trabállase igual"

Segundo a central sindical, houbo catro PAC sen médicos ou médicas na área de Pontevedra o día 31, a información da que dispoñía o persoal en activo nesta data recollía que no PAC de Cambados non habería médico de 15:00 a 08:00 horas do día 1 de xaneiro, polo que as urxencias quedaban derivadas ao PAC de Vilagarcía ata as 22:00 horas, cando tamén quedaba sen médico. 

Á partir desta hora todas as urxencias tiñan que trasladarse ao Hospital do Salnés. No caso do PAC da Parda, sen médico das tres da tarde ás oito da mañá, todas as urxencias se redirixían ao Hospital Montecelo. E no de Baltar indicábase que os casos leves podían acudir ao PAC do Grove e o resto tamén ao Montecelo. Pero destacan que non se informou ao persoal de enfermaría que estaba a traballar nos PAC afectados nin aos profesionais do 061 de que estas dúas ambulancias externas estarían funcionando. 

A CIG-Saúde denuncia a "falta de transparencia" neste tipo de contratacións que, aseguran desde a central sindical, "dificultan a necesaria coordinación dos recursos sanitarios para atender urxencias e emerxencias". "Fíxose sen coñecemento do persoal que coordinaba os recursos asistenciais nun día tan significativo como o de fin de ano", salienta Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde, quen incide en que José Flores "coñece ben" que este tipo de accións "xeran inseguridade" entre o persoal sanitario, á parte da inseguridade para os doentes aos que estes profesionais tiveron que atender sen a información da súa historia clínica. 

José Flores nunha visita ao centro de saúde da Parda, en Pontevedra, como xerente do Sergas en febreiro de 2022 CC-BY-SA Sergas/Xunta

"Fíxose sen coñecemento do persoal que coordinaba os recursos asistenciais nun día tan significativo como o de fin de ano", salienta Manuel González Moreira, secretario nacional da CIG-Saúde

O xerente da área sanitaria de Pontevedra ratifica que estes profesionais sanitarios contratados para a noite de fin de ano "non teñen acceso, por suposto, á historia clínica, Ianus [como se denomina o programa polo se accede ao historial médico electrónico no Sergas], que temos o privilexio de ter en Galicia", e defende que isto "non quere dicir que por iso non poidan exercer como médicos, non en todas as comunidades autónomas existe a historia electrónica e trabállase igual". 

Non entendemos que tendo dispoñible este persoal médico non se fixera a contratación directa polos procedementos normais de contratación dese persoal e dotalo das capacidades de acceso á historia clínica que garante a calidade das actuacións que foran necesarias", asevera González Moreira da CIG-Saúde. Pola súa banda, José Flores fai fincapé en que foi "unha actuación responsable", sen entrar a valorar se as profesionais sanitarias que traballaban nas quendas afectadas estaban ao tanto da existencia deste "dispositivo preventivo". Con todo, reitera: "Queremos que todos os PAC teñan médico e teñan enfermeira"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.