A falta de planificación no Sergas cun cadro de persoal avellentado que limita o acceso a titores dos residentes de Medicina Familiar e Comunitaria, sumada á experiencia dos centros de saúde sobrecargados, dificultan que os futuros médicos e médicas escollan esta especialidade
A figura das titoras e titores non estivo contemplada nin valorada na política sanitaria galega ata o momento actual, cando a falta de médicos e médicas xa é tan evidente que a sanidade pública se atopa coa saturación como sistema habitual de funcionamento. No caso dos centros de saúde galegos, a raíz do problema para formar ás persoas que elixen especializarse en Medicina Familiar e Comunitaria depende directamente da falta de planificación e da deficiente xestión de recursos humanos do Sergas.
A resolución conxunta dos Ministerios de Sanidade e Consumo e de Educación e Ciencia aprobada en xuño de 2005 pola que se establecen os ‘Requisitos xerais de acreditación das unidades docentes para a formación de médicos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria’ recolle que para que un centro de saúde poida acoller a formación de residentes debe contar con características como que o médico de Familia deberá atender “en torno a 30” ou menos consultas por día, que no caso dos pediatras reduce a 25, e que “o tempo mínimo por consulta debe ser en torno aos 10 minutos”. Todas elas peticións reiteradas polas profesionais sanitarias e que, neste punto, non se cumpren en ningún centro de saúde galego.
“Ter residentes na consulta obriga a manterte actualizado, a estar ao día nos tratamentos. Achegan formación para todos os profesionais dos centros e a súa presencia tamén nos obriga a facer investigación. Todo isto supón unha liña de acción moi beneficiosa para os doentes. Pois nos centros de saúde sen residentes a actualización do persoal esixe un esforzo moi superior”, asegura Ramón Veras, médico de Familia nun céntrico centro de saúde da Coruña e titor de residentes, que manifesta a súa impotencia ao ver pasar pola consulta a residentes tan boas que dubidan se serán felices escollendo traballar na Atención Primaria o resto da súa vida.
O Sergas perdeu a oportunidade de anticiparse á falta de titores ao non planificar como repartir as prazas nos seus centros de saúde
O documento en vigor para a formación de futuros médicos e médicas nos centros de saúde do Estado establece que o profesional que exerza de titor ou titora ten que garantir “o adecuado seguimento e supervisión da aprendizaxe dos residentes durante todo o seu período formativo”. No caso dos MIR (Médico Interno Residente) de Medicina Familiar e Comunitaria esta formación abrangue catro anos. O primeiro ano pasan tres meses na consulta do titor, a continuación dous anos rotando por outras especialidades cun mes de volta no centro de saúde e no cuarto ano están 12 meses na consulta co seu titor.
Para dar cumprimento a este requisito, os médicos que están nos anos previos á xubilación non poden formar a novos residentes, pois non van estar en activo os catro anos que require a súa formación. Desta maneira, Ramón Veras explica que o Sergas perdeu a oportunidade de anticiparse á falta de titores ao non planificar como repartir as prazas nos seus centros de saúde. O Sergas puxo ao dispor do persoal con maior puntuación (a antigüidade é o que máis puntúa nos concursos de traslados) todas as prazas vacantes nos centros de saúde, desta maneira os centos urbanos teñen agora na súa maioría un persoal próximo á xubilación.
"Moitos dos centros que están mellor ubicados nas cidades van ter un problema de residentes"
“En toda Galicia, moitos dos centros que están mellor ubicados nas cidades van ter un problema de residentes porque a xente que agora ten trinta e pico anos, que probablemente sexan quen está en mellor situación para ser titor ou titora, están na periferia das cidades. Só con deixar unha praza neses centros de saúde para a xente que aprobe a oposición xa veríamos centros con xente nova e con capacidade de ser titor, pero non o fixeron. Entón, agora están a buscar titores en prazas de tarde e a 30km das cidades. Non foi porque non se lles avisara, pero non o tiñan dentro das súas prioridades”, salienta Veras.
"Se este fose un traballo máis atractivo desde o punto de vista dun profesional da sanidade, estou convencido de que non perdiamos un só residente"
A carencia de especialistas en Medicina Familiar que hai na actualidade en Galicia, despois de anos nos que as prazas de residentes neste eido fican sen cubrir, tamén afecta ao número de titores que pode asumir o sistema sanitario público. “Se non quedan é polas condicións de traballo, eu vexo que lles gusta a Medicina Familiar e Comunitaria, que valoran a relación co paciente e a valoración que reciben, pero non levan ben o maltrato por parte do sistema en xeral, e o menosprezo que os médicos de Familia recibimos incluso por outros especialistas. Ese tipo de cousas, nas que non ven melloras, son as que fan que vaian aos PAC, ás urxencias hospitalarias, decidan anotarse a outras especialidades ou marchen fóra”, sinala Ramón Veras.
“Estou seguro de que se as condicións de traballo fosen outras e tivésemos máis tempo para ver aos pacientes, e non tivésemos que andar facendo tarefas burocráticas que non nos corresponden, é dicir, que este fose un traballo máis atractivo desde o punto de vista dun profesional da sanidade, estou convencido de que non perdiamos un só residente porque as posibilidades profesionais da Medicina de Familia son enormes”, engade Veras, para incidir en que se o que vén os residentes é estrés, cansazo e saturación das consultas non van escoller quedar.
Ramón Veras explica que son os residentes os que escollen titor ou titora, e que o fan moi ben informados e coñecendo o que buscan. “Saben ben as posibilidades que ten a Atención Primaria, o que non aceptan é a realidade da sobrecarga que vivimos”, defende. “O presidente da Xunta, en lugar de pedir exames MIR extraordinarios, pois hai que recordar que quedaron vacantes prazas de Familia no MIR e quedaron prazas sen adxudicar de Medicina de Familia en Galicia, tiña que preocuparse porque poidamos realizar unha práctica profesional atractiva, desa forma non perdemos un residente, só podemos gañar”, engade.
"Os residentes teñen dereito a ter a bos titores e a cidadanía ten dereito a ter despois bos médicos"
Para acoller unha unidade de formación de residentes, un centro de saúde “deberá contar con consultas de Medicina de Familia, Pediatría e enfermaría e no seu caso, para o traballador social”. Así o especifica o documento aprobado polos ministerios de Sanidade e Educación. Un requisito que cada vez é máis difícil de cumprir en Galicia, coa creación de centros de saúde nas cidades sen praza de Pediatría, como por exemplo o construído no barrio vigués de Bouzas, ou centros nos que de facto quedan sen pediatras pola falta de persoal.
Desde a Consellería de Sanidade manifestouse a posibilidade de facer titores obrigatorios para residentes nos centros de saúde e que todos os centros sexan docentes, opcións que para Ramón Veras non forman parte da solución, xa que considera que non todo o mundo vale para ensinar nin se pode forzar a algo que, ademais, non está ben incentivado para os profesionais. “Os residentes teñen dereito a ter a bos titores e a cidadanía ten dereito a ter despois bos médicos. O presidente da Xunta e o conselleiro de Sanidade non poden eludir as súas responsabilidades ante o fracaso da súa política sanitaria e da súa política de persoal”, asevera.